As rúas están ateigadas porque a expectación é máxima. O día converterase en noite durante tan só uns segundos debido a unha eclipse total de sol. A Coruña é un lugar privilexiado, o primeiro de España en poder observalo, e está a funcionar como un polo indiscutible de atracción turística. Probablemente penses que isto é un prognóstico a futuro e tan só sexa unha hipótese do que acontecerá o 12 de agosto de 2026. Mais non, isto é un relato do pasado. En concreto, do 30 de agosto de 1905. Ese día, arredor das 12:00 horas, Galicia asistiu a un fenómeno inédito: unha eclipse total de sol que xerou, xa na época, unha fascinación científica e social sen precedentes.
Un día nubrado
“Foron longos minutos de ansiedade”, describe unha crónica publicada o 31 de agosto de 1905 en El Miño. Diario liberal. A pesar de ser verán, Galicia amencera nubrada e con ameaza de chuvia, polo que existía o risco de non poder ver o fenómeno en todo o seu esplendor. Sobre todo en cidades como A Coruña e Lugo, por onde pasaba a franxa de totalidade, que tivo unha traxectoria extraordinariamente semellante á que terá a eclipse do 12 de agosto deste ano. Non obstante, e pese ás adversas condicións meteorolóxicas, houbo unha tregua e a escuridade tinguiu a cidade herculina.
“As tebras envolveron o espazo, reinou o silencio máis profundo interrompido só polo mar que bramaba embravecido e polo eco dos berros do pobo que alá abaixo na cidade acollía con xúbilo o fenómeno”, relata outra crónica do 3 de setembro de 1905, tamén publicada no xornal El Miño. Diario liberal. En Ourense, por onde non pasaba a franxa de totalidade, tamén houbo moita expectación, mais as condicións meteorolóxicas eran semellantes que as da Coruña. Os xornais da época informaron de que unha forte treboada durante o apoxeo da eclipse obrigou os observadores a refuxiarse en tendas e portais.
Burgos, o epicentro
O tempo desapracible non foi exclusivo de Galicia, senón que aconteceu noutros puntos do Estado por onde pasaba a franxa de totalidade. Sucedeu en Madrid, onde tamén choveu, segundo recolle a prensa do momento. E incluso o ceo estivo nubrado en Burgos, que se converteu no epicentro de observación do fenómeno. Segundo un recente monográfico publicado polo Observatorio Astronómico Nacional (OAN), España recibiu máis de 20 equipos internacionais de científicos para ver a eclipse.
A cidade burgalesa foi escollida polo prognóstico do tempo, que se esperaba máis despexado, e por unha localización estratéxica. “A eclipse de 1905 non só foi un evento científico, senón tamén un evento cultural”, indica a publicación do OAN, que describe o desprazamento masivo de persoas a Burgos, con trens e rúas ateigados de curiosos e expertos. De feito, ata o rei Afonso XIII se desprazou á cidade castelá para observar un fenómeno capaz de alimentar culturalmente a urbe, que celebrou festivais, representacións teatrais, corridas de touros e incluso concursos de fotografías da eclipse.


Da emoción ao inverosímil
A prensa galega, máis alá de facerse eco das crónicas da observación do fenómeno en cidades como A Coruña e Ourense, tamén deron pé a outros relatos. Un dos publicados na Gaceta de Galicia. Diario de Santiago o 13 de setembro de 1905 recolle o testemuño dun observador que se desprazou ata Carrión de los Condes, en Palencia, para ver a eclipse. “A ansiedade era moi grande. Estando todos previdos, chegou a sombra como por encanto. Que grandioso espectáculo se presentou entón ante os nosos ollos“, describe. Na carta que escribe ao xornal relata a emoción que sentiu: “O ceo era un espectáculo sublime. Xamais se borrará da miña memoria”.
Máis alá das crónicas, a prensa de 1905, incluso despois de que acontecera o fenómeno, fíxose eco de numerosas publicacións. Algunhas delas de corte divulgativo como, por exemplo, as do Almanaque de Ferrol, onde dedicaron varias páxinas a explicar por que o cono de sombra da Lúa acadaría primeiro O Canadá e logo se iría desprazando ata o Atlántico, entraría pola península por cabo Prior, continuaría polo Levante e remataría por Exipto e Arabia. Algo semellante aconteceu con outros xornais, como El Correo Gallego. Dedicaron case unha plana completa no número do 26 de agosto á eclipse, con gráficos sobre a franxa de totalidade, as estrelas visibles e incluso a evolución do fenómeno dende os minutos previos á totalidade ata os posteriores.
Amais dos contidos formativos, a prensa galega recolle todo tipo de noticias relacionadas co evento astronómico. Galicia. Revista semanal ilustrada reproduce no número do 17 de setembro de 1905 a chegada á Coruña nos días anteriores do astrónomo alemán Hern Theodor Grigull, quen viaxaba a Galicia para ser espectador directo da eclipse. Este tan só é un exemplo dos moitos expertos internacionais que viñeron a España, sobre todo a Burgos —escollido polo Observatorio Nacional como lugar oficial de observación—, para non perder un fenómeno único. Máis dun século despois espérase que a historia se repita, coa ocupación hoteleira ateigada e cun fenómeno imparable que non existía a comezos de século XX: as redes sociais.
A prensa tamén recolleu táboas de horarios, como a que custodiou durante anos a familia Bengoechea de Ribadeo e hoxe en mans do Arquivo de Galicia. Nos excelsos arquivos da súa biblioteca atopouse un recorte cos mellores horarios para ver o fenómeno dende a vila lucense. A este respecto, o arquivo galego indica que a eclipse de 1905 foi un “auténtico boom”. “A pesar de que 12 dos 18 millóns de habitantes que por aquel entón tiña España eran analfabetos, editáronse numerosas obras populares”, apuntan nunha publicación en redes sociais. E a análise da prensa da época, xunto aos arquivos particulares, dan boa mostra da expectación xerada hai máis dun século.

Houbo tal cantidade de noticias sobre a eclipse na prensa galega e nacional, que tamén houbo espazo para sucesos absurdos. Xornais como El Correo de Galicia e La Correspondencia Gallega: diario de Pontevedra fixéronse eco en setembro de 1905 dunha breve noticia, cando menos, rechamante: “Comunican de Barcelona unha nota curiosa. Unha galiña puxo un ovo durante a eclipse. No ovo vese, en releve, unha figura que pode representar o sol cos seus raios e o pequeno fragmento do astro que quedou por eclipsar”.
Do día á tarde
O 12 de agosto de 2026, 121 anos despois da eclipse solar total que revolucionou Galicia e outros puntos de España, repetirase un fenómeno que sempre esperta fascinación e curiosidade a partes iguais. A franxa de totalidade deste ano terá unha traxectoria similar: A Coruña será o primeiro lugar en escurecerse, continuará por Lugo e seguirá ata Baleares. A principal diferenza coa eclipse de comezos do século XX é a hora do seu máximo: en 1905 foi en torno ás 12:00 horas e en 2026 está previsto que se produza arredor das 20:30 horas. O día farase noite durante uns segundos mentres Galicia repetirá —oxalá co ceo despexado— unha historia centenaria.























Lembro que o meu pai me ten comentado que ese día da eclipse de 1905, aló polo Freixo o meu avó saíu pastar as vacas, e voltou antes de tempo, sen estrañarlle damasiado que que ‘anoitecera tan pronto’. O que si lle estrañou foi que ‘volvera amencer’…