O urbanismo fronte á DINA: “Ata hai 15 anos construíanse verdadeiras aberracións”

Expertos galegos sinalan a mala planificación do territorio e a ocupación de dominio hidráulico como factores principais da catástrofe

Con 217 vítimas mortais e 89 persoas desaparecidas, a devastadora DINA que asoballou o Levante é xa unha das peores catástrofes naturais de España. Especialmente en Valencia, onde faleceron canda menos 211 persoas. Nesta provincia rexistráronse choivas que practicamente igualaron os rexistros que se recollen normalmente durante un ano: foi o caso de Chiva, con 491 litros por m2 en oito horas. Fará falla tempo para analizar con profundidade que factores levaron a esta catastrófica situación, mais hai unha serie de elementos dende o punto de vista das infraestruturas que xa se poden comezar a valorar.

Presenza de vivendas en zonas inundables

Por que as riadas asolaron zonas de vivendas construídas preto dos leitos de ríos? “O problema principal é que hai unha ocupación de dominio público hidráulico e unha mala planificación urbanística do territorio”, apunta Jorge Dafonte, profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago (USC). Dafonte, quen traballa sobre todo en temas relacionados coa hidrografía, lembra que a lexislación actual en España, a Lei de augas e o Regulamento de dominio público hidráulico, establece unha serie de zonas inundables e zonas de policía nas que as construcións humanas deben estar limitadas para garantir a seguridade da poboación.

Publicidade

En concreto, o Regulamento contempla que esa zona de policía deberá ser de 100 metros de anchura medidos horizontalmente a partir da canle fluvial. Esta normativa sufriu varias actualizacións desde a súa creación no ano 1986, o mesmo que a Lei de augas, orixinariamente de 2001. Dafonte explica que nos últimos 10 ou 15 anos, a lexislación é moito máis limitante respecto a onde se pode construír, pero que antes “o control da administración era moito máis laxo”, o que levaba a que se construísen “verdadeiras aberracións”. O profesor da USC fala sobre a Rambla del Poyo, unha das canles máis afectadas. “Vendo as imaxes”, explica, “esa zona está totalmente encaixada entre edificios. Iso provoca que, loxicamente, cando o río medra, non ten para onde desbordar”. E, así, ocupa as vivendas.

Aguantaron as infraestruturas?

Porén, a nivel de infraestruturas a resposta foi máis ben positiva, sempre tendo en conta a magnitude da catástrofe. Manuel F. Herrador, profesor de estruturas de formigón na Escola de Camiños da Universidade da Coruña (UDC), distingue entre o comportamento das infraestruturas hidráulicas e de transporte. Sobre as primeiras, considera que “sostiveron bastante ben os efectos. Hai un sistema de encoros, o que chamamos laminación de avenidas, que serve precisamente para regular estes excesos, e funcionou ata onde debe funcionar”. De aí que non se rexistrasen colapsos ou afundimentos de encoros, pese a chegar algúns a estar ao 100%. Herrador abre a posibilidade dun debate a futuro sobre se poderían ter sido de utilidade máis construcións deste tipo.

Publicidade

Sobre as infraestruturas de transporte, resalta a necesidade de considerar que isto foi unha situación “completamente excepcional”, pero que posiblemente habería que considerar que as previsións de avenidas de auga dos modelos que había ata o de agora poden estar obsoletas. “Levamos unha tempada de episodios de maior intensidade e frecuencia, incluso maior duración, dos que tiñamos antes”, destaca. “É posible que teñamos que repensar as infraestruturas que temos agora mesmo, facer algún estudo e revisión para ver se están preparadas para o que sexa que poida vir”, sinala.

O desafío do cambio climático

Isto súmase a un contexto de cambio climático no que estes fenómenos poderán aparecer con maior frecuencia e que tamén afecta á planificación. Explica Dafonte: “Cando se deseña unha infraestrutura, utilízase o concepto de retorno”. Este período é, en zonas non urbanas, de 100 anos na maioría dos casos; “é dicir, que en teoría está preparado para soportar inundacións que suceden unha vez cada 100 anos”. En zonas urbanas ou semiurbanas chega ata 500 anos. “O problema é que esa información extráese, ao mellor, de 30 ou 50 anos de datos extrapólase para 500 anos”, pero “hoxe estamos nunhas circunstancias de cambio climático acelerado, que provoca que esas predicións poidan fallar ata certo punto”.

