“Os pellets seguen aí. Vólvense ver en gran cantidade, sobre todo na liña de marea e nas praias da ría de Muros e Noia”. Así de contundente soa a voz de Dayana del Puerto, membro da asociación Noia Limpa, a primeira en dar a voz de alarma sobre a crise de bólas plásticas que se espallaron polos areais galegos entre decembro de 2023 e xaneiro de 2024 a causa do accidente do Toconao. Dende o colectivo atribúen a nova chegada de pellets aos temporais Eowyn, Herminia e Ivo que azoutaron Galicia entre finais de xaneiro e comezos de febreiro. Para a asociación é un motivo máis para non esquecer que a contaminación causada polos pellets non desapareceu.
A web de Noia Limpa ten un mapa interactivo no que se informa en tempo real da contaminación das praias. Esta ferramenta é alimentada por datos que envían os voluntarios. Actualmente hai catro puntos en vermello a causa dos pellets: a praia de San Xurxo, en Ferrol; a de Area Maior, en Louro; a de Eiteiro Branco, en Porto do Son; e a de Nerga, en Cangas. “Os pellets non desaparecen”, insiste Del Puerto. “Estimamos que só se recolleu entre o 20% e o 25% da carga que levaba o Toconao“, continúa, facendo fincapé en que aproximadamente o 80% das bólas plásticas que transportaba o buque seguen no mar.
Os pellets proceden do Toconao?
Con todo, dende Noia Limpa recoñecen que non poden saber se os pellets que están chegando estes días ás praias se atribúen ao barco accidentado en decembro de 2023. “Hai moitas partes na cadea e é probable que estean mesturados con outros procedentes doutros accidentes. O que está claro é que se volven ver de marabilla nas praias”, denuncia o membro da asociación. Este punto é clave, dado que un estudo publicado recentemente pola Universidade de Vigo (UVigo) revelaba que canto máis tempo pasaban as bólas plásticas no mar, máis toxicidade acumulaban. O investigador Ricardo Beiras, coautor do estudo, comparábaos con esponxas, dado que teñen a capacidade de absorber a contaminación.
O certo é que sobre a crise dos pellets hai varias incógnitas sen resolver. A Consellería de Medio Ambiente e de Cambio Climático nunca fixo oficial onde están almacenadas as bólas plásticas nin revelou se existe un plan para a súa xestión, pese ao interese dalgunhas empresas por darlles unha segunda vida. No que respecta aos datos oficiais, os últimos ofrecidos pola Xunta indicaban a recollida de 3.572 quilos, o equivalente a 143 sacos, polos dispositivos despregados polo goberno autonómico. A isto habería que sumar a limpeza de 1.272 quilos, arredor de 51 bolsas, por parte dos voluntarios. En total, unhas cinco toneladas das 26 que transportaba o Toconao. É dicir, arredor dun 20%, tal e como estima Noia Limpa.














