Xa se coñecen as actividades previstas para a nova edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, que terá lugar o 25 de setembro, coa maor parte dos eventos concentrados entre as 18 e as 21 horas, nas sete cidades galegas. