A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, acaba de fallar os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2026. A primeira categoría, que premia traballos de investigación aplicada, galardoa unha terapia contra o ictus deseñada no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O segundo premio para un caso de transferencia a empresa recae na Universidade de Vigo (UVigo) pola elaboración de compostos selantes para envases metálicos destinados a conserveiras.
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia recoñecen traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. Os dous proxectos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 15 de abril no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Optaban a estes galardóns un total de 90 propostas.
Unha terapia contra o ictus
O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Recaeu no proxecto que busca mellorar o tratamento do ictus isquémico, do Grupo Ictus Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), liderado por Francisco Campos, en colaboración co Instituto de Investigación VHIR Vall d’Hebron (Barcelona).
Tal como manifestan os investigadores, o ictus isquémico é unha das principais causas de morte neurolóxica e discapacidade en todo o mundo, cun enorme impacto sanitario e social, especialmente en rexións como Galicia, debido ao envellecemento da poboación. Sinalan que, aínda que nos últimos anos desenvolvéronse tratamentos eficaces para restaurar o fluxo sanguíneo no cerebro tras o ictus, como a trombólise ou a trombectomía, estes só poden aplicarse a unha parte limitada dos pacientes e non evitan completamente o dano cerebral que se produce tras a isquemia. Por iso, existe unha necesidade urxente de novas terapias que protexan o cerebro e melloren os resultados clínicos.
“O noso grupo leva anos traballando no desenvolvemento dun novo fármaco orientado a protexer o tecido cerebral danado tras un ictus isquémico, co obxectivo final de reducir a extensión da lesión e mellorar a calidade de vida dos pacientes. Este tratamento baséase na administración dun enzima presente de forma natural no sangue, denominado GOT”, explica Francisco Campos.
O investigador indica que, a pesar dos bos resultados obtidos, o enzima presentaba limitacións clínicas importantes, como a súa curta vida media, o que obrigaba a unha administración continua para manter o seu efecto terapéutico. Para solventar estas carencias, en colaboración cunha empresa biotecnolóxica, o equipo deseñou unha nova versión do enzima, denominada GOT1-Fc, que presenta unha vida media prolongada en sangue e unha maior estabilidade. “Grazas a esta mellora, é posible manter o seu efecto terapéutico durante máis tempo cunha única administración, superando unha das principais limitacións das estratexias previas. Ademais, esta tecnoloxía demostrou ser compatible cos tratamentos estándar actuais, o que facilita a súa integración na práctica clínica como terapia complementaria”, salienta.
A tecnoloxía desenvolta polo equipo do IDIS está protexida mediante patente, o que reforza o seu potencial de transferencia e desenvolvemento industrial. “Desde o punto de vista médico, o seu impacto é moi significativo, posto que a nova versión do enzima podería mellorar a recuperación funcional dos pacientes, reducir a discapacidade asociada ao ictus e ampliar o número de persoas que poden beneficiarse dun tratamento eficaz. A medio e longo prazo, isto traduciríase nunha redución da carga asistencial e económica da enfermidade, contribuíndo a un sistema sanitario máis sustentable e a unha mellor calidade de vida para os pacientes”, apuntan os investigadores.
Compostos selantes de envases metálicos para conserveiras
O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o Grupo de Control non Liñal, integrado no departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo (UVigo). O proxecto galardoado está coordinado por Miguel Ramón Díaz-Cacho e a tecnoloxía desenvolta transferiuse á firma galega Actega Artística, con sede no Porriño, moi ligada ao sector conserveiro, dedicada ao deseño e fabricación de compostos selantes para envases metálicos, así como de equipamento de aplicación dos mesmos.

“Cando abrimos unha lata de mexillóns ou de refrescos, en xeral, só nos fixamos no contido e ás veces no continente, pero hai multitude de compoñentes que acompañan a ambos, como o composto selante entre o corpo e a tapa, que permite que o contido permaneza illado da contorna. O problema é que este composto aínda se deposita nas tapas dos envases dun xeito analóxico e cun control manual”, indican dende o equipo.
Así, o grupo desenvolveu a tecnoloxía ROTARflow, que converte o proceso en dixital, permitindo un control absoluto do mesmo. “A posibilidade de coñecer en milisegundos a cantidade de selante depositada na tapa, permite controlar e corrixir en tempo real as posibles desviacións. Ademais, pódense incorporar eses e outros datos a un sistema de análise estatística, o que dá como resultado un control de calidade total sobre cada unha das tapas, podendo coñecer deste xeito as medias, as desviacións, os indicadores de produción e todas as tendencias futuras do proceso”, aseguran.
“A mellora no proceso de depósito do compoñente de selado nas tapas dos envases de conserva, non só exerce un impacto no aumento da produción ou unha mellora nos controis de calidade, senón que permite ademais un aforro importantísimo de material selante, evita o desperdicio de millóns de tapas de aluminio ou outros materiais, evita desprazamentos de persoal especializado cando se detectan anomalías na produción debido á intervención automática e remota na máquina inxectora, ao tempo que fai posible un mantemento preventivo moito máis eficaz ao concentrar as actuacións só cando son necesarias”, salientan os investigadores.
O impacto directo desta innovación na industria abrangue nestes intres a tres continentes, con instalacións en produción e en proba en países como México, Brasil, Francia, China, Alemaña, EEUU e España.












