Un ciclo de divulgación científica leva a investigación sobre Galicia a seis vilas do Camiño de Santiago

A iniciativa de Observer ‘Camiños de Ciencia’ celebrarase entre setembro e novembro con charlas gratuítas arredor da arqueoloxía, xeoloxía ou astronomía

A consultora galega de turismo Observer pon en marcha Camiños de Ciencia, un programa itinerante de divulgación que, entre setembro e novembro de 2026, convertirá seis vilas do Camiño de Santiago en escenario de charlas científicas gratuítas. A proposta, subvencionada pola Axencia Turismo de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo no marco do Xacobeo 2027, parte dunha idea sinxela: o Camiño non é só patrimonio histórico e relixioso, senón tamén un percorrido pola ciencia que explica o territorio, desde os castros da Idade de Ferro ata o ceo nocturno da Terra de Deza.

O ciclo é a versión presencial da guía Camiños de Ciencia, publicada por Observer en 2022, que identifica máis dun cento de puntos de interese científico ao longo do Camiño Francés e do Camiño de Inverno. Cada parada contará nun recurso concreto nese guía e cunha persoa especialista na materia.

Publicidade

Seis paradas, catro disciplinas

A primeira cita será o sábado 19 de setembro en Portomarín (Pazo Xeral Parada), onde a arqueóloga Vanesa Trevín falará de “As pedras que falan do Camiño”: o castro de Castromaior, un dos xacementos da Idade de Ferro máis importantes do noroeste peninsular; a igrexa-fortaleza de San Nicolao, vinculada aos círculos artísticos do Mestre Mateo e á Orde de San Xoán de Xerusalén; e a vila que nos anos sesenta se trasladou pedra a pedra ante a chegada das augas do encoro de Belesar.

O programa continúa polo Camiño de Inverno: o 25 de setembro en O Barco de Valdeorras, o xeólogo Víctor Barrientos (Universidade da Coruña) explicará a xeoloxía e a minería romana das Médulas; e o 23 de outubro, en Quiroga, o mesmo investigador abordará o tempo profundo do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e os seus grandes pregamentos. De volta ao Camiño Francés, o 31 de outubro en Sarria o farmacéutico Miguel Álvarez Soaje dedicará a súa charla ás boticas do Camiño, os remedios seculares e as plantas medicinais; e o 6 de novembro, en Pedrafita do Cebreiro, Vanesa Trevín volverá á arqueoloxía coas pallozas de Piornedo. O ciclo pecharase o 14 de novembro en Rodeiro, cunha sesión de astronomía a cargo do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago sobre o ceo do outono no Monte Faro.

Publicidade

Todas as charlas serán ás 17:00 horas, con entrada de balde, e celébranse en galego.

Un pódcast en directo en cada parada

O elemento diferencial do ciclo é que, en cada vila, se gravará un episodio de pódcast en directo, co público como participante. Condúceno Manuel Vicente, director do programa de divulgación científica Efervesciencia da Radio Galega, e Maite Vence, directora de Observer. Os episodios, que darán lugar a unha sección propia en Efervesciencia e quedarán dispoñibles nas plataformas de pódcast de Observer, constitúen un arquivo permanente de divulgación do Camiño de Santiago como destino de ciencia.

Cinco dos seis concellos participantes teñen menos de 5.000 habitantes. “Queremos que a ciencia chegue ás vilas polas que pasa o Camiño e que os veciños e os peregrinos descubran que o que teñen diante —unha lousa, unha planta, un castro, o ceo— ten unha historia científica que contar”, conclúe Maite Vence.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro