Máis do 80% da cidadanía pide aos gobernos un maior apoio á ciencia

A 10ª Enquisa de Percepción Social da Ciencia, elaborada pola Fecyt, amosa tamén que máis do 60% das persoas cre que a profesión científica está mal remunerada

É unha demanda sempre presente, impulsada polo escaso apoio á investigación en Galicia e España respecto á contorna de Europa. E así o constatan os datos da décima Enquisa de Percepción Social da Ciencia, realizada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e presentada este mércores. A análise, que se realiza cada dous anos desde o 2000, destaca que máis do 80% das persoas que participaron na enquisa cren que os gobernos estatais e autonómicos deberían aumentar o seu investimento en ciencia. E tamén consideran, de forma maioritaria, que a profesión científica está mal remunerada economicamente (61,8%) e conta con escaso recoñecemento social (63,3%). No contexto europeo, e na tendencia que marcan as cifras do investimento en I+D, un 66,2% cren que España está máis retrasada respecto da media da UE no que respecta á investigación científica e tecnolóxica; un 7,1% consideran que está máis adiantada e un 19,8% ao mesmo nivel.

En canto ao interese por temas de ciencia e tecnoloxía, o estudo revela que preto dunha de cada sete persoas (14%) manifesta de maneira espontánea interese polos temas de ciencia e tecnoloxía, unha proporción parecida a quen expresa interese pola economía (16%), a educación (15%) e o medio ambiente (10%). Este dato é similar ao interese detectado na enquisa realizada no ano 2018 (16%). Por idades, o interese é notablemente maior na xente nova, ata os 44 anos, e especialmente nos homes de entre 15 e 34 anos.

Publicidade

Por sexos, interese pola ciencia e a tecnoloxía declarado de forma espontánea continúa sendo maior entre os homes (19%) que entre as mulleres (10%). Con todo, as mulleres mostran un maior interese por temas cunha relación moi directa coa ciencia e a tecnoloxía, como a medicina e a saúde. O 32% das mulleres mostra un interese espontáneo por estas cuestións, fronte ao 20% dos homes. Tamén as mulleres expuxeron un maior interese en  temas relacionados coa pandemia (50%, fronte ao 43% dos homes), un tema central este ano e moi vinculado co desenvolvemento da evidencia científica.

Pseudoterapias

A enquisa inclúe un módulo específico dedicado a indagar a percepción social dalgúns aspectos da ciencia aplicada á saúde. e ao uso de terapias sen evidencia científica. Un de cada seis españois (17%) di confiar nos efectos beneficiosos da homeopatía, oito puntos porcentuais menos que hai dous anos, mentres que o 11% no reiki (imposición de mans), cinco puntos porcentuais menos que hai dous anos. Este retroceso parece estar vinculado con campañas de información sobre estes tratamentos pero tamén cunha diminución da confianza xeral, tamén nos tratamentos convencionais, como a vacinación.

Publicidade

Robotización e intelixencia artificial

A poboación móstrase dividida respecto ao balance de risco-beneficio das aplicacións da robotización e da intelixencia artificial. En conxunto, o 34% da poboación cre que os beneficios da robotización de postos de traballos supera aos riscos, mentres que o 53% cre que os riscos superan aos beneficios e o 13% non ten unha opinión formada. Ante a pregunta “Cre que o seu traballo podería ser realizado por un robot ou intelixencia artificial en 15 anos?”, un 7,7% das persoas responderon “si, totalmente” e outro 11,6% responderon que “si, na súa maioría”. Outro 24,4% cren que “si, pero só parcialmente”, e outro 49,8% cren que “non, en absoluto”.

Medios de comunicación

A televisión segue tendo un papel relevante como canle de información científica en todas as idades. O 72% da poboación manifesta que se informa de temas relacionados con ciencia e tecnoloxía a través deste medio. A televisión tivo un papel especialmente importante na información relacionada coa Covid-19: foi a principal vía de información sobre a enfermidade para o 65% da poboación, seguida da internet para o 25%.

A enquisa mostrou nas últimas edicións que Internet se consolidou como un medio fundamental de información e comunicación científica en España. Nesta edición, o 61% da poboación manifesta que se informa por internet sobre ciencia e tecnoloxía, principalmente por redes sociais e a través de medios xeneralistas na súa versión dixital.

Para a décima edición da Enquisa de Percepción Social da Ciencia e a Tecnoloxía realizáronse 7.953 entrevistas distribuídas en cada Comunidade Autónoma. A poboación estudada son persoas de 15 anos de idade en diante residentes en España durante 5 ou máis anos.

O traballo de recollida da información tivo lugar do 14 de xullo ao 19 de outubro de 2020 (non realizándose traballo de campo no mes de agosto). O erro de mostraxe polo conxunto da mostra é de ±1,12 puntos porcentuais para un nivel de confianza do 95%.


Podes consultar máis detalles nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Xavier Montalbán: “O virus de Epstein-Barr é unha condición sine qua non para padecer esclerose múltiple”

O neurólogo é recoñecido polas súas aportacións nos últimos avances na mellora do prognóstico e tratamento da enfermidade

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo

Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica