“Malia ser unha etapa moi importante na nosa historia, que explica parte do que somos, comezando pola lingua que empregamos, aínda descoñecemos moito do pasado, e máis da etapa na que os romanos se asentaron en Galicia”. Así de contundente é José Manuel Costa-García, arqueólogo e director do proxecto de investigación Roma no Finis Terrae. Xunto ao seu equipo, plantexouse hai xa dez anos chegar a un obxectivo ambicioso: afondar no coñecemento sobre a presenza do exército romano nos confíns do continente europeo, é dicir, no noroeste peninsular en xeral e, en particular, en Galicia.
Aproximarse ao proceso de conquista na antiga Gallaecia non é unha tarefa sinxela. “Ás veces semella que Galicia é hostil á arqueoloxía“, di en broma Costa-García. Máis algo de verdade hai nesta frase: ás limitadas fontes históricas sobre esta etapa súmanse as dificultades propias do noso terreo. O período de escavacións xa rematou, mais é agora cando comeza o verdadeiro reto: sacar conclusións e afondar no coñecemento adquirido tras anos de traballo. Como axuda, o equipo conta cunha ferramenta crave: as recreacións en 3D dos asentamentos militares romanos ubicados na provincia da Coruña.
A conquista da Gallaecia
As primeiras incursións militares romanas coñecidas en Galicia datan dos anos 138-137 a.C.:hai rexistros que narran como Xuño Bruto atravesou o río Lethes (Limia), entrando en terreo descoñecido. “O que si está claro, e de feito, menciónase en distintas fontes da época, e que o propio Xulio César liderou unha expedición contra o asentamento de Brigantium (en ocasións identificado co castro de Elviña, na Coruña) no ano 60 a.C.“, explica Costa-García. Malia que a expedición de César aínda presenta numerosas incógnitas en termos arqueolóxicos, “a partir deste momento as mercadorías de orixe romana inundan o rexistro dos xacementos galegos”, conta Manuel Gago, xornalista e membro do proxecto, facendo referencia ao asentamento do Imperio no norte peninsular.
No caso de Roma no Finis Terrae, o obxectivo é precisamente afondar no coñecemento dos momentos iniciais da conquista romana no territorio da actual provincia coruñesa, conxugando as metodoloxías máis clásicas da arqueoloxía coas recreacións en 3D para poder visualizar mellor esta etapa descoñecida da nosa historia antiga e dilatada no tempo.
O avance da tecnoloxía permite chegar a lugares que hai anos recoñecíamos como imposibles. Aínda así, hai disciplinas onde o traballo de campo é algo inevitable: as escavacións arqueolóxicas, polo de agora, non se poden facer por computadora. Con todo, hai moitas técnicas complementarias que poden axudar, e moito, ao estudo do noso pasado, e por que non empregalas? De seguro iso foi o que pensaron os membros de Roma no Finis Terrae. Pero iso si: primeiro, a escavar.
Facer visible o invisible
Para poder obter máis información, o equipo empregou técnicas como o LiDAR, baseada no uso de raios láser para medir as distancias e profundidade no solo. Isto permitiu explorar as verdadeiras dimensións dos asentamentos militares. Ademais, para datar os restos atopados, os arqueólogos axudáronse de técnicas máis clásicas como a do isótopo radioactivo carbono-14 e doutras menos coñecidas, como a OSL (luminiscencia ópticamente estimulada), que analiza a luz atrapada nos minerais do solo.
Isto, xunto coas labores propias de escavación, foi o que levou aos investigadores a recrear graficamente os dous asentamentos, tal e como contan nun fío de X onde falan de todo o proceso: “Quixemos facer visible o invisible desde o inicio, integrando as recreacións na investigación. Isto é algo que se fai case sempre ao final”.
Dous complexos sitios fortificados
Para levar a cabo as súas investigacións, o equipo centrouse en dous importantes xacementos: o castro e campamento de Santa Baia (A Laracha) e a fortificación de O Castrillón (Touro), ambos na provincia da Coruña. Os asentamentos foron encravados en sitios arqueolóxicos previos, que foron ampliados coa presenza militar romana no proceso de conquista do Imperio no territorio peninsular.
Segundo contan, o sitio de Santa Baia presenta unha potente muralla que podería datar entre mediados do século VI e inicios do III a.C. A intervención do equipo demostrou que o campamento foi construído con rapidez, “escavándose un foso e levantándose un parapeto de terra detrás do mesmo”. Logo do seu abandono, desmantelouse con igual velocidade.
Doutra banda, o sitio do Castrillón é unha fortificación de pequeno tamaño, que conta con dous recintos defensivos construídos en distintas épocas. Dende Roma no Finis Terrae apuntan que a construción do primeiro faríase antes da chegada dos romanos (séculos V-IV a.C.), “mentres que o segundo evidencia unha rápida refortificación e ampliación dos espazos defensivos, relacionada coa chegada dos romanos á zona”.
