Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
Si, é verdade. O título desta semana é un pouco xenérico, tendo en conta o mundo no que vivimos. Con esas tres palabras, talvez pensas que vou falar dunha posible invasión de Donald Trump disfrazado de Estados Unidos a calquera país do globo. Pero non, hoxe vou falar dunha invasión que tamén ameaza a economía: a da Rugulopteryx okamurae. Igual che soa esta alga invasora, de procedencia asiática, polas consecuencias que deixou en Cádiz o pasado mes de xullo, cando se chegaron a recoller 78 toneladas ao día. Pero este problema xa chega a Galicia, tal e como contamos en verán de 2025 nesta reportaxe de Rubén Beiró. Agora temos actualización: a especie xa aparece nas Illas Cíes en forma de individuos dispersos. Podes lelo nesta reportaxe que publicamos o luns ou quedar lendo esta edición de Ciencia en confianza para coñecer esta realidade como pílula informativa.
Esta alga apareceu por primeira vez en Galicia no ano 2024 e, un ano despois, aparecían grandes poboacións en Cangas, O Grove, A Coruña e Monteferro (Nigrán). Novas imaxes do último mes que nos chegan do cámara submarinista Manuel E. Garci e do grupo Buceo Islas Cíes amosan a súa presenza tamén na Illa de Toralla de Vigo e na Cala do Rei, preto da praia de Liméns. Esta especie espállase pola costa galega, especialmente polas Rías Baixas. Pilar Díaz Tapia, investigadora na Universidade de Santiago de Compostela (USC), explica que aparecen ao longo de máis de 100 metros de costa, entre 0 e 20 metros de profundidade. Aínda que son cifras alarmantes, peor foi o caso de Cádiz. Podes coller contexto desta reportaxe de El Confidencial, así o fixen eu.
Trátase, sen dúbida, dunha invasora que medra moi rápido. A súa estratexia é a seguinte: viven principalmente sobre substratos rochosos, polo que deixa algúns fragmentos adheridos ás rochas ao tempo que libera grandes cantidades de biomasa que continúan reproducíndose. De feito, Pilar contaba en GCiencia hai un ano que cada exemplar pode chegar a clonarse ata 600 veces. Esta rápida forma de dispersarse supón un grave problema cando coñeces as consecuencias.
Para iso, falei con Antonio Figueras, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC), quen me contou todo o que hai detrás da Rugulopteryx okamurae, tanto no ámbito económico como ambiental. A pesca de baixura pode verse afectada a causa dos arrastres, que cargan o peso das algas co que poden romper as redes. Compite con outras especies como o mexillón ou ourizo, xa que pode tapizar as rochas e limitar a chegada de osíxeno, como ocorre tamén coa ameixa ou o berberecho. Tampouco cheira especialmente ben —xa, ningunha alga o fai—, o que pode afectar o turismo. Todo isto súmase ao evidente efecto sobre a biodiversidade, pois outras algas vense obrigadas a adaptarse ás novas regras expostas por esta especie invasora.
Si, é unha situación dura, sobre todo ao escoitar a dous profesionais dicir que “pensar en conter esta especie invasora é imposible”. Dende a Xunta de Galicia propulsan un proxecto que xa está buscando respostas. Coa colaboración da Universidade da Coruña e da USC, o labor do equipo ao que pertence Pilar Díaz Tapia é desenvolver ferramentas baseadas en ADN ambiental para localizar a presenza desta especie de forma máis rápida a través da análise de mostras de auga ou sedimento.
Pero, mentres tanto, que se debe facer? Figueras di que hai que buscar un uso con incentivo, xa que a alga “está aquí para quedarse”. Isto é o que fixeron en Cádiz, onde exploraron vías para aproveitar a biomasa como fertilizante ou alimento para o gando, e así evitar a súa acumulación. Con todo, Pilar Díaz asegura que, de todas formas, se vai dispersar de forma natural. Non son boas noticias, xa o sei, pero, por iso, o único que se pode facer é estar preparados.
Agora, pasemos aos temas da semana!
⚫️ A semana do patrimonio galego 🏛️ Foron tres os temas que publicamos na última semana de marzo arredor do patrimonio de Galicia. Un proxecto da USC e do CISPAC recreou de xeito dixital o Mestre Mateo situado no Pórtico da Gloria, combinando análise histórica e tecnoloxía 3D para reconstruír tanto a súa forma como policromía medievais. Estas perdéronse a causa do rito polo que recibe o nome do “santo dos croques”.
Esta pequena figura mantense en Galicia, pero outros moitos bens culturais galegos non tiveron a mesma sorte. Arredor destas viaxes xira a tese de Erea Castro Alfonso, sobre o papel dos coleccionistas a través da figura do numismático tudense Ricardo Blanco-Cicerón. Trátase dunha historia moi interesante que podes ler nesta reportaxe, onde falamos coa investigadora de onde veñen estas obras e a onde foron parar. A miña historia favorita é a do mosaico romano de Panxón (a verdade é que tiro para a casa).
Por último, falamos dunha estrutura característica de Galicia recoñecida agora a nivel nacional. Tes tres segundos para pensar. Listo? Os hórreos foron recoñecidos polo Consello de Ministros como Patrimonio Cultural Inmaterial, onde aprobaron un decreto que garante a protección, estudo e transmisións ás futuras xeracións deste legado tradicional, propio do norte peninsular.

