Venres 29 Marzo 2024

Eucaliptos e auga a gran escala: as sombras da gran aposta da Xunta para os Next Generation

O proxecto de Altri nunha zona de ampliación de Rede Natura demandará un millón de metros cúbicos de madeira anuais e 0,5 de auga doce por segundo

Palas de Rei está situado no corazón de Galicia. Un concello de interior e cun forte peso do rural no que viven arredor de 3.300 persoas. É, polo tanto, un municipio pequeno. Mais agora está na boca de todos. A multinacional portuguesa Altri acaba de sinalar Palas de Rei como a “localización ideal” para construír un complexo industrial. O obxectivo sería a  fabricación dunha fibra téxtil denominada lyocell que se obtén a partir dunha pasta de madeira de eucalipto. Pero para a produción deste tecido fan falla grandes cantidades de materia prima, incluíndo auga doce cunha subministración continuada. As esixencias, tanto forestais como de consumo de auga, poñen en seria dúbida a sustentabilidade ambiental da factoría.

Onde se instalará a fábrica?

O lugar no que se prevé construír a planta de Altri responde ao nome de Finca Rioseco e ten máis de 250 hectáreas. “É unha parcela rústica cun alto valor ambiental. Talvez o primeiro sería preguntarse se hai dispoñibilidade de solo industrial que poida subministrar os recursos que esa industria precisa”, apunta o investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González. Tamén advirte que para que o proxecto de Altri sexa viable, un dos primeiros pasos a dar sería unha recualificación do terreo que convertese a Finca Rioseco nun solo industrial. “O lóxico sería que preparasen un proxecto, buscasen as localizacións e logo se someteran a información pública”, indica González, que denuncia que a meirande parte dos datos dos que dispoñen obtivéronos a través dos medios de comunicación.

Publicidade

Pola contra, fontes de Altri, en declaracións a GCiencia, aseguran que xa se fixeron avaliacións de viabilidade do proxecto “en varias dimensións”, incluíndo a ambiental. Segundo confirman, analizaron ata 46 espazos diferentes en Galicia, sendo Palas de Rei “a localización ideal”. Dende a multinacional portuguesa insisten en que a elección da Finca Rioseco respondeu a “criterios técnicos moi esixentes”, como a dispoñibilidade de auga doce suficiente e a proximidade á materia prima, entre outros factores.

De feito, dende a multinacional portuguesa confirman que o proxecto xa se comezara a xestar en 2021, en colaboración con Impulsa-Galicia, un consorcio público-privado no que participa a Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama. Ademais, a propia Xunta definiu o plan de Altri como “o proxecto Next Generation máis importante”. É dicir, será a gran candidatura galega para os fondos europeos, dos que España recibirá 140.000 millóns de euros co obxectivo de reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia.

O complexo industrial prevese construír na Finca Rioseco, unha parcela de máis de 200 hectáreas

A postura de Altri coincide coa do catedrático da Área de Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Manuel Marey. “A escolla da localización responde normalmente a criterios técnicos. Se consideran que Palas de Rei é o mellor espazo é porque Altri fai unha análise para os próximos 30 ou 40 anos. Miran cara ao futuro, non cara ao pasado”, indica o investigador da USC. Marey tamén recorda que este tipo de proxectos, para que sexan viables, teñen que estar amparados pola lexislación actual e, polo tanto, se presentan algunha disfunción, haberá medidas correctoras que permitan mitigar os danos.

Mais hai outros colectivos, como Adega —unha das entidades que asinou un manifesto no que advirten do impacto ambiental da factoría—, que avisa da sensibilidade ambiental da Finca Rioseco, independentemente das avaliacións que xa realizara a empresa. “Está na zona de ampliación da Rede Natura 2000 con especies moi sensibles”, apunta Fins Eirexas. De feito, entidades asinantes do manifesto insisten en que a parcela acolle a numerosas especies ameazadas, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), no caso das aves; e a rela (Hyla molleri) e a rá patilonga (Rana iberica), en canto aos anfibios. Pero tamén a flora se vería ameazada, como a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi) e outras especies. “Alí onde a queren colocar, a fábrica de Altri é un proxecto delirante”, aseguran dende Adega.

Canta madeira de eucalipto precisa?

Outro dos puntos clave do proxecto de Altri é o tipo de materia prima que empregará. O seu produto máis salientable é, sen dúbida, a madeira de eucalipto, posto que é a base sobre a que se produce a fibra téxtilO conselleiro delegado de Altri, José Soares, estima que por cada tonelada de lyocell tamén coñecida como Tencel polo seu nome comercial— se precisarán catro metros cúbicos de madeira, segundo se recolle nunha entrevista realizada por La Voz de Galicia. Mais non se especifica de onde se extraerá tal cantidade de materia prima, tendo en conta que prevén producir 200.000 toneladas de lyocell ao ano.

As fontes de Altri consultadas por GCiencia tampouco aclaran este punto tendo en conta, sobre todo, a moratoria vixente en Galicia que impide novas plantacións de eucalipto ata o 2025. “Con este proxecto, Altri e Impulsa farán uso dos recursos dispoñibles na rexión que, cremos, serán suficientes”, indican dende a multinacional portuguesa. E engaden: “Esta planta fomentará a xestión sostible dos bosques e da silvicultura activa aproveitando a madeira dispoñible e utilizando eucalipto, si, pero non só eucalipto, porque tamén se usarán outras especies”. Aínda que non especifican cales serán, apuntan a seguinte estimación: unha compra anual de entre 0,8 e 1,4 millóns de metros cúbicos de madeira excedente. A Consellería de Medio Ambiente, á que se lle preguntou por estas cuestións co obxectivo de analizar a situación, remitiu á de Medio Rural alegando que non teñen competencias en materia forestal.

Altri asegura que se empregarán outras especies forestais, ademais do eucalipto

A este respecto, Serafín González declara con contundencia: “Hai un problema gravísimo de eucaliptización en Galicia, que deriva no risco dos incendios forestais. E imos traer unha nova planta que vai consumir máis eucalipto e, polo tanto, incentivar a súa plantación”. Malia que hai unha moratoria que o impide, polo menos, ata 2025, González pregúntase: “Que é o que se está a facer para vixilar as plantacións ilegais?”. Dende Adega, Fins Eirexas apoia a visión dada por González e asegura con contundencia: “Se hai un novo foco de demanda de madeira de eucalipto, vai haber unha nova vaga eucaliptizadora“.

Que cantidade de auga necesita?

Outro dos recursos fundamentais do proxecto de Altri é a auga. No manifesto asinado polos diferentes colectivos galegos recollíase que “o volume de auga mínimo preciso para producir unha tonelada de lyocell supera os 1.500 metros cúbicos”. Pola contra, as fontes de Altri desmenten esta cifra e aseguran que é un valor incorrecto. “Necesítase aproximadamente o 1% dese valor para facelo, tendo como obxectivo máximo a preservación dos recursos naturais”, aseguran dende a multinacional portuguesa.

A empresa engade que un dos parámetros que analizaron en profundidade foi a dispoñibilidade de auga doce suficiente e constante todo o ano. Malia que non se especifica de onde se extraerá, aseguran que minimizarán o consumo de auga ao máximo. “O proxecto prevé a recirculación de auga no proceso produtivo”, aseguran. Ademais, nun artigo publicado en La Voz de Galicia especifícanse máis os datos, asegurando que para a entrada haberá “río ou embalse” do que tomar uns 0,5 metros cúbicos por segundo. E para a saída, “un caudal mínimo de 6 metros cúbicos por segundo”.

A Serra do Careón, próxima á Finca Rioseco, é a cabeceira da conca do río Ulla

A este respecto, González recorda que é unha industria que precisa dun gran consumo de auga. “Habería que ver as posibles verteduras. Aí ao lado está a Serra do Careón“, indica. Cabe recordar, ademais, e seguindo as indicacións da Deputación de Lugo, que é neste espazo natural onde está a cabeceira da conca do río Ulla, que dá nome á comarca da Ulloa onde está Palas de Rei. De feito, nesta serra nacen varios dos seus afluentes: o río Pambre, o Narla, o río Seco e o Furelos. A maiores, dende Adega pregúntanse: “Como van conseguir toda a auga que precisan? Por que a colocas en Palas de Reis e non nun sitio onde xa tes acceso a esa auga? Como Ence, que ten o Lérez ao seu servizo”, reflexiona Eirexas.

Cantos postos de traballo xerará?

Máis alá das materias primas, un dos principais argumentos na defensa de Altri é a cantidade de postos de traballo que xerará e como logrará dinamizar o corazón de Galicia. Segundo as estimacións da Xunta, poderanse crear uns 2.500 postos directos e indirectos. De feito, este é un dos puntos nos que se detén Manuel Marey: “A clave é a xeración de emprego; dun emprego con base industrial, máis remunerado, máis estable e máis profesional”. O catedrático da USC pensa que a instalación de Altri en Palas de Rei pode significar “un antes e un despois” na contorna, sobre todo dende o punto de vista demográfico e de estrutura social.

“Temos que ser máis autosuficientes dende o punto de vista edafolóxico e climatolóxico. Oxalá haxa moitas outras industrias, forestais ou non, que demanden materia prima, que haxa actividade no territorio, que xeren emprego e crecemento na sociedade galega”, argumenta Marey. De todas formas, o investigador da USC aposta por crear un ecosistema produtivo arredor de Altri e non tratar a industria como algo periférico. “Creemos un cluster empresarial. O gran desafío é ese, que a empresa xere raíces en Galicia, a única á que me debo”, insiste Marey, indicando que non ten vínculos de ningún tipo con Altri. Mais el cre que a instalación do complexo industrial podería ser “unha oportunidade moi grande”.

A Xunta estima que se poderán crear 2.500 postos directos e indirectos

De feito, o catedrático da USC recorda que o interior de Lugo “é unha zona bastante deprimida”. E defende que un proxecto como o que pretende levar a cabo Altri, se se aproveita, pode converterse en algo semellante ao que aconteceu con Citroën en Vigo. “Era unha vila de pescadores. Creouse un cluster do automóbil e conseguiuse unha zona de produción de primeiro nivel mundial”, apunta. Porén, esta visión non a comparten o resto de colectivos que asinaron o manifesto alertando do impacto ambiental que pode xerar Altri en Palas de Rei. Dende Adega aseguran que a cifra de 2.500 postos de traballo non deixa de ser “unha vaguidade”.

Cales son as posibilidades de que Altri se instale en Galicia?

De momento, o proxecto de Altri é xustamente iso, un proxecto que, se chega a facerse realidade, sería a única fábrica de fibras téxtiles de España. A multinacional portuguesa mostra o seu optimismo e asegura que hai “unha gran probabilidade” de que o complexo industrial se materialice. Mais advirte que a decisión final, na que se avaliará a pertinencia de investir, non se fará ata o segundo semestre de 2022. Pero as previsións van un pouco máis alá e se todo sae segundo o previsto, tanto Altri como Impulsa cren que podería ser posible que a planta entrase en operación en 2024/2025.

A planta podería entrar en operación en 2024 ou 2025

Unha das grandes esperanzas de Altri está nos fondos Next Generation, que serán clave para desenvolver un investimento fixado en algo máis de 800 millóns de euros. Dende a empresa portuguesa aseguran que “non hai moitas máis iniciativas tan transformadoras da economía e, polo tanto, máis merecedoras do impulso” destes fondos europeos. Pero a opinión de Serafín González é máis prudente e insta a esperar. “Para captar eses fondos está claro que teñen que avaliar unha serie de impactos e conseguir permisos”, apunta, facendo mención á necesidade dunha recualificación do solo e dunha concesión de Augas de Galicia para poder extraer a cantidade de auga necesaria.

“Estannos vendendo algo e creando unhas expectativas que se poden confirmar ou non. Polo de pronto é posible que mercaran a parcela, pero teñen que conseguir os permisos. Iso xa sería o máis respectuoso coa lexislación ambiental”, apunta. Unha opinión que comparten dende Adega e o resto de colectivos asinantes do manifesto. Pero algo que non defende Manuel Marey, que aposta pola oportunidade que podería supor para o corazón de Galicia unha industria destas características. De momento, a información segue a ser escasa e quedan, aínda, moitas preguntas por aclarar. Nada mellor que tirar de refraneiro popular e recordar que a prudencia é a nai da ciencia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

3 COMENTÁRIOS

  1. Manuel Marey… un tipo que estivo moi involucrado (creo que en postos directivos), para promover unha asociación pro-eucalipto no seu concello. Ademáis, ten intereses no sector… como vai ser crítico?
    E así funciona todo, mirando polo ven individual en lugar de polo común.

  2. Ten moi mala pinta,é o momento de temer o futuro dun espazo natural único coma é a Serra de Caerón por beneficios e crecemento industrial mínimo que nin sequera está garantido.
    O Pobre Río Ulla vai acabar coma a ría de Muros-Noia ou a propia Ria de Pontevedra.

  3. A lexislación da Unión Europea é clara e aplícase, cando as denuncias están ben fundamentadas, por riba de manobras de goberniños corruptos. Por aí irá medio país se conseguimos articular isto sen que ningún chiringuito partidario queira monopolizar a acción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Unha planta acuática invasora está a poñer en risco ríos e praias galegas

Adega leva meses alertando sobre unha incipiente expansión do xacinto acuático no litoral e nas zonas húmidas de Galicia