En 3D, mellor
Unha parte importante do proxecto baséase no emprego de ilustracións e recreacións en 3D que amosen dun xeito sinxelo o resultado das investigacións. Para conseguilo, o equipo colaborou con profesionais de distintos ámbitos do sector cultural galego, “que contribuíron a facer visibles as hipóteses en relación aos xacementos”, explican dende Roma no Finis Terrae. Así, na páxina web do proxecto, calquera cidadán pode gozar das ilustracións a cargo do debuxante Alberto Taracido, e das detalladas recreacións virtuais das fortificacións de Santa Baia e O Castrillón, levadas a cabo por Anxo Miján, Carlos Paz e Miguel Torre, membros do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG).
Ilustracións dos sitios arqueolóxicos, elaboradas por Alberto Taracido.
Os motivos para facelo son varios: “As recreacións permiten non só crear empatía entre os cidadáns e os xacementos arqueolóxicos, senón que se converteron mesmo nunha ferramenta para comprobar a
viabilidade dalgunhas hipóteses do equipo de investigación”, sinala Gago.
“Ao visualizar estas recreacións, moitas veces dámonos conta de certos erros na nosa interpretación. É canto dicimos: ajá… isto non debería estar aí. E vémolo dun xeito instantáneo”, engade Costa-García.
Dar a coñecer o propio
Ademais de axudar aos propios arqueólogos, as recreacións en 3D procuran dar a coñecer á cidadanía os resultados das investigacións dun xeito máis sinxelo e visual. De feito, tal e como sinalan dende Roma no Finis Terrae, a totalidade das pezas feitas por e para o proxecto pódense ver e empregar como recurso didáctico ou outro fin de balde: “Buscamos tamén que o que nós facemos cun orzamento público se vexa reflectido no ámbito público tamén”, explican.
Para facer as recreacións, o equipo baseouse nun complexo conxunto de datos: combinaron as evidencias recollidas nas propias escavacións e o coñecemento documental e arqueolóxico doutras fortificacións xa coñecidas en Europa. Con todo, os datos son limitados, e estas imaxes e vídeos, malia ser un apoio gráfico moi interesante, non deben ser consideradas como a realidade, sempre suxeita a interpretacións.
As dificultades da escavación
A arqueoloxía en Galicia é un auténtico reto para o estudo de xacementos ocupados durante pouco tempo, segundo conta o director do proxecto. O terreo cambiante debido ao uso agrícola e gandeiro, a xeoloxía e carácter acídico dos solos e a frondosidade da nosa paisaxe son elementos a ter moi en canto cando se fai unha investigación deste tipo. Dificultades? Todas.
Ademais, “estes asentamentos militares foron construídos e abandonados dun xeito moi rápido“, apunta Costa-García, facendo referencia a unha das principais conclusións do proxecto. Por iso, os restos que se poden atopar nestes enclaves son moi limitados.
No castro de Santa Baia, os arqueólogos atoparon restos cerámicos que se corresponden coa ocupación deste lugar: “Porén, no campamento de Santa Baia unicamente apareceu lixo moderno e metais recentes, como pezas de maquinaria e parafusos, xa moi deteriorados”, explica o director do proxecto. No Castrillón, o mesmo: vertedoiros recentes, restos de sondaxes mineiras das últimas décadas, “mais nada antigo”, subliña.
E é que, un dos principais elementos que limita constantemente a arqueoloxía en Galicia é, segundo Costa-García, a natureza da nosa paisaxe: “A acidez do solo fai que todo se deteriore máis rápido que noutros lugares como Asturias. Ademais, temos unha frondosidade que moitas veces dificulta o traballo de campo”. Deste xeito, os restos orgánicos ou inorgánicos desaparecen nun “breve” lapso de tempo e a presenza dos asentamentos non sempre é obvia.
A natureza dos asentamentos militares
Os campamentos temporais (castra aestiva) apareceron en Galicia pola dobre necesidade do exército romano de gornecerse en territorio hostil e de manter a disciplina interna.
Estas fortificacións de campaña podían ter distintos tamaños (dende 1 ha ata 30 ha), e construíanse rapidamente empregando os materiais que os soldados tiñan a man. Na súa forma máis básica, as defensas (munitiones) destes campamentos consistían nun foso e un terraplén (agger) levantado coa terra extraída que podía coroarse cunha palisada ou valado (vallum).
Unha vez montado o campamento, os soldados acampaban coas súas tendas de coiro en ringleiras orientadas cara as liñas de defensa e as vías que garantían o tránsito interior. Este é o motivo polo que estas fortificacións adoitan a ter formar regulares. Por mor da súa ocupación efémera, explican dende Roma no Finis Terrae, a cultura material que se pode atopar nestes sitios é moi limitada e sensible ao paso do tempo.
Sobre o futuro
Polo de agora, móstranse contentos cos resultados, e agardan que grazas ás escavacións sexan capaces de xerar coñecemento que axude a comprender mellor como foi o proceso do asentamento romano en terras galegas.
Sobre o futuro, Costa-García garda cautela, aínda que mantén unha visión optimista: “Na Deputación da Coruña están moi contentos co feito ata o de agora, e sempre sentimos o seu apoio ao proxecto. Idealmente seguiremos colaborando nesta liña ou noutras semellantes”. A intención, din, é seguir apostando por xerar coñecemento dende as institucións públicas e devolver este esforzo á sociedade en forma de recursos que permitan coñecer mellor o noso pasado.