En 2025 foron 530.882 os peregrinos que pasaron por todos os camiños oficiais, segundo datos da Oficina de Acollida ao Peregrino. Pero o quecemento climático afecta cada vez máis a estas rutas. O climatólogo Dominic Royé expón nun gráfico precisamente este fenómeno: cal é o quecemento de cada un dos itinerarios do Camiño de Santiago, a través dunha liña de referencia nos +0,2°C, que representa o ritmo medio de quecemento global. Os datos amosan que o Camiño Francés é, con diferenza, o que ten unha maior tendencia cara ao aumento da temperatura durante os meses estivais.
Na representación, os puntos azuis representan as zonas da ruta onde o quecemento do verán é inferior ao promedio global, mentres que os puntos laranxas estiman onde se iguala ou supera esta media. No itinerario que nace no suroeste de Francia, a práctica totalidade dos puntos están en cor laranxa. A maioría dos datos sitúanse entre os +0,4°C e +0,6°C por década, chegando mesmo a rozar os +0,75°C. Isto significa que os veráns no Camiño Francés se están a volver máis calurosos a un ritmo moi rápido.
Dominic Royé explica que os datos se obtiveron a través da vectorización de cada ruta, extraendo series temporais entre 1979 e 2025 co sistema ERA5-Land. Por cada 20 quilómetros, o climatólogo recolle un punto representativo do camiño, e cada punto representa unha das 1.000 estimacións de incertidume da tendencia de temperatura media estival.
Moitos tipos de clima
“O Camiño de Santiago engloba moitos tipos de clima: alta montaña, meseta, continental interior, atlántico”, sinala Royé. Un dos motivos polos que o Camiño Francés é o que experimenta un maior quecemento é polo seu paso por cidades como Pamplona, Logroño ou Burgos, cun clima “máis continental e extremo”. Desta forma, no momento no que se entra na meseta deixa de haber sombra, sendo esta “longa e moi vulnerable para a saúde”.
Camiños Portugués e Inglés, refuxios da calor
O ritmo global ten en conta tanto o quecemento global como o oceánico. Por iso, itinerarios como o Portugués e o Inglés, cunha influencia importante do Atlántico, contan cun “quecemento moito máis suave, xa que o océano suaviza o aumento de temperatura”, explica o experto. Royé sinala que, no caso do Camiño do Norte, non afecta tanto a regulación do mar porque o Cantábrico é máis quente.
Por este motivo, o Camiño Inglés e Portugués amosan unha distribución moito máis equilibrada, representando a maior cantidade de puntos azuis á esquerda da liña vermella. Con todo, tamén se aprecia o quecemento, xa que máis da metade dos puntos laranxas están experimentando unha suba da media global.
Unha guía para os peregrinos
O gráfico serve de guía para aqueles peregrinos que se queren enfrontar a este reto en pleno verán. “En cifras, hai unha redución de xente nos meses de xullo e agosto”, comenta Royé. Desta forma, para facer o Camino de Santiago en verán, indica dúas opcións: por unha banda, elixir outra época do ano para evitar o impacto da calor extrema; por outra, cambiar de ruta. “O aumento dos números nótase especialmente no itinerario portugués, sobre todo pola costa”, apunta. Pero o Camiño tamén é cuestión de adaptarse: hai quen camina durante a noite ou a madrugada para evitar as horas centrais. “Se xa se facía, agora incluso máis”, conclúe.














