A historia do estraño golfiño que permaneceu agochado 40 anos nun instituto de Vilagarcía

Un grupo de estudantes atoparon os restos na praia de Compostela en 1979 e pensaron que era un arroaz, mais tratábase da especie de augas tropicais 'Steno bredanensis'

O océano é infinito e está cheo de vida. Esta vida, moitas veces, cambia a súa distribución e expándese no espazo. Así, en 1979, chegou ás costas galegas un exemplar de golfiño de dentes rugosos (Steno bredanensis). Este cetáceo, propio de augas tropicais, subtropicais e temperás de todo o mundo, apareceu varado na praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa. Esta localización é o contrario ao que está acostumada esta especie, pois Mauritania, Namibia e as illas Canarias son algúns dos seus hábitats naturais. Pero que foi del? 

A oceanógrafa da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) Ingrid Canales Rodrigo presentou esta historia nun congreso celebrado pola Sociedade Española de Cetáceos. “O rexistro dunha especie onde non se vira antes sempre é un dato curioso”, indica.

Publicidade

Mais, como chegou este exemplar ás mans dos profesionais? Este golfiño, que varou na costa vilagarciá, foi gardado no centro educativo IES Castro Alobre. Alí permaneceu conservado ata 2018, cando o equipo da Cemma recolleu o esqueleto deste exemplar. 

E como é posible que chegara ás costas de Galicia? Aínda non se sabe con certeza. Con todo, non foi o único caso no Atlántico nororiental: no século XIX, os Países Baixos e Francia rexistraron tamén avistamentos desta especie, converténdose nos rexistros extralímite ata que chegou a Vilagarcía. “Dende entón, non se atopara tan ao norte”, explica a investigadora, quen destaca a rareza deste fenómeno.

Publicidade

Un golfiño particular

O golfiño de dentes rugosos foi descrito e nomeado por primeira vez polo naturalista René Lesson no ano 1828. É un cetáceo odontoceto, xa que ten dentes en lugar de barbas. 

Este golfiño é unha especie oceánica que se distingue dos arroaces (Tursiops truncatus), máis habituais en Galicia, por desenvolver a súa vida en mar aberto. Mentres os Steno viven afastados da costa, os arroaces interactúan máis de preto coas rías e cos barcos.

Tres golfiños de dentes rugosos no mar
Golfiños de dentes rugosos (Steno bredanensis). Foto: Wikimedia Commons

Alimentándose de presas mariñas, principalmente do dourado do mar (Coryphaena hippurus), este cetáceo de dentes rugosos debe adaptarse á contorna para sobrevivir en mares afastados da terra. Porén, a semellanza física cos arroaces confundiu inicialmente os profesionais do centro educativo arousán.

Conservación nun instituto

Se se retrocede no tempo ata o inicio desta historia, a finais dos anos 70, un grupo de estudantes dun instituto de Vilagarcía de Arousa atoparon o exemplar varado e identificárono erroneamente como arroaz. “Mencionouse que non se encontraba moi ben ao varar”, explica Canales Rodrigo. Xunto a mestres do centro, levaron a cabo un traballo de conservación no laboratorio: tarefas de limpeza, tratamentos para quitarlle a graxa…

Anos depois, outros alumnos atoparon o esqueleto nunhas caixas. Deste xeito, o interese volveu ao Castro Alobre entre os anos 1983 e 1984, onde se reconstruíu o exemplar entre Jose Manuel Parada Encisa e Xose Lois Rei Muñiz, a través da anatomía comparada. Así, en 2018, a Cemma recibiu a chamada dun profesor do instituto que comunicou a presenza destes ósos, por se podían resultar de utilidade para a investigación de cetáceos.

No local da Cemma en Gondomar, Pablo Covelo e Alfredo López analizaron o cranio e determinaron que non se trataba dun Tursiops truncatus. Isto fíxose a través do reconto das pezas óseas do exemplar e a biometría do cranio e as hemimandíbulas. 

“Para recoñecer as diferenzas tes que ter as especies moi presentes e estar familiarizado con elas”, sinala a oceanógrafa. En tamaño, eran semellantes, pero sen estes coñecementos específicos resulta complicado recoñecer correctamente cada cetáceo. “O Steno bredanensis, ao non ser moi común nesta zona, é dificil de identificar”, indica.

Con todo, houbo unha característica clave que disipou calquera dúbida; unha particularidade taxonómica que dá nome á especie. O Steno bredanensis é o único que presenta rugosidades nos dentes, o que “permite identificalo con moita máis claridade”. Descubríronno a través da fotogrametría.

O primeiro rexistro no Atlántico nororiental

A importancia deste rexistro radica na curiosidade de que un golfiño de dentes rugosos chegase ás costas de Galicia. “Podería ser un caso illado”, detalla Canales Rodrigo, pero é un fenómeno que tamén podería ofrecer información relevante sobre os movementos da especie.

Segundo a profesional da Cemma, podería estar relacionado cos rexistros do século XIX. De ocorrer na actualidade, tería unha explicación clara: o quentamento das augas. Este cambio está favorecendo a chegada destes golfiños a lugares como Madeira e Azores, que agora visitan con máis frecuencia, especialmente no verán, en latitudes onde non se atopaban antes. 

“Os casos recentes nas illas portuguesas aparecen agora, mais os anteriores son de hai moitos anos”, explica a oceanógrafa. Actualmente, a distribución desta especie está cambiando de forma progresiva, reflectindo un fenómeno máis continuo e establecendo unha nova distribución.

Un futuro incerto

Con todo, pouco se sabe sobre o futuro do Steno bredanensis. “Hai que ter en conta que estes son casos rexistrados”, explica a especializada en bioloxía mariña, sinalando que poderían existir exemplares non avistados nas costas. Varias situacións poden impedir o rexistro: a marea pode levar os corpos varados, ninguén notifica a aparición destes cetáceos ou non o quere conservar. 

O caso do Steno bredanensis vilagarcián foi unha excepción. Aínda así, co que se coñece ata o momento é fácil teorizar e difícil predicir o que pasará coa distribución desta especie. “Ao final, sempre faltan pezas do quebracabezas”, apunta Canales Rodrigo. 

Mais a verdade é empírica. O golfiño de dentes rugosos está a aparecer pouco a pouco en latitudes máis ao norte. A historia deste cetáceo deixa unha ensinanza: grazas á conservación deste exemplar durante décadas e o estudo da Cemma foi posible ampliar o coñecemento sobre unha especie pouco común nas augas galegas.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla