Como se están adaptando as mariscadoras galegas ao cambio climático?

O fenómeno e o relevo xeracional obstaculizan a resiliencia da actividade en Galicia segundo un estudo desenvolvido polas tres universidades

Unha menor experiencia na actividade marisqueira e un menor compromiso á hora de participar nas agrupacións deste eido tenden a incrementar os riscos de vulnerabilidade económica, feito que pon sobre a mesa a necesidade de medidas correctoras. Esta é unha das conclusións ás que acaba de chegar un equipo integrado por persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo), en colaboración coas confrarías de Cambados, Redondela e a Lonxa de Campelo. A investigación, liderada polo profesor Sebastián Villasante, consta de entrevistas a preto de 250 persoas que se dedican ao marisqueo, sendo mulleres o 92%.

O estudo, publicado en Frontiers of Marine Science, avalía o impacto do cambio climático sobre a vulnerabilidade socioeconómica do marisqueo nas rías galegas, e as posibles adaptacións a eles, desde unha perspectiva social. Así, o artigo advirte que “o sector está afrontando a ausencia dun relevo xeracional para traballar no marisqueo e asegurar non só beneficios, traballo e presenza de poboación nova en comunidades costeiras, senón tamén para reter o coñecemento tradicional e memoria socio-ecolóxica de prácticas asociadas, experiencia e valores culturais”, explican dende o equipo investigador.

Publicidade

O traballo axuda a encher, en parte, o baleiro da investigación sobre o compoñente socio-económico das ameazas que os efectos do cambio global poden xerar nas pesqueiras a pequena escala e as comunidades que viven delas, tanto en Galicia como nas outras partes do mundo que afrontan desafíos semellantes. Este artigo forma parte dos resultados do proxecto MARISCO, coordinado pola profesora Elsa Vázquez da UVigo, e financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O estudo toma como exemplo tres áreas de marisqueo relevantes para a produción en Galicia como é o caso de Cambados, Campelo-Poio e Redondela. Segundo o profesor Villasante, coordinador da dimensión socioeconómica do proxecto MARISCO, o artigo achega “unha nova evidencia empírica sobre as estratexias de adaptación social desenvolvidas por mariscadoras e as súas familias en Galicia”. “Os estudos de caso, como os presentados aquí, son esenciais para construír a resiliencia e a adaptación colectiva para conter os impactos do cambio climático”, engade.

Publicidade

A elevada vulnerabilidade nas persoas con menor experiencia pode disuadir á xente máis nova de incorporarse ao sector, polo que o estudo recomenda que as administracións outorguen prioridade aos incentivos económicos cara á incorporación de xente nova para manter o sector vivo e fixar poboación nestas áreas costeiras. Deste xeito, os asinantes destacan que a non adaptación a este novo escenario “pode afectar a produtividade económica do sector e levar á sobreexplotación e perda de recursos, con consecuencias posiblemente graves para as familias”.

Impacto do cambio climático

Na costa atlántica de Europa, os efectos do cambio climático manifestaranse, segundo as estimacións científicas, en vagas de calor cada vez máis frecuentes e intensas ou precipitacións extremas que modificarán a salinidade das augas das rías. Isto provocará “efectos que levarán á perda de biodiversidade mariña e alteración dos ecosistemas”, sinalan dende o equipo investigador.

A costa galega, especialmente as Rías Baixas, destaca por acoller unha das pesqueiras de bivalvos máis importante de Europa en termos de capturas e emprego, así como pola súa gran relevancia socio-económica na contorna. Especies como as ameixas babosa, fina e xaponesa ou o berberecho son algunhas das máis notables nesta actividade.

Os efectos do cambio climático poden aumentar o estrés nestes ecosistemas

Porén, a actividade está exposta a importantes variacións espazo-temporais nas capturas por mor das flutuacións nas condicións medioambientais causadas polos cambios de temperatura ou salinidade. Segundo os estudos que se realizaron no proxecto MARISCO, os efectos do cambio climático poden aumentar o estrés nestes ecosistemas e levar aos límites da tolerancia a estas especies en factores como a reprodución e o crecemento. Isto xeraría problemas de recrutamento ou retrasos no tempo requirido para obter tallas comerciais, co conseguinte descenso de abundancia destas especies. Ademais, o aumento do nivel do mar podería causar o asolagamento dalgúns leitos intermareais, e as vagas de calor extrema no verán afectarán tamén ás condicións laborais das mariscadoras.

Neste contexto, o equipo autor do traballo analizou a capacidade das comunidades pesqueiras para adaptarse aos escenarios de cambio global. Estas adaptacións defínense como os procesos de axuste que teñen por obxectivo moderar o dano ou aproveitar as posibles oportunidades de beneficio que xorden ante estes impactos. Segundo os asinantes, “comprender os factores implicados na vulnerabilidade e a resiliencia,  tendo en conta os aspectos sociais para a sustentabilidade das pesqueiras artesanais, axudaría á comunidade científica e ás persoas a cargo das decisións políticas a minimizar as causas subxacentes desta vulnerabilidade social para afrontar as crises e os impactos socioecolóxicos”.

Adaptacións e participación do sector

Con todo, os resultados tamén amosan que o sector marisqueiro en Galicia xa desenvolveu un amplo rango de estratexias de adaptación, como son a colleita de especies de alto valor comercial e de maior abundancia nos bancos marisqueiros. As mariscadoras tamén se adaptaron á situación reducindo os gastos domésticos e complementando os ingresos con outros traballos formais e informais para compensar as perdas económicas. Baseándose nestas accións, o traballo recomenda poñer o foco en aspectos clave como a mellora das relacións sociais dentro das agrupacións, fomentar unha maior conciencia sobre as ameazas do cambio climático, o impulso de novas habilidades e a participación do sector nos plans de adaptación e resiliencia.

Por tanto, o equipo manifesta a vontade de que “a investigación que levamos a cabo poida guiar estudos futuros e recomendacións de políticas públicas para o desenvolvemento do sector”, instando a que “as futuras orientacións para a xestión destas pesqueiras deberían implicar activamente o sector marisqueiro, incluíndo os seus coñecementos tradicionais e locais”. “Esta inclusión axudaría a desenvolver políticas máis eficaces, xa que incorporaría a comprensión das estratexias de adaptación social local”, conclúen.


Referencia: Resilience and Social Adaptation to Climate Change Impacts in Small-Scale Fisheries (Publicado en Frontiers of Marine Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cambio climático: o pasado conta

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js O cambio climático actual é antropoxénico (de orixe humana). O consenso...

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

A IA predí como será a vida dos pacientes de esclerose múltiple dentro de 10 anos

Investigadores galegos empregan as resonancias magnéticas dos pacientes para prognosticar a evolución da enfermidade autoinmune cunha certeza do 90 %

Este cranio de quen é? Como identificar restos humanos con imaxes de antes e despois da morte

Un investigador do CITIC desenvolve un sistema que axudará a mellorar a metodoloxía da superposición craniofacial