⚫️ Olores e enfermidades neurolóxicas? 🧠 A miña compañeira Laura preparou este luns unha reportaxe moi interesante. Ana Dorrego Rivas é unha neurocientífica galega que se propuxo descifrar dende o King’s College de Londres como o cerebro converte un simple olor en decisións e recordos, estudando o bulbo olfactivo, esa pequena “centralita” cerebral bastante esquecida. Con cerebros de rato, intenta entender como funcionan as neuronas, especialmente as dopaminéxicas: revela que non todas son iguais, senón que hai distintos tipos con funcións diferentes, o que podería ser clave para entender enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer ou o párkinson. Podes ler a peza aquí, é un gusto!
⚫️ O pesadelo dos pellets continúa ☠️ Os pellets comezaron a chegar a Galicia a principios de 2024. Foi un completo desastre natural, en moitas ocasións comparado polos medios co “Prestige”. Aínda que o caso xudicial xa está pechado, como quen garda o problema nun caixón, a contaminación segue impactando no mar. Esas boliñas de plástico que chegaron tras o accidente do buque Toconao aínda seguen frotando sobre o mar, enterradas baixo a area ou viaxando polas correntes, liberando substancias químicas. Trátase dun capítulo máis dun problema global e persistente, porque cada vez se producen e transportan máis plásticos e —sorpresa—, séguense a perder polo camiño. Invítovos a ler esta tribuna das investigadoras Carmen Morales Caselles e Bethanie Carney Almroth publicada en The Conversation.

⚫️ A excelencia galega, premiada 🎖️ Para min, que escribo todas as semanas sobre a investigación que se leva a cabo en Galicia, xa non me sorprende a excelencia dos nosos equipos. Pero ademais de visibilizalos, tamén hai que galardoalos. Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia veñen a demostrar que a ciencia galega serve tanto para salvar cerebros como para pechar latas (literalmente). Por unha banda, un equipo do IDIS desenvolveu un fármaco baseado nun enzima que podería protexer o cerebro tras un ictus e mellorar a súa recuperación. Por outro, dende a UVigo, crearon unha tecnoloxía que dixitaliza o selado de latas, permitindo controlar en tempo real canta “pegatina” se pon e mellorar a calidade industrial. Podes coñecer máis detalles nesta peza.
Recomendación semanal 🪶
A recomendación desta semana vén dunha conversa con Laura Filloy, outra das redactoras de GCiencia. A Laura e a min encántannos os temas de natureza e animais, sempre o dicimos. Dado que o boletín desta semana xira arredor da alga asiática —e aínda que non é do noso agrado por todos os inconvenientes que trae consigo—, as nosas ganas de seguir aprendendo sobre natureza máis aló do traballo lévanos ao fantástico mundo dos documentais. Aquí vai a nosa recomendación conxunta: Our Planet en Netflix.

Trátase dunha serie británica sobre natureza producida pola BBC. O segundo capítulo, titulado “Mundos de xeo”, amosa a vida nos polos, unha das últimas rexións silvestres que quedan na Terra. Se o ves ata o final, sorprenderaste coa escenas das morsas, aínda que é criticada por algúns como “enganosa”. Non farei spoilers. Pode ser unha boa forma de entreterse nesta finde de Semana Santa, aínda que co prognóstico do tempo, vai ser difícil non querer saír da casa.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.