Falar de que as infraestruturas aguantaron pode resultar sorprendente á vista das pontes arrastradas polas riadas. Aquí engade Herrador unha explicación. “É clarisimamente un problema de cimentación”, sinala. “As pontes están preparadas para resistir a avenidas, por exemplo, co que chamamos cimentación directa, é dicir, que están apoiadas sobre solo, sobre grandes zapatas. Aquí o problema é que a avenida levou o solo por diante”, apunta. Ante isto, propón a posibilidade de facer estudos sobre que canles teñen un perigo deste tipo e, a partir de aí, apostar pola cimentación profunda ou técnicas que permitan asegurar estes elementos.

Leccións aprendidas da catástrofe

Isto leva a unha das ensinanzas que Dafonte pensa que pode sacarse desta traxedia, que é a necesidade de explorar infraestruturas que permitan aliviar ou desviar os niveis de auga, así como “aplicar estritamente a protección da zona de policía”. O profesor da USC destaca a necesidade, de cara a futuro, de revisar os sistemas de alerta á poboación. Tamén de educar ou formar á mesma, algo no que coincide con Herrador cando aluden a ese primeiro impulso da xente de ir buscar o seu coche, expoñéndose a quedar atrapada nas garaxes.

“Moitas infraestruturas aguantaron”, apunta Dafonte, entre as que destaca a canle nova do Turia, que rodea a cidade de Valencia pola parte sur. Esta foi construída, precisamente, tras do episodio de chuvias intensas de 1957 que provocou o desbordamento do río, que daquelas pasaba polo centro da localidade. Tamén destaca que, pese a que algunhas pontes caíron, por outras moitas “pasou a auga por riba e están en pé”. “Estamos falando de algo extraordinario”, recalca. Dafonte alude a actuacións propostas no barranco do Poyo, que non chegaran a desenvolverse, e que proxectaban parques e canles de inundación, que permitisen desaugalo en caso de crecidas significativas.

E Galicia?

Malia que a situación dista moito de ser semellante, posto que en Galicia este tipo de fenómenos non son habituais, si que cómpre pensar en se as infraestruturas están preparadas para unha situación semellante. Dafonte incide nisto, xa que tanto o terreo como a presenza de vexetación fan que a comunidade presente características distintas, e lembra que as últimas grandes inundacións foron provocadas por precipitacións persistentes, que saturan o terreo de forma que non é capaz de filtrar nada de auga.

Foi o caso das inundacións de decembro do 2000: ao ano seguinte, a Xunta de Galicia presentaba Inungal, do que hai xusto uns días anunciaba a última actualización. Este plan de protección civil ante o risco de inundacións no territorio establece a organización e os procedementos de actuación e recolle os plans das catro demarcacións hidrográficas da comunidade, Galicia-Costa, Miño-Sil, Cantábrico e Douro.

Herrador apoia esta visión distinta do caso galego fronte ao escenario actual no Levante. Si que sinala que, nunha emerxencia deste tipo, unha das dificultades que se podería atopar serían as comunicacións entre localidades, cun terreo complicado. Pero, lembra, isto é especular. “Por poñer un símil, se houbese un terremoto na Coruña, estarían os edificios preparados para resistir? Non. Pero é que non hai ningún motivo polo que teñamos pensado que poida haber un terremoto na Coruña, polo que tampouco podemos prepararnos para este tipo de problemas”, conclúe.

María Ramos
María Ramos
Xornalista freelance con experiencia en prensa online e radio. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela e con grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Yolanda Prezado: “O Centro de Protonterapia situará Galicia nunha situación privilexiada para investigar”

A física galega, premiada co Wonenburger 2026, consolidou a súa traxectoria en Francia e regresou en 2024 a Galicia para crear escola no eido da radiobioloxía

Unha recreación en 3D recupera a desaparecida casa de baños La Concha de Arosa

O CIAG crea unha visualización dixital dun edificio de finais do XIX que funcionou como polo turístico e centro do lecer aristocrático da época ata o seu peche tras a Guerra Civil

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos