Un tren de frontes atlánticas deixará chuvia en Galicia durante toda a semana

Os prognósticos apuntan á chegada de borrascas moi profundas a partir do xoves, o que traería precipitacións moi abundantes ao noroeste peninsular

A segunda semana de febreiro arrinca marcada pola inestabilidade. Nin días solleiros nin temperaturas agradables. Os días estarán marcados por unha tren de frontes procedentes de borrascas atlánticas que deixarán precipitacións por toda Galicia ao longo da semana. As chuvias non serán especialmente abundantes nin intensas pero a situación podería cambiar coa chegada da fin de semana. Varios servizos de meteoroloxía aseguran que o escenario máis probable a partir do venres é unha circulación das borrascas por latitudes máis baixas do habitual, o que xeraría precipitacións moito máis abundantes das agardadas durante os primeiros días da semana.

A primeira fronte entra polo noroeste peninsular este luns. Meteogalicia prognostica chuvias illadas e ocasionais ao longo de toda a xornada, con maior intensidade na vertente atlántica durante a mañá, ata acadar toda Galicia durante a tarde. Amais disto, os ventos de compoñente sur “seguirán traendo moita humidade”. Unha situación que terá continuidade ao longo do martes, coa entrada doutra fronte asociada a unha das borrascas atlánticas próximas ao noroeste peninsular. As nubes irán en aumento durante a mañá e comezará a chover a partir do mediodía en todo o oeste. As precipitacións xeneralizaranse conforme avance a tarde.

Publicidade

A recta final da semana

No que respecta ao mércores, será unha xornada inestable pero sen grandes acumulados de precipitación. As chuvias agárdanse durante a mañá, e xa na tarde serán illadas e ocasionais. Non obstante, Galicia recibirá unha fronte cálida e pouco activa durante o xoves. Deixará ceos con moitas nubes e chuvias febles que serán máis probables na primeira metade do día. Os refachos de vento serán ocasionalmente fortes na Costa da Morte pero, de momento, non hai activada ningunha alerta.

En relación á recta final da semana, dende o portal Meteored indican que entre o xoves e o domingo aumenta a incerteza no prognóstico. O modelo co que eles traballan apunta á chegada polo noroeste peninsular de borrascas atlánticas máis profundas que as dos primeiros días da semana. Este, o escenario que eles cualifican como o máis probable, coincide coa previsión de Meteogalicia. Agárdase que a partir do sábado as probabilidades de precipitación se sitúen entre o 50% e o 70%.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca subtropical Charles regará Galicia con fortes chuvias durante o mércores

A nova zona de baixas presións tomará o relevo de Bruna e MeteoGalicia establece a alerta amarela en Ourense por precipitacións

Un carrusel de frontes atlánticas asociado á borrasca Bruna acende a alerta en Galicia por fortes chuvias

Un río atmosférico procedente das rexións subtropicais do Atlántico achegará moita humidade á comunidade dende o Caribe

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

Galicia rexistra o mes de outubro máis seco dende 2007

O último informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi un 79% inferior ao habitual no período