Publicidade

A eclipse total que somerxerá a parte de Galicia na sombra nun único minuto

O fenómeno astronómico terá lugar en 2026 e, a diferenza dos que sucederán en 2027 e 2028, será visible en todo o seu esplendor no norte

Nun só minuto Galicia somerxerase na escuridade por mor dunha eclipse solar total o 12 de agosto de 2026. Será o primeiro dos tres grandes fenómenos astronómicos que terán lugar entre o próximo ano e o 2028. As provincias da Coruña e Lugo poderán observar este evento na súa plenitude e máis vale aproveitalo, porque no resto do territorio —e tamén nos outros eventos— non se poderá contemplar como o Sol queda completamente tapado pola Lúa.

O 12 de agosto de 2026 poderase desfrutar dun dos eventos astronómicos por excelencia: unha eclipse total de Sol. España e unha pequena parte de Islandia serán os únicos territorios onde se poida ver por completo este fenómeno. En Galicia, as provincias da Coruña e Lugo serán as primeiras localizacións en poder contemplar esta eclipse, que comenzará ás 17:34 horas e rematará ás 21:58 horas, co seu punto álxido ás 20:28 horas na comunidade, segundo informa o Observatorio Astronómico Nacional (OAN).

Publicidade

A eclipse total durará pouco máis dun minuto e acontecerá preto do solpor, polo que os amantes da astronomía deberán estar atentos. Segundo a traxectoria prevista polo OAN, a maioría dos lucenses poderán contemplar este evento en toda a súa plenitude. Agás os que se atopen en concellos como Carballedo, Pantón e Sober. Pola contra, só a metade dos coruñeses poderán observar o fenómeno ao completo. As comarcas de Ortegal, Ferrol, Eume, Mariñas, A Coruña, Ordes, Bergantiños, Arzúa e Melide serán as afortunadas neste caso.

Malia isto “o resto de territorios poderán contemplar como se cobre o Sol en máis dun 90%, polo que non teñen que preocuparse en exceso”, expón o presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, Enrique Alonso, quen se encarga da xestión do Observatorio Astronómico de Forcarei.

Simulación da traxectoria da eclipse do 12 de agosto de 2026. Vídeo: OAN

Trío de eclipses

Nos próximos tres anos España será testemuña de dúas eclipses totais e unha parcial. Á de 2026 haberá que sumarlle o evento do día 2 de agosto de 2027 e o do 26 de xaneiro de 2028. Desafortunadamente para Galicia o único fenómeno astronómico que se poderá observar en plenitude dende a comunidade será o do próximo ano. “Isto resultará moi importante, xa que se prevé que teñamos moito turismo científico na comunidade debido a que o evento de 2026 coincide co punto máximo da chuvia de estrelas das Perseidas“, indica Alonso.

A eclipse total de 2027 poderase observar completa na zona sur de España, mentres que no territorio galego será parcial. Comenzará ás 09:45 horas, rematará ás 11:54 horas e o seu punto máximo acontecerá ás 10:48 horas. Con respecto a 2028, este evento será anular, e transcorrerá entre as 16:31 e as 18:40 horas, co pico ás 17:52 horas. En Galicia, este verase como unha eclipse parcial, xa que non se chegará a crear ese “anel de lume” característico deste tipo de fenómenos.

Serán tres eventos de suma importancia a nivel tanto nacional como local, polo que se creou unha Comisión Nacional da Eclipse. Esta tratará de desenvolver e coordinar as actividades que estas eclipses levan asociadas, así como actuar de enlace cos diferentes estamentos e organismo que se verán implicados durante estes tres anos.

Tipos de eclipses

Unha eclipse de Sol acontece cando a Lúa se interpón entre a Terra e o propio Sol. Deste xeito, o satélite terrestre fai sobre e cubre o planeta na escuridade. Dependendo das posicións relativas dos tres astros, o evento pode ser parcial, anular ou total, tal e como explica o físico Francisco José Torcal no seu artigo de The Conversation.

De ser total, a Lúa tapa á perfección o Sol e isto pode acontecer por unha casualidade cósmica: o tamaño aparente de ambos astros é aproximadamente igual visto dende a Terra. Ademais, o satélite é unhas 400 veces máis pequeno que o Sol e está a unhas 400 veces máis preto do planeta, matiza Torcal. No caso de que sexa anular, a Lúa non tapa por completo o Sol, deixando un anel luminoso ao redor e, no parcial, só se oculta unha porción do astro rei.

Deste xeito, o evento do 12 de agosto de 2026 será unha eclipse total para a metade norte de Galicia, mentres que en Pontevedra e Ourense non chegarán a ver o Sol totalmente tapado pola Lúa.

Precaucións

Malia isto, os expertos advirten de tomar todas as precaucións necesarias para observar estes eventos. “Cando vemos ao o Sol podemos estar a queimar as retinas dos ollos sen que nos doia e crear danos irreparables nelas”, alerta Alonso. É por iso que sempre se recomenda empregar lentas ou cristais especiais que deben estar certificados pola norma internacional ISO 12312-2.

Tamén se pode ver de forma indirecta se se utiliza unha cámara dixital ou un telescopio con cámara dixital, conectado a un computador, de forma que se contemple a eclipse a través desta ou proxectado nunha parede co telescopio. No caso de non poder ter estes aparellos, a última alternativa para poder desfrutar deste fenómeno é construír unha cámara estenopeica caseira dun xeito moi sinxelo, o propio OAN explica paso a paso como realizalo.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Encaixan os galegos nas claves sociais do Informe Mundial da Felicidade? “Somos sociedade de comunidade e empatía”

Os ritmos de vida actuais levan a compartir menos tempo cos nosos, un factor que a psicoloxía liga estreitamente co benestar emocional

Un estudo relaciona unha toxina bacteriana coa “epidemia” de cancro colorrectal en adultos novos

A investigación liderada por un galego indica que a enfermidade podería ser a principal causa de morte por tumores en xente moza en 2030

Un libro recolle por primeira vez ata 704 cantigas de amor

Unha investigadora da USC recompila os textos transmitidos nos cancioneiros medievais da Ajuda, da Biblioteca Nacional e da Vaticana

Achados na illa de Tambo posibles restos dun mosteiro do século VII

Os investigadores atoparon muros e paredes que poderían pertencer a Santa María de Graza, destruída polo corsario Drake no ano 1589