Ao longo do Camiño de Santiago, a seguridade viaria forma parte da experiencia do peregrino. Non aparece nas estampas idílicas, pero está sempre presente. Por iso, a Xunta de Galicia anunciou o pasado 10 de decembro que, a través de Turismo, contratará obras para mellorar a seguridade viaria nos puntos onde o Camiño de Santiago Fisterra-Muxía e o Camiño Primitivo cruzan estradas autonómicas, municipais e provincias. É dicir, as actuacións centraranse nos lugares onde os peregrinos deben compartir espazo ou cruzarse con tráfico rodado, co obxectivo de reducir riscos e aumentar a protección dos camiñantes.
Estas intervencións enmárcanse na preparación do Xacobeo 2027, co fin de que estes tramos estean máis seguros ante o incremento de peregrinos que se espera nesas datas. A Xunta investirá un total de 1.254.359,38 euros nas dúas actuacións previstas, e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de decembro, segundo o procedemento público de licitación.
Así, Turismo de Galicia enmarca esta actuación nun plan global para mellorar tanto a seguridade como a experiencia do peregrino ao longo do Camiño de Santiago. Este plan non se limita ás obras recentes de mellora de cruces, senón que forma parte do Plan de Seguridade Viaria do Camiño de Santiago, que abrangue máis de 150 quilómetros dos nove Camiños e busca afastar aos peregrinos das zonas de maior risco de tráfico, cun orzamento que pode alcanzar os 40 millóns de euros.
Que medidas tomará Turismo?
Nas dúas actuacións recentemente licitadas, para o Camiño Fisterra-Muxía e o Camiño Primitivo, o obxectivo principal é garantir a seguridade. Para iso, levaranse a cabo varias medidas concretas: comezando pola creación dun itinerario de pavimento de pedra, transitable mesmo en épocas de chuvia, que evite riscos de esvarar e facilite o paso; así como a construción dunha senda peonil independente das estradas, para protexer aos camiñantes. Ao mesmo tempo, estas actuacións poñen en valor o trazado do Camiño, especialmente na contorna rural de Galicia, contribuíndo ao seu desenvolvemento económico da zona.
En concreto, nas dúas rutas, Turismo de Galicia realizará tamén melloras na sinalización vertical, tanto nas estradas que cruzan o Camiño como no propio percorrido, de forma que os condutores reduzan a velocidade e os peregrinos dispoñan de referencias claras sobre o tráfico. O prazo estimado para a execución destas obras é de 8 meses en cada itinerario.
Por que agora?
Estas medidas buscan tamén un impacto positivo sobre o desenvolvemento económico e turístico, especialmente na contorna rural de Galicia, ao poñer en valor o propio trazado do Camiño.
Para contextualizar a importancia destas actuacións, cabe destacar que, no que vai de ano, máis de 528.000 persoas recolleron a Compostela, das cales 27.784 percorreron o Camiño Primitivo e case 3.000 o Camiño Fisterra-Muxía. No último itinerario, moitos peregrinos prolongan a súa experiencia máis aló de Compostela: entre agosto e novembro deste ano, 28.470 persoas seguiron ata Fisterra e 11.638 ata Muxía, segundo os sensores de Turismo de Galicia que miden o fluxo de peregrinos.
Antecedentes: a Comisión de Seguridade Viaria do Camiño
En 2015, a Xunta de Galicia, o Goberno de España e as deputacións galegas crearon a Comisión de Seguridade Viaria do Camiño de Santiago, co obxectivo de mellorar a seguridade durante a peregrinación a Compostela. Ademais, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Local dispoñen de dispositivos especiais de vixilancia do Camiño, reforzados durante o verán.
Con todo, as precaucións que debe ter en conta cada peregrino son tamén cruciais. A Dirección Xeral de Tráfico ofrece dúas guías con información específica para quen percorre o Camiño andando ou en bicicleta. Por exemplo, se o fas a pé, algúns consellos clave son:
—Camiña polo lugar axeitado, como sendas ou camiños sinalizados ou, de ser o caso, pola beiravía ou a calzada, con prudencia e xeralmente pola esquerda.
—Vai en fila se vas en grupo, evitando amoreamentos na calzada.
—Faite ver: utiliza elementos reflectores en roupas e mochilas.
—Antes de cruzar, mira sempre a ambos os lados da vía.
—Ao cruzar, faino por lugares habilitados e, se non existen, por lugares con ampla visibilidade, perpendicularmente ao eixe da calzada.
—Non demores nin te deteñas ao cruzar: aparta do perigo.
Deste xeito, estas actuacións non só aumentan a seguridade en puntos críticos, senón que tamén melloran a experiencia xacobea e contribúen á conservación e dinamización dos territorios polos que transcorre o Camiño.












