A metade dos cetáceos varados en Galicia presentan altos niveis de contaminación

O arroaz é a especie que mostra concentracións máis elevadas de compostos químicos procedentes de maquinaria industrial

Un estudo galego reflicte que a metade dos cetáceos varados nas costas de Galicia presentan altas concentracións de contaminantes orgánicos. O traballo, liderado por Paula Gutiérrez investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), analizou varias especies de animais mariños atopados no litoral galego entre 2009 e 2023. Os resultados mostran “unha aparente tendencia decrecente”, pero o 51,28% dos individuos tiñan niveis por riba dos valores seguros para a súa saúde.

Neste proxecto, que conta coa colaboración do Instituto de Investigacións Mariñas e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), analizáronse as graxas de tres cetáceos: golfiño común (Delphinus delphis), arroaz (Tursiops truncatus) e toniña (Phocoena phocoena). A segunda especie mencionada presentou concentracións significativamente máis elevadas, o cal “pode supoñer un impacto adverso no estado de saúde dos individuos e poboacións desta especie”, destaca a investigadora principal.

Publicidade

Contaminantes orgánicos

A investigadora Paula Gutiérrez. Foto: Cedida

Os contaminantes orgánicos PCBs son compostos químicos industriais amplamente utilizados no pasado, cuxa fabricación e uso están estritamente regulados na actualidade. Con todo, moitos dos produtos fabricados con estes compostos aínda seguen esperando a súa eliminación, polo que se segue producindo a entrada destas substancias no medio mariño a través dos residuos. Como moitos contaminantes orgánicos, os PCBs son moi persistentes e teñen unha elevada capacidade para bioacumularse e biomagnificarse a través da cadea trófica mariña, dado que son compostos altamente lipofílicos.

Por tanto, “no medio mariño, as maiores concentracións de PCBs atópanse nos mamíferos, especialmente nos golfiños e outros cetáceos odontocetos, dada a súa prolongada esperanza de vida, a súa grosa capa de graxa e a súa elevada posición na cadea trófica”, sinala Gutiérrez. “A maior parte dos contaminantes orgánicos presentes nos golfiños incorpóranse a través da dieta e a súa concentración, ademais, depende de factores como a idade, o sexo, estado de madurez, mobilidade xeográfica e estado nutricional, entre outros”, matiza a investigadora.

Publicidade

As femias descargan contaminantes

Deste xeito, “as concentracións varían mesmo entre individuos da mesma poboación”, apunta Gutiérrez. “Por norma xeral, os machos acumulan estas substancias ao longo de toda a súa vida, xa que non son capaces de eliminar estes contaminantes. Pola conta, as femias poden descargar unha elevada proporción das súas concentracións de contaminantes ás súas crías, especialmente á primeira, durante a xestación e a través da lactación” continúa.

Por outra banda, no propio estudo tamén se reflicte que os individuos inmaduros —aqueles que aínda non chegaron a súa etapa reprodutiva— tamén presentan altos niveis de contaminantes orgánicos. “Neste grupo teñen todo o contido de PCBs da nai e os que consumiron nos seus anos de vida. Pasada esta etapa, no caso dos machos, esta concentración de contaminantes segue a medrar polos motivos xa mencionados”, detalla Gutiérrez.

Efectos secundarios na saúde

Segundo apunta a investigadora, estudos previos en diferentes especies de mamíferos demostraron que os PCBs teñen numerosos efectos na saúde. En concreto, os máis destacados son os efectos descritos sobre o sistema inmune, reprodutor e endócrino.

Por todo isto, “avaliar de maneira regular os niveis de contaminantes en cetáceos é moi relevante, como xa o recolle a lexislación europea”, asegura. “Sobre todo hai que considerar as posibles interaccións con outros estresores como a captura accidental en artes de pesca, enfermidades infecciosas, ruído submarino e cambio climático, e os consecuentes efectos negativos combinados na saúde dos individuos e nas poboacións” detalla Gutiérrez.

Neste sentido, no marco de OSPAR (Convención sobre a Protección do Medio Mariño do Atlántico Nordeste) e do Directiva Marco para as Estratexias Mariñas, “xa se están levando a cabo esforzos para avaliar os efectos destes contaminantes en mamíferos mariños para garantir a conservación e o bo estado ambiental dos ecosistemas mariños”.

1 comentario

  1. No persoal, paréceme un problema que tense que visivilizar mais, xa que, non había oído falar disto e paréceme que teríase que ter mais en conta, xa que afecta a o litoral galego, e con el, a todos os galegos. Paréceme interesante o como se explica e o adaptado que está a o público. É unha noticia moi interesante e a súa vez preocupante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea