Mellorar a seguridade do transporte por estrada a través de xemelgos dixitais. Ese é o obxectivo do proxecto RoadS2Win que desenvolve un equipo do Centro de Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo (UVigo). O grupo de investigación acaba de recibir 212.500 euros para o desenvolvemento da súa investigación durante os próximos tres anos, a través dunhas axudas do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023.
O catedrático Pedro Arias é, xunto a Joaquín Martínez Sánchez, un dos investigadores principais do proxecto RoadS2Win. O experto da Cintecx explica que a seguridade no transporte por estrada, as lesións e mortes asociadas coa mobilidade son problemas significativos en termos sociais, económicos e de saúde pública, ao tempo que lembra que a seguridade viaria depende do comportamento dos e das condutoras, da calidade das infraestruturas e da seguridade dos vehículos.
“O concepto xeral do proxecto baséase no desenvolvemento dun xemelgo dixital, que consiste na representación virtual dunha realidade física, unida pola interconexión de datos dos tres elementos sinalados anteriormente —comportamento dos e das condutoras, calidade das infraestruturas e seguridade dos vehículos—, que funciona en ambas as dúas direccións —realidade física e realidade virtual— e serve para axudar na toma de decisións mediante procesos de simulación en tempo real, sobre que medidas poden ser levadas a cabo para incrementar a seguridade viaria e a redución do risco de accidentes”, detalla Arias sobre a esencia do proxecto.
Solucións de IA para a mellora da seguridade viaria
Xunto aos investigadores Mario Soilán Rodríguez e Elena González Rodríguez, centraranse en obter unha serie de indicadores de seguridade viaria, que poderán ser estimados en tempo real a través da tecnoloxía Digital Twin (DT), unha réplica virtual ou representación dixital dun activo físico, neste caso, por exemplo, unha estrada ou compoñente relevante desta.
“Esta réplica dixital funciona de maneira idéntica á súa contraparte do mundo real, pero unicamente no ámbito virtual. Utilizando tecnoloxías como o internet das cousas (IoT), intelixencia artificial e análise de software de simulación, os xemelgos dixitais xeran simulacións baseadas en datos do mundo real para predicir o rendemento e comportamente do activo”, explica Arias, que lembra que estes modelos se utilizan para probas, simulacións, monitoreo e mantemento ao longo do ciclo de vida útil de diferentes un activos, desde a súa concepción ata a súa disposición e posta en servicio.
“Considerando que os modelos poden proporcionar predicións sobre a seguridade viaria en función de condicións de contorna cambiantes e en tempo real, nós propomos un novo modelo de seguridade viaria mellorado, baseado na aplicación de solucións de intelixencia artificial para o procesamento e análise de datos e predición de comportamento, en función de condicións de contorna cambiantes —como pode ser a climatoloxía, densidades de tráfico, estados da vía, diferentes comportamentos dos condutores, etc—, de forma que o sistema poida proporcionar recomendacións e guías de actuación adaptadas á realidade cambiante, para reducir a sinistralidade”, detalla Pedro Arias.
Longa experiencia
O grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, enfronta o proxecto Mellora da seguridade en estradas a través de tecnoloxías enfocadas ao Digital Twin coa experiencia acadada durante anos de traballo neste ámbito. “A través de varios proxectos de investigación foron feitas varias aproximacións o ámbito dos xemelgos dixitais, así como unha tese de doutoramento que esta a piques de ser defendida”, detalla o investigador do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo.
Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.