Confi , ou Manoliño, é un exemplar solitario de arroaz que pesa máis de 300kg e vive na ría de Muros e Noia desde 2019.
Confi , ou Manoliño, é un exemplar solitario de arroaz que pesa máis de 300kg e vive na ría de Muros e Noia desde 2019.

A CEMMA chama á precaución co golfiño Manoliño, o arroaz ‘viral’

A organización para o estudo dos mamíferos mariños insta a evitar as interaccións con este individuo, que habita na ría de Muros e Noia

Un arroaz (Tursiops truncatus) que leva desde decembro de 2019 vivindo na ría de Muros e Noia está a converterse nos últimos días en involuntario protagonista das redes sociais. Manoliño (alcume que lle puxeron na zona), ou Confi (nome co que é coñecido por entidades como a CEMMA) está a buscar interaccións cos humanos. E, por mor deste comportamento, comezou a estenderse unha certa alarma polo risco que estas interaccións poderían causar a mariscadores. Segundo La Voz de Galicia, o arroaz, de máis de 300 kg, aprisionou o cóbado a un navalleiro e rompeulle o traxe de neopreno. “El quere xogar, pero moléstanos no noso traballo e converteuse nun perigo porque é un animal de moita envergadura”, declaraba un dos mariscadores.

Que facer se aparece Manoliño?

Diante da preocupación xerada nos últimos días, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños difundiu a través das redes sociais unha guía de actuación no caso de atoparse co arroaz e un tríptico informativo que pode descargarse nesta ligazón. Destacan que “dada a súa situación de soidade busca interaccións cos humanos”.

A orixe da situación actual, segundo a CEMMA, é un escenario que pode acontecer no desenvolvemento destes cetáceos. “Cando un arroaz ten tres anos, a súa nai déixao para comezar un novo ciclo reprodutivo”. É entón cando “marcha ou xúntase con outros da súa idade”. Mais, segundo a entidade, “o problema é se non acepta esa nova situación entón non quere irse, sendo expulsado violentamente da manda, e se non atopa iguais pasa ser solitario”.

Desde a súa chegada á ría de Muros e Noia, Manoliño converteuse nun compañeiro habitual das saídas de mariscadores ou das empresas de turismo que percorren a zona. As redes sociais dan conta da cordialidade e proximidade que se tece entre o golfiño e os humanos.

Porén, os últimos encontros incrementaron a preocupación. Tal e como explican desde a CEMMA, “dadas as repetidas interaccións con el no pasado, a súa búsqueda de compañía é cada vez máis frecuente, o que provoca que busque e presione a nadadores, kayakistas, mergulladores e navalleiros para xogar cando eles están a traballar ou a realizar outras actividades”.

Nestas situacións “pode acontecer que se sinta rexeitado e que reaccione mal, ou mesmo que identifique unha situación de risco e pretenda axudar ao mergullador; o problema é que interactuar cun animal de 300kg, aínda que non sexa a súa intención, pode mancar”, advirten.

Fronte a estes posibles riscos, a entidade recorda que “cando apareceu, os expertos de CEMMA aconsellaron a non interacción co animal porque podía chegar a ser un risco para todos: evitar tocalo, ignoralo”. Pero, segundo lamentan, “non se fixo caso das recomendacions porque era moi ‘simpático’. Os navalleiros actualmente cambian as súas localizacións cando poden para evitalo, pero ás veces non é posible”, apuntan. Isto supón, ademais, dificultades para desenvolver a actividade diaria destes mariscadores, que só poden traballar entre as 10 e as 13 horas.

Recomendacións

Diante das posibles interaccións con Manoliño-Confi, ou calquera outro arroaz, a CEMMA insta a “ignoralo e saír da auga o antes posible; nunca hai que intentar achegarse nin achegar as mans para tocalo”, e cñompre “amosar unha actitude de indiferencia e saír da auga”, observándoo “sempre dende a distancia”.

No caso das embarcacións, a entidade recomenda que, en caso de velo a distancia, non se deberían achegar a eles. “Intentaremos non interromper a súa actividade”, e “no caso de que aparezan preto de nós, parar na medida do posible a embarcación” e “non facer cambios bruscos de velocidade nin de rumbo”. En relación a isto, a CEMMA lembra o obrigado cumprimento do Real Decreto 1727/2007, que establece medidas de protección dos cetáceos.

A inquedanza arredor de Manoliño preocupa, e bastante, nesta zona do litoral galego. Ademais das dificultades para a actividade marisqueira, flota no ambiente a incerteza de que poidan xurdir novos problemas cara á tempada turística do verán, xa que o animal adoita moverse moi preto da costa en praias que teñen unha importante afluencia.

O precedente de Gaspar

Os encontros con Confi fixeron que moitas persoas coñecedoras do medio mariño en Galicia recordasen o acontecido con Gaspar, un arroaz que a partir de 2007 protagonizou sucesivas interaccións na costa galega. Como acontece con Manoliño, Gaspar foi definido polos expertos como un golfiño con comportamento solitario, que rexeita o contacto cos seus semellantes e busca a compañía cos seres humanos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.