Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) participa nun novo estudo que identifica factores xenéticos asociados á fatiga persistente en pacientes con cancro de próstata até dous anos despois de administrar radioterapia. En concreto, descubriron que unha variante no xene ACTR3 —implicado na organización do esqueleto celular— asóciase cun risco case tres veces maior de desenvolver fatiga persistente tras o tratamento naqueles homes que non presentaban este síntoma antes da radioterapia.

O traballo acada de publicarse na revista Nature Communications e nel empregáronse os datos de 1.381 pacientes dentro da cohorte internacional REQUITE. Na investigación, que proporciona novas perspectivas sobre a base biolóxica desta sintomatoloxía, colabora o grupo de Xenética en Cancro e Enfermidades Raras do IDIS.

Publicidade

“Un esgotamento profundo”

“A fatiga relacionada co cancro non é unha simple sensación de cansazo. É un esgotamento profundo, desproporcionado á actividade realizada, que pode durar anos e limitar a vida diaria dos pacientes”, explica Miguel Elías Aguado Barrera, primeiro coautor do estudo. Un dos aspectos máis rechamantes da investigación é a conexión atopada entre a fatiga inducida pola radioterapia e a encefalomielite miálxica, tamén coñecida como síndrome de fatiga crónica. A mesma rexión xenética vinculada ao cansazo en pacientes oncolóxicos mostrou unha correlación estatisticamente significativa con esta enfermidade, o que suxire mecanismos biolóxicos compartidos que até agora permanecían inexplorados.

“Estes resultados contribúen a unha mellor comprensión da fatiga relacionada co cancro e apoian futuros esforzos en estratificación de riscos, seguimento personalizado e atención ao sobrevivente”, destaca a investigadora principal do grupo, Ana Vega.

Publicidade


Referencia: Genetics determinants of fatigue up to 2 years after radiotherapy in prostate cancer patients (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto