Un minuto e 16 segundos. Esa será a duración exacta da total escuridade na que se somerxerá A Coruña no solpor do 12 de agosto de 2026. Un evento astronómico inédito, unha eclipse de Sol total, poderase ver dende a península por primeira vez nun século. A expectación é máxima, dado que España é o país no que mellor se observará a súa fase de totalidade, que cruzará zonas despoboadas de Groenlandia, parte de Islandia e unha pequena franxa do norte de Portugal. A Coruña será o primeiro lugar da península en escurecerse. Logo continuará por Lugo —onde a totalidade durará un minuto e 24 segundos— e seguirá ata Baleares. O resto de capitais de provincia galegas non acadarán a escuridade total.
Unha eclipse solar é un fenómeno astronómico que se produce cando a Lúa oculta total ou parcialmente o Sol visto dende a Terra. Así é como o Instituto Xeográfico Nacional (IGN) define un evento que xa está a causar expectación, pese a que faltan máis de oito meses para que se produza. De feito, en agosto de 2025 creouse unha comisión interministerial coa participación das comunidades autónomas para anticiparse ás consecuencias turísticas, tanto directas como indirectas, do fenómeno: dende grandes colapsos de tráfico ata o aumento do risco de incendio. Os desprazamentos a zonas rurais despoboadas, con menos contaminación luminosa, poden propiciar que se desaten lumes.
Pese a que coincida en verán, con todo o que se poida derivar dos múltiples desprazamentos por mor deste fenómeno de turismo científico, hai outros puntos que sobresaen: as altas probabilidades de que o ceo estea despexado e favoreza, así, a observación do fenómeno. A eclipse comezará ás 17:34 horas (hora peninsular) no mar de Bering e rematará ás 21 horas e 58 minutos no océano Atlántico. É dicir, durará algo menos de catro horas e media. Así é que se poderá ver como eclipse parcial no norte de Norteamérica, en gran parte de Europa e no oeste de África. En España atravesará varias capitais de provincia: a primeira, A Coruña, pero tamén Lugo, León, Bilbao, Zaragoza, Valencia e Palma.
Segundo o IGN, a eclipse poderá observarse como total en case toda a metade norte peninsular, mentres que será parcial no sur. Na Coruña, o primeiro punto da península onde se poderá ver, o fenómeno comezará ás 19:31 horas, terá o seu máximo ás 20:28 horas e rematará ás 21:22. A totalidade, indican dende o instituto, durará 76 segundos. En Lugo os tempos serán moi semellantes e a única diferenza é que a escuridade durará dous minutos menos que na Coruña. Malia que non poderá observarse de igual modo no resto de Galicia, o presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, Enrique Alonso, aseguraba nunha anterior peza de GCiencia que o resto de zonas da comunidade poderán contemplar “como se cobre o Sol en máis dun 90%”. É dicir, non será total, pero poderase desfrutar de xeito moi semellante.
Moita precaución
Tanto a comisión interministerial como o IGN advirten dos riscos que supón a observación da eclipse se non se toman as precaucións axeitadas. Ao ser España, e particularmente Galicia, un dos puntos clave para ver o fenómeno, é máis importante ca nunca lembrar as recomendacións das autoridades competentes. Nunca se pode mirar o sol directamente, nin sequera durante unha eclipse. Unha das mellores solucións é adquirir unhas lentes para a súa observación sempre que estean homologadas pola Unión Europea e sexan adquiridas en establecementos oficiais. Non se recomenda camiñar con elas postas, senón observar mentres se está sentado. De igual modo, non se deberían retirar ata que se aparten os ollos do sol.
Tampouco se recomenda mirar cara ao astro rei con aparellos e instrumentos que non estean o suficientemente preparados para a eclipse, como algunhas cámaras de fotos e prismáticos. Tamén se advirte do perigo dos filtros caseiros ou outro tipo de ferramentas, como lentes de sol, cristais afumados, radiografías ou reflexos da auga. “Algúns destes sistemas filtran a luz visible pero non a invisible (radiación infravermella e ultravioleta), e poden causar danos transitorios ou permanentes na vista”, alertan dende o IGN.
Tres eclipses consecutivas
O 12 de agosto de 2026 producirase un fenómeno inédito, que está a causar tanta sensación como expectación. Mais esta tan só é unha das tres datas clave de aquí a 2028. O 2 de agosto de 2027, tan só un ano despois, poderá observarse outra eclipse solar total dende España. Non obstante, en Galicia só será parcial, dado que só se observará na súa totalidade no sur. En 2028, o 26 de xaneiro, completarase o trío de eclipses ibéricas. Esta vez será anular pero, de novo, en Galicia só poderá verse como parcial porque non chegará a observar o característico anel deste tipo de fenómenos astronómicos.
O 2026 comeza cunha data marcada en vermello no calendario: o 12 de agosto. E supón o punto de partida para outros dous eventos semellantes, pero de menor calado en Galicia que o que se producirá este ano. Os fenómenos, que funcionarán como verdadeiros motores do turismo científico, serán fascinantes. E haberá que aproveitar para observalos, sempre coas precaucións axeitadas, porque non se poderá ver outra eclipse solar total dende España ata 2053.













Me resulta muy interesante los arti ulos que publican