“O proxecto Gama produciría unha grave fractura no territorio”. Esta é unha das contundentes conclusións que recolle un informe elaborado por unha decena de expertos en diferentes ámbitos e liderado polo Consello da Cultura Galega (CCG) sobre a instalación dunha fábrica de celulosa en Palas de Rei da empresa portuguesa Greenfiber (Altri). O documento mostra conclusións tallantes sobre a futura construción, asegurando que obrigaría a plantar entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais de eucaliptos en Galicia —actualmente hai 409.000— e que podería provocar a “destrución completa” ou a “alteración irreversible” dos solos da zona. O informe, que se presentou este xoves, xa foi remitido á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.
“A decisión de implantar unha fábrica de fibras téxtiles non responde nin a un plan territorial nin a un plan industrial que fosen avaliados ambientalmente”, comeza expoñendo o informe nas súas conclusións. Tamén recolle que a xustificación da declaración de “Proxecto industrial estratéxico” se apoia en aspectos de carácter económico e que a análise realizada a partir dos datos do expediente non concorda co anunciado polos promotores.
Primeiro porque, segundo a análise coordinada por Ana Isabel García Arias e Edelmiro López Iglesias que se inclúe no documento, o número de empregos directos que se crean nesta primeira fase “se estiman entre 161 e 281, a metade dos anunciados”. Segundo, porque os “impactos indirectos só serían para empresas situadas fóra de Galicia”, polo que “o proxecto tería un impacto moi reducido na economía galega”. O informe tamén lembra que a análise do impacto socioeconómico presentado pola empresa só fai referencia ao período 2025-2030, pois “non hai datos relativos aos compromisos, prazos, nin financiamento referidos á segunda fase da implantación da industria”.
Expansión das masas forestais por Altri
En canto á materia prima necesaria para este proxecto, o informe conclúe que “a expansión das masas forestais de especies do xénero Eucalyptus é unha das consecuencias probables”. Segundo a investigación realizada por Eduardo Corbelle, o cálculo débese facer conforme á fase II, na que se estima un consumo de 2,28 millóns de metros cúbicos con casca, polo que se conclúe que “non sería posible abastecer a nova fábrica sen incrementar a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galicia (entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais, ás 409.000 actuais), ou ben sen importar un volume considerable de madeira”. Dous escenarios, conclúe o informe, que son “opostos aos intereses da política forestal en Galicia”.
Impacto hidrolóxico
En canto ao impacto hidrolóxico, segundo a investigación realizada por Juan Lema, o informe afirma que tanto “a captación de auga para o proxecto coma a alteración dos parámetros de calidade na área de vertedura se sitúan dentro dos parámetros esixidos polo Plan hidrolóxico Galicia-Costa, polo que o estado ecolóxico do río se mantería na cualificación de ‘bo’ existente nestes momentos”.
Con todo, no estudo de Horacio García tamén se destaca que “os cálculos realizados están baseados en valores medios mensuais en lugar de diarios, o cal supón un importante nesgo”. Lamenta que se analicen as masas de auga desde un punto de vista estático e puramente hidráulico, sen que se teña en conta a dinámica hidroecolóxica e hidrosocial, así como que tampouco se tiveron en conta as tendencias hidrolóxicas que apuntan a unha diminución progresiva e acentuada dos caudais dispoñibles.
No relativo ás emisións gasosas, segundo o modelo preditivo empregado polos promotores, as inmisións están moi por debaixo dos valores límites establecidos pola OMS; non obstante, o informe apunta que non están cuantificadas todas as emisións que poderían ter efectos a longo prazo sobre a saúde.
Consecuencias no solo de Altri
Sobre a elección da localización da planta, o informe, a partir das investigacións de María J. Fernández Sanjurjo, indica que se emprazaría “directamente nun dos hábitats xeoedáficos e ecolóxicos máis singulares e interesantes de Galicia”, en concreto, sobre unha área proposta para a ampliación da Rede Natura que leva paralizada desde o ano 2011. O informe conclúe que “a instalación desta fábrica, que ocuparía sobre o 7% da superficie do afloramento serpentinítico, implicaría a destrución completa ou a alteración irreversible destes solos e a súa biota asociada, un verdadeiro laboratorio natural de biodiversidade”. Ademais, esta investigadora tamén apunta “non existe en Galicia un territorio que reúna tantas especies de flora ameazada e protexida polo Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA)”.
Patrimonio cultural
No que atende ao patrimonio cultural, o informe apunta que o estudo realizado no proxecto Gama “non responde a nunha análise conceptual complexa integrada de valores naturais, sociais e culturais” senón que os entende como elementos illados. Na análise realizada por Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Nieto asegúrase que na documentación achegada polo proxecto Gama se reduce a dimensión perceptiva da paisaxe ao visual e ignóranse “os procesos de perda de valores ambientais e paisaxísticos”. Nas conclusións asegúrase que a implantación do proxecto supón un cambio de modelo territorial que afectará os recursos turísticos da zona, sendo os máis relevantes o castelo de Pambre e o Camiño de Santiago. Lembra tamén que “a intervención do ICOMOS ou da UNESCO —que anunciou un estudo independente— pode ter consecuencias graves sobre esta ruta e sobre o conxunto dos Camiños de Santiago”.
Os diferentes estudos realizados para a elaboración deste informe apuntan á inexistencia de datos e de investigacións necesarias para a toma de decisión dun proxecto destas características. Destácase a necesidade de avaliar o impacto sobre outras actividades económicas, o risco de deterioración da imaxe turística e tamén o impacto sobre a cadea agroalimentaria.
O procedemento e a comisión
O CCG, ante a falta de solicitude por parte da administración sobre as posibles afeccións patrimoniais e ambientais do proxecto de Altri e durante o período aberto para incorporar alegacións, solicitou formalmente (o 17 de abril de 2024) a apertura dun prazo extraordinario para poder elaborar o presente informe. En paralelo procedeu á constitución dunha Comisión técnica temporal para a súa elaboración. A solicitude foi denegada o 31 de xullo, cando os informes particulares xa estaban elaborados. No mes de agosto rematouse o informe completo que foi remitido á Consellería o pasado xoves 29.
A comisión está formada por Teresa Nieto, arquitecta e funcionaria da Xunta, nomeada coordinadora da comisión técnica. Xunto coa arqueóloga e investigadora da Universidade do Minho, Rebeca Blanco Rotea, analizou os efectos sobre o patrimonio cultural e as cuestións sociais.
Eduardo Corbelle, profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal (Campus Terra) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigador vinculado ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), foi nomeado coordinador técnico e responsable da análise dos efectos sobre o patrimonio natural e o medio ambiente.
Dende saúde ata edafoloxía
Pola súa parte, María José Fernández Sanjurjo, profesora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, encargouse da análise do sistema edafo-botánico da zona. Horacio García, profesor do departamento de Xeografía da Facultade de Xeografía e Historia da USC e investigador vinculado ao CISPAC realizou a avaliación do impacto hidrolóxico. Juan Manuel Lema Rodicio, catedrático emérito de Enxeñaría Química da USC, encargouse de analizar as emisións (apartado no que contou coa colaboración do investigador Vicente Pérez Muñuzuri, catedrático de Física da Materia Condensada da USC) e a contaminación ambiental.
Edelmiro López Iglesias, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Ana Isabel García Arias, profesora do departamento de Economía Aplicada da mesma universidade e investigadora vencellada ao CISPAC, analizaron o apartado económico, de política agraria e de desenvolvemento rural. Este estudo contou tamén coa colaboración dos investigadores Fernando de la Torre e David Peón.
Xosé M. Santos, catedrático de Xeografía Humana da USC vencellado ao CISPAC, fixo unha valoración sobre o impacto do proxecto na actividade turística global. Por último, Sonia Villapol, xefa de laboratorio no departamento de Neurociruxía e no Centro de Neurorexeneración do Instituto de Investigación do Hospital Methodist no Texas Medical Center en Houston (Texas) e profesora no departamento de Neurociencia en Cirurxía Neurolóxica do Weill Cornell Medical College de Nova York fixo unha análise sobre o impacto e riscos para a saúde do proxecto.
Podes consultar o informe do Consello da Cultura sobre Altri na seguinte ligazón.