Só quedan 12 días para poder observar o evento astronómico máis importante do ano: a eclipse total de Sol que cruzará o territorio galego. É un fenómeno no que non só inflúe que a Lúa cubra por completo o astro, senón que depende de moitos máis factores, como a ubicación na banda de totalidade, o horizonte despexado, o releve ou, sobre todo, a meteoroloxía. A nubosidade pode estragar por completo a visualización da eclipse ao tapar o espectáculo no ceo. Pero, xa podemos vislumbrar algunha pista sobre como será o tempo para o día 12 de agosto en Galicia? Windguru é unha plataforma en liña especializada en prognósticos meteorolóxicos, especialmente empregada por quen practica deportes acuáticos, como windsurf ou kitesurf. Con todo, non xera os seus propios datos de xeito independente, senón que emprega modelos numéricos globais, datos de estacións, satélites e boias oceánicas. A vantaxe? Permite coñecer a previsión a 15 días vista.
A Mariña lucense é un dos territorios galegos por onde pasa a totalidade; é dicir, dende alí, as persoas poderán observar o fenómeno durante case dous minutos. Por exemplo, en Viveiro (Lugo), a duración será dun minuto e 46 segundos, e destacarán os ceos despexados ou moi pouco nubosos. A Coruña será tamén unha das provincias afortunadas, pero talvez non polo tempo. Na cidade, o prognóstico apunta a un ambiente fresco, con ceos parcialmente cubertos por nubes baixas, o tipo de cúmulos onde comeza o problema da perda de visión, xa que teñen unha maior densidade ca as medias ou altas.
Canto máis ao sur, máis se achega a parcialidade, pero mellor é o tempo. En Santiago de Compostela, os ceos estarán maioritariamente despexados, aínda que poderán comezar a cubrirse de nubes baixas cara a noite —unha mala nova para quen queira observar o fenómeno, aínda que non sexa no seu máximo esplendor—. En Ourense ocorre o mesmo: a previsión indica que será un día caluroso, despexado e soleado durante case todo o día, sen precipitacións. Finalmente, en Vigo, cun 99,3% de cobertura durante o fenómeno, poderá contar cun đía predominantemente despexado, coa aparición de nubes altas e baixas cara á tarde.
Con todo, isto só é unha previsión a dúas semanas vista; aínda quedan quince días para que a serie avance e poder ver con máis claridade como será a observación.
Canto esperar?
O meteorólogo Benito Fuentes afirma que os modelos europeos “só poden dar incerteza“, xa que explica que os pequenos cambios a tan longo prazo poden supoñer modificacións grandes na previsión. “A medida que se achegue o día poderemos afinar un pouco máis”, subliña. Entre os datos que manexa do centro europeo, o que si semella é que na Coruña non haberá moita probabilidade de precipitación, soamente podería haber algún chuvasco puntual; pode ser un factor positivo, xa que a auga trae nubes, pero non é puramente excluínte. Con todo, en Viveiro, a metade dos escenarios ven a situación entre nubosa e moi nubosa.
Con estes datos aínda espesos, cabe preguntarse cando a previsión será o suficientemente fiable como para decidir ata onde desprazarse durante o 12 de agosto. Aínda que a norma xeral son entre catro ou tres días, Fuentes sinala que “depende da situación metereolóxica”. Indica que se sobre a comunidade está situado un anticiclón, e os modelos sinalan que é moi estable e vai perdurar no tempo, el fiaríase. Con todo, se comeza un tren de borrascas que non sabe o que pode traer consigo, “nin sequera tres ou castro días antes podo fiarme”, subliña.
Atmosfera e nubosidade
“A atmosfera, dende o punto de vista meteorolóxico, é un sistema caótico”, apunta o meteorólogo. O seu estado presenta incertezas e, polo xeral, adoitan medrar co paso do tempo; iso impide que o prognóstico sexa concluínte. Con todo, explica que o factor que determina en maior medida a observación da eclipse é a nubosidade: “A precipitación require da nubosidade, e a nubosidade impide a visión; non pasa nada se hai vento ou incendios, xa que o ceo se vería velado, pero a eclipse podería observarse”. Segundo os datos recadados por Benito Fuentes, a cobertura media de nubes baixas e medias durante o 12 de agosto non foi excesiva nas últimas décadas, situándose por debaixo do 30% na maior parte do territorio español. Agora, só queda esperar.














