En menos de seis meses, a eclipse total de sol escurecerá Galicia, unha das rexións polas que pasa a banda de totalidade, onde a Lúa cobrerá completamente o Sol. Con todo, esta non é a única variable que impacta na posibilidade de ver ou non o evento científico. A meteoroloxía cobra un papel fundamental xa que, ao igual que ocorre coas chuvias de estrelas, unhas condicións desfavorables que empeoren a visibilidade, como a presenza de nubes, poden determinar a observación. Isto é o que desvela The Eclipse App, que permite coñecer o risco de nubosidade para o 12 de agosto segundo os rexistros históricos de cada punto do mapa.
Concretamente, a nubosidade histórica representa a frecuencia coa que o ceo estivo nubrado ao longo do tempo no momento no que se vai producir a eclipse este ano. Por tanto, aínda que indican que non é un prognóstico, pode servir para facer un cálculo aproximado do que pode ocorrer. “É útil para a planificación xeral e para comparar rexións, mentres que as decisións do día do evento deben basearse en prognósticos en tempo real“, explican dende a páxina web. Como aínda é cedo para coñecer con precisión que tempo fará, esta é unha forma de anticiparse.
Así, a través dunha escala de cores, o mapa permite coñecer cal é o risco de nubosidade nas cidades galegas nunha porcentaxe de 0 a 100. En Galicia, a probabilidade oscila entre 5-45%, aumentando a porcentaxe a medida que se consultan ubicacións máis cara ao norte. Os datos proveñen da mediana da fracción de cobertura total de nubes no conxunto de reanálise ERA5, utilizando os últimos 20 anos de observacións histórica para o período e as horas que rodean a eclipse: na costa galega poderá comezar arredor das 20:27 horas.
Menor probabilidade nas Rías Baixas
O lugar de Galicia con menos probabilidade de nubosidade é a franxa sur, practicamente na fronteira con Portugal. Na costa, Baiona ou A Guarda son enclaves nos que o ceo estivo ao longo dos anos predominantemente despexado, cunha cobertura de nubes mínima. Así, representan o 5% de nubosidade. O mesmo ocorre no interior, en Lobios, ou en Riós e Viladervós, en Ourense, as áreas máis ao leste con esta baixa cifra.
Outros lugares onde as posibilidades son moi reducidas son as cidades instaladas baixo a cor azul do mapa, que representa o 10%, como é o caso de Vigo e Pontevedra. En Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos ou o Barco de Valdeorras a nubosidade ascende ao 15%. Ata o 20%, considérase un risco moi baixo, como é o caso de Santiago de Compostela e a parte norte da Costa da Morte.
Canto máis ao norte, máis nubes
O mapa de The Eclipse App recolle o risco de nubosidade para cada punto da xeografía galega. A Coruña, unha das cidades de preferencia para ver a eclipse, ten un 25% de posibilidades de sufrir as consecuencias da presenza de nubes no ceo. O mesmo ocorre en Carballo, cun risco de nubes de baixo a moderado; isto quere dicir que, historicamente, as condicións foron xeralmente favorables, aínda que a cobertura de nubes intermitente foi común. Con todo, ao desprazarnos 18 quilómetros cara ao norte, en Sada, a porcentaxe aumenta en cinco puntos porcentuais.
Así vai reducíndose a posibilidade de ver a eclipse: a meirande parte de Lugo vése afectada por cifras do 20 ao 45%. Viveiro, na costa, ten un 40% de risco de nubosidade, que aínda se considera de baixo a moderado. Con todo, a costa de Burela a Ribadeo conta coa máxima porcentaxe de Galicia, un risco de nubes moderado do . Historicamente, a cobertura de nubes foi tan común como o ceo despexado, producindo condicións de observación variables.

Outro factor: horizonte oeste despexado
Outro factor clave na visibilidade da eclipse é o horizonte. A totalidade ocorrerá a última hora da tarde e, segundo datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o Sol estará moi baixo ao oeste, entre os 11-12o, o que indica a porción de ceo que debe estar despexada para velo. Así, só será visible na súa totalidade en enclaves con este horizonte despexado.
Esa inclinación engana a vista: canto máis lonxe está un obstáculo, máis alto ten que ser para impedir a visión. Por exemplo, se tes un edificio a 100 metros de ti, bastará con que mida 18 metros para ocultar o Sol. Pero se o obstáculo está a un quilómetro de distancia, molestará se supera os 176 metros de altura. O Sol estará a 11o todo o tempo, pero o tamaño do obstáculo medra proporcionalmente á distancia na que se atope.
Así, en función desta posición, algúns lugares polos que pasa a banda de totalidade e teñen o horizonte oeste totalmente despexado son abo Ortegal, Estaca de Bares, a costa Ártabra, e certos miradoiros elevados do interior.

Podes consultar The Eclipse App na seguinte ligazón.














