Científicos galegos avanzan nun fármaco para reducir a lesión cerebral causada polo ictus

O obxectivo é diminuír a deterioración funcional, como as dificultades de movemento, para mellorar a calidade de vida dos pacientes

“O que máis importa no ictus é o tempo. O tecido cerebral deteriórase moi rápido e cando está lesionado, pouco máis se pode facer”, asevera Francisco Campos, coordinador do grupo Ictus Traslacional (TREAT) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O científico indica que as taxas de mortalidade están diminuíndo grazas aos avances nas terapias recanalizadoras. Pola contra, a morbilidade aumenta. É dicir, moitos pacientes quedan con secuelas e teñen unha importante deterioración funcional. Co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, o grupo TREAT leva anos traballando nun fármaco capaz de reducir a lesión cerebral causada polo ictus. Os seus resultados en animais realizados pola investigadora María Pérez demostraron que se trata dun medicamento eficaz e seguro.

Este avance é especialmente significativo para Galicia, un territorio con altas taxas de envellecemento, un dos principais factores para sufrir un ictus, xunto á hipertensión, a obesidade e, en xeral, un risco incrementado en moitos casos por hábitos de vida pouco saudables como o consumo de tabaco e a vida sedentaria.

Publicidade

Segundo a estimación do Sergas, en Galicia rexístranse 7.000 casos ao ano. Aproximadamente o 60% dos pacientes de ictus, segundo aproxima Campos, non se poden beneficiar de ningún tipo de opción terapéutica que evite a prgresión do dano cerebral, máis alá dos coidados proporcionados nas unidades de ictus. O que en Galicia se traduciría en 4.200 persoas. “O principal obxectivo é que a persoa non morra. Pero outro dos aspectos nos que temos que centrarnos é en reducir as secuelas. Por exemplo, esa perda de autonomía, a incapacidade para moverse ou facelo parcialmente, e a carga asistencial e familiar que supón”, matiza o coordinador do grupo.

Máis dunha década de investigación

Precisamente con este obxectivo acaban de publicar un estudo na revista iScience que avanza nunha investigación que levan desenvolvendo dende 2014: un fármaco que reduza o volume do infarto e que mellore o prognóstico funcional do paciente. Dúas metas que xa conseguiron en ensaios feitos en ratos e simios. “Sempre que administramos o tratamento, os animais amosan unha mellora funcional e unha redución da lesión cerebral”, indica María Pérez, primeira autora do estudo xunto ao seu compañeiro Antonio Dopico. En humanos, isto trasladaríase a que o paciente se puidera mover, vestir ou cepillar os dentes. É dicir, que adquirira unha maior independencia grazas á administración dun fármaco que se está a xestar en Santiago e que, de momento, é experimental.

Publicidade

Campos detalla que o desenvolvemento dun fármaco baseado nunha proteína é un proceso “moi complicado”. Primeiro, dita proteína ten que ser compatible co uso humano. A segunda limitación non ten que ver co científico, senón co loxístico. O alto custo económico require da implicación dunha farmacéutica que estea disposta a correr o risco. Campos anuncia que hai unha empresa interesada e que se todo vai segundo o previsto, situándose no mellor escenario posible, en tres anos poderían comezar os ensaios en humanos. As dúas primeiras fases estarían encamiñadas a demostrar a súa seguridade nas persoas e a terceira serviría para validar a súa eficacia. “Confiamos en que se continúe apostando por este produto e por esta tecnoloxía. É un proceso lento, pero é a forma de garantir que o fármaco é seguro”, engade Campos.

O papel do glutamato

O estudo recentemente publicado en iScience é unha parte do tramo de toda a investigación que o grupo TREAT leva desenvolvendo ao longo de case 11 anos. “Estamos nun estado bastante avanzado no que demostramos que o enzima co que traballamos é potencialmente utilizable en humanos”, indica o coordinador do grupo. Segundo matiza Pérez, este enzima é un dos principais que metaboliza o glutamato. É dicir, un aminoácido esencial que é fundamental para que a célula funcione correctamente pero que durante un ictus se libera de forma masiva e pode ser tóxico.

Diferentes versións dun mesmo enzima

Dende 2014 traballaron con diferentes versións deste enzima. No traballo publicado en iScience, por exemplo, necesítase administrar o fármaco varias veces para que surta efecto. Porén, agora xa están a traballar con novas formulacións que permitirían aplicalo nunha única dose. “Un paciente de ictus está nunha situación de emerxencia. Isto tería moita máis utilidade”, indica Campos. Segundo o traballo publicado, a administración intravenosa do fármaco dentro das primeiras oito horas posteriores ao inicio do ictus reduciría significativamente a lesión grave (nun 30%) e a leve (nun 48%). Con todo, Pérez matiza o seguinte: “Cando hai un retardo na administración do fármaco vemos que xa non é tan efectivo”. O obxectivo sería, por tanto, aplicar o tratamento o antes posible porque o dano no tecido neuronal non se pode reverter, pero si frear.

Outro punto que salienta a primeira autora do estudo é que o fármaco que están a deseñar é compatible coa rtPA, a terapia farmacolóxica recanalizadora que se utiliza para eliminar o trombo. Isto é especialmente significativo porque é o tratamento que os médicos lle van poñer ao paciente nun primeiro momento. Non obstante, sinala Pérez, neuroprotectores deseñados por outros grupos de investigación e con eficacia prometedora non eran compatatibles coa administración rtPA, xa que o novo fármaco deixaba de ser efectivo, o que limitou o seu uso e desenvolvemento. No caso do fármaco galego, non é así. Un aspecto esperanzador.

Poucas alternativas terapéuticas

A outra opción que teñen os pacientes de ictus é a retirada mecánica do trombo mediante catéter, máis alá do rtPA. Pero iso demostra que as alternativas son poucas para unha enfermidade tan prevalecente. O obxectivo do grupo do IDIS é dar un paso máis alá e poñer o foco nos pacientes que xa pasaron a doenza pero que quedaron con secuelas. “Non van recuperar a súa calidade de vida ao 100% pero o que pretendemos é que, se están na cama, poidan moverse ou ter certa independencia. Aumentar a calidade de vida”, matiza Campos. O traballo asinado polo grupo TREAT é un paso máis alá, unha mirada esperanzadora —aínda que experimental— cara a unha vida máis autónoma dos pacientes de ictus.


Referencia: Preclinical validation of human recombinant glutamate-oxaloacetate transaminase for the treatment of acute ischemic stroke (Publicado en iScience)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Dado que Galicia é un país con moita xente maior que pode sufrir un ictus ( tamén pode afectar a xente máis nova) esta investigación é fundamental . Desde aquí felicitar ao grupo de investigación polo seu traballo e animalos a proseguierneste traballo dado que mellorará, sen dúbida, a calidade de vida dos pacientes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo