Unha recreación en 3D recupera a desaparecida casa de baños La Concha de Arosa

O CIAG crea unha visualización dixital dun edificio de finais do XIX que funcionou como polo turístico e centro do lecer aristocrático da época ata o seu peche tras a Guerra Civil

A finais do século XIX, a praia de Vilagarcía de Arousa converteuse no destino de referencia para a alta sociedade grazas a La Concha de Arosa. Durante as tempadas estivais, o centro non só se consolidou como un referente da talasoterapia, senón tamén como o corazón da vida social e política da época, acollendo dende banquetes e bailes ata mitins políticos. Esta obra arquitectónica, deseñada por Jenaro de la Fuente Domínguez, pechou as súas portas despois da Guerra Civil. Hoxe, tan só queda o seu recordo no lugar que ocupou. Porén, aínda é posible observar o edificio: o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) pon a disposición do usuario unha recreación que amosa con precisión o aspecto que tivo a casa de baño La Concha de Arosa.

Unha labor de artesanía e precisión

A través de programas de modelado e renderizado en 3D, o CIAG devolve á vida elementos patrimoniais que se viron total ou parcialmente eliminados. Un dos deseñadores do centro, Anxo Miján, explica que a precisión histórica sempre é a máxima que move os proxectos: “Obtemos os nosos datos a través de proxectos de investigación. Os catedráticos e directores do estudo son quen nos achegan os arquivos e documentación necesaria”. Con esta visión concorda o responsable da virtualización da casa de baños, Carlos Paz: “Cada proxecto está asesorado por profesionais da arquitectura e da historia”. Neste caso, o apoio investigador correu a cargo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do proxecto Memoria do Patrimonio arquitectónico desaparecido en Galicia. O século XX (MEGAPAL).

Publicidade

Traballar con documentación do pasado presenta certos retos que se volven evidentes nun proxecto de recreación virtual de precisión: entre eles, a falta de detalles. Ou, mellor dito, a falta de documentación sobre os mesmos. “Cando non temos información sobre algo en específico, temos que tomar decisións guiadas polos investigadores. Hai que ter en conta que todas as representacións que se fan son, en certo grao, propostas de recreación”, conta Miján, e engade que, a pesar disto, sempre prima o respecto pola fidelidade histórica e a plausibilidade no contexto do obxecto que se reconstrúe. O deseñador explica que, baixo a supervisión de historiadores, elaboran símiles históricos que permitan inferir cal puido ser o aspecto dun detalle perdido.

Paz engade que nestas propostas sempre primará a veracidade histórica, mais non por iso se sacrificará o factor estético do proxecto: “Podes facer que unha imaxe sexa visualmente potente e que á vez sexa fiel á historia”, asegura, e engade: “Somos artesáns dixitais”.

Publicidade

A intersección entre historia e arte

“Agora, o proceso de modelado xa é parte da investigación”, asegura Carlos Paz. O membro do CIAG explica que a posibilidade de observar unha construción interactiva en 3D, en vez de mantela sobre unha representación en papel, permite que os reponsables dun estudo poidan visualizar detalles que non sería posible doutro xeito e, con iso, contribuír ao proceso de investigación.

Anxo Miján sinala que este tipo de propostas visuais ofrecen unha longa lista de beneficios a institucións, investigadores e, en xeral, á sociedade civil: “Ten fins non só gráficos, senón tamén educativos, divulgativos, museísticos, de apoio á comunidade científica, enfocadas ao turismo… E editoriais, polo que pasan a ser, en si mesmas, parte da documentación que poida consultarse no futuro”. O deseñador sinala que outro gran punto positivo das representacións en 3D é que permite facer recreacións patrimoniais sen intervir sobre o espazo físico: “Poderiamos recrear ruínas sen intervir directamente sobre eses espazos, polo que evitamos modificar ou danar o patrimonio existente”.

As recreacións do CIAG

O pasado esquecido de La Concha de Arosa

Esta emblemática casa de baños foi promovida en 1886 polo industrial caldense José Salgado Rodríguez e seguiu o deseño do prestixioso mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez. O edificio estendíase sobre unha superficie de 2.700 metros cadrados e elevábase sobre a area nuns piares de madeira. A súa estrutura presentaba unha planta en forma de U, cun gran pavillón central conectado a dous corpos laterais mediante longas galerías. Mentres que a entrada principal miraba cara á estrada que unía Vilagarcía con Carril, a fachada marítima exhibía unha estética pintoresca adornada con abondosos lambrequíns. No seu interior, ademais dun salón de festas, os usuarios dispoñían de cuartos de baño que ofrecían augas frías, temperadas e sulfurosas.

Esta oferta atraeu algunhas das figuras máis influentes do panorama intelectual e político do momento. Personalidades da talla da escritora Emilia Pardo Bazán e dos políticos Eugenio Montero Ríos e José Canalejas pasaron polos salóns de La Concha de Arosa, buscando o benestar das súas augas e o ambiente selecto dos seus salóns. O balneario converteuse así nun motor cultural e nun símbolo do auxe turístico que situou a ría de Arousa no mapa do lecer aristocrático.

Fotografía da casa de baños La Concha de Arosa. Imaxe cedida polo CIAG
Fotografía da casa de baños La Concha de Arosa. Imaxe cedida polo CIAG

Porén, a Guerra Civil marcou un punto de inflexión na historia da casa de baño: ao seu remate, cesou por completo a súa actividade. O período de posguerra iniciou un camiño de abandono e espolio do seu mobiliario que levou á construción a unha progresiva degradación. O desmantelamento parcial en 1952 anticipou a súa demolición definitiva entre 1954 e 1955, desaparecendo o último vestixio —o caseto da caldeira— en 1965. Hoxe, o terreo que ocupaba esta xoia do litoral dá paso ao Parque da Concha, un espazo público que mantén vivo no nome o recordo daquel esplendor perdido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como son os planos 3D da túa cidade? Descúbreo neste novo visor

Unha ferramenta de código aberto permite xerar maquetas urbanas descargables directamente dende o navegador

Unha recreación dixital devolve ao retrato do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria a súa apariencia medieval

A investigación da USC e do CISPAC combina análise histórica e tecnoloxía 3D para reconstruír a forma e policromía orixinais do "santo dos croques"

Voar sobre Rande ou a Torre de Hércules: así funciona este simulador de voo con tecnoloxía 3D

A ferramenta World Flight Sim emprega datos cartográficos avanzados e ofrece unha experiencia inmersiva e gratuita dende o navegador

Que avións pasan agora mesmo polo ceo galego? Descúbreo neste mapa en 3D

A ferramenta Air Loom permite consultar en tempo real rutas, altitude e velocidade das aeronaves que atravesan Galicia