Máis de 3.300 bateas salpican as cinco principais rías do sur de Galicia: Ares-Betanzos, Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo. Delas, arredor do 70% concéntranse na ría de Arousa. O cultivo do mexillón en batea, unha actividade especialmente característica da comunidade, non só atrae ás persoas a través da acuicultura, senón tamén a diversas especies mariñas, entre elas os arroaces (Tursiops truncatus). Estes cetáceos, que conviven diariamente con esta actividade humana, aproveitan as bateas como zonas de alimentación debido á elevada concentración de peixes e doutros organismos mariños que se acumulan na súa contorna e baixo as estruturas. Porén, a importancia das bateas para os arroaces vai máis aló do seu papel como recurso trófico, xa que tamén poden influír nas súas relacións sociais a través dun fenómeno coñecido como homofilia.
A homofilia é a tendencia natural dos individuos a relacionarse con outros que comparten comportamentos semellantes. Neste sentido, un estudo do BDRI (Bottlenose Dolphin Research Institute) revelou que determinados aspectos da estrutura social dos arroaces están asociados á preferencia por alimentarse nas bateas, un hábito que non é compartido por todos os exemplares. “Escollen os seus amigos en función dos seus gustos: aqueles que comparten a preferencia por alimentarse nas bateas establecen lazos de amizade máis fortes“, explica Bruno Díaz López, biólogo e director do BDRI, con sede no Grove. Do mesmo xeito, os individuos que non amosan esta preferencia tamén tenden a relacionarse máis entre si. Segundo sinala o investigador, “entre os que si e os que non prefiren as bateas non se observan vínculos tan estreitos, porque non comparten ese interese común”.
Este patrón de comportamento está relacionado coa enorme plasticidade social dos arroaces. Ao longo dun mesmo día poden formar parte de tres ou catro grupos diferentes, dependendo da actividade que estean a desenvolver. As súas preferencias xorden de maneira individual, pero, do mesmo xeito que ocorre cos primates e mesmo cos seres humanos, adoitan manter relacións máis estreitas con determinados compañeiros, chegando a establecer lazos comparables aos dunha amizade duradeira.
Concentración de materia orgánica
“As mellores zonas de alimentación para os arroaces son as áreas con bateas”, afirma Bruno Díaz. Unha das explicacións reside na gran cantidade de materia orgánica xerada polos mexillóns (Mytilus galloprovincialis), que favorece a concentración de organismos mariños que constitúen presas accesibles para estes cetáceos. Deste xeito, as bateas convértense en auténticos puntos de atracción alimentaria, facilitando a procura de alimento e reducindo o esforzo que os arroaces terían que realizar noutras zonas para atopar presas.
Ademais das bateas, o cultivo do mexillón tamén pode levarse a cabo mediante cordas de cultivo. Porén, as investigacións desenvolvidas polo BDRI evidencian que os arroaces amosan unha clara preferencia polas primeiras. “Entre as bateas existe espazo suficiente para que poidan nadar con liberdade, mentres que as cordas constitúen unha barreira física que afecta negativamente aos animais”, explica o investigador. Así, as estruturas baseadas en cordas poden alterar os movementos dos arroaces e limitar o uso que fan do hábitat.
Unha dieta variada
O arroaz caracterízase por manter unha dieta moi diversa que varía ao longo do ano en función da dispoñibilidade de alimento. Segundo explica Bruno Díaz, estes cetáceos adáptanseue se atopan en maior abundancia nas augas das Rías Baixas. “Axustan a súa alimentación á dispoñibilidade de alimento”, resume o biólogo.
Neste contexto, as bateas constitúen espazos especialmente atractivos para numerosas especies mariñas. Durante todo o ano, estas estruturas proporcionan sombra e refuxio a pequenos peixes que buscan protección fronte aos depredadores. Ademais, albergan unha gran variedade de epibiontes, organismos que viven adheridos aos propios mexillóns ou ás cordas, como algas, briozoos, esponxas, anémonas ou pequenos crustáceos. “Nas bateas hai especies tanto herbívoras como carnívoras alimentándose constantemente”, explica Díaz López. Esta elevada biodiversidade crea unha auténtica cadea trófica arredor das bateas, atraendo especies como sargos, robalizas ou polbos, que posteriormente forman parte da dieta dos arroaces. “Eles saben que a comida está nas bateas; só teñen que escoller”, sinala.
Beneficios para o ecosistema
Lonxe de representar unha ameaza para a acuicultura, a presenza dos arroaces pode resultar beneficiosa para o propio cultivo do mexillón. “Hai moitas especies que poden causar problemas ás bateas, pero os depredadores contribúen a manter a zona limpa“, explica o investigador. Ao alimentarse de determinadas especies potencialmente prexudiciais, os arroaces axudan a conservar o equilibrio ecolóxico das rías e a reducir a presenza de organismos de gran tamaño que poderían afectar ás estruturas de cultivo. Deste xeito, a súa actividade desempeña un papel relevante na dinámica do ecosistema mariño, contribuíndo ao mantemento da biodiversidade e ao bo funcionamento das áreas de produción mexilloeira.
Doce anos de seguimento
O BDRI leva doce anos realizando un seguimento continuado da poboación de arroaces das Rías Baixas, cunha labor de monitorización practicamente diario. Este traballo permitiu identificar individualmente os exemplares que habitan a zona e coñecer en detalle os seus comportamentos, movementos e áreas de preferencia. A longa esperanza de vida desta especie, que pode alcanzar os 50 ou 60 anos, fai que as bateas formen parte da súa paisaxe cotiá durante boa parte da súa existencia. “Levan moitos anos instaladas; moitos arroaces naceron xa con elas presentes na súa contorna”, explica Bruno Díaz.
Por este motivo, as bateas transcenden a súa función produtiva e convértense nun “hábitat artificial” para os arroaces das Rías Baixas. A súa influencia é especialmente evidente na ría de Arousa, onde se concentra a maior parte destas estruturas e onde a interacción entre os cetáceos e a actividade mexilloeira forma xa parte da dinámica habitual do ecosistema mariño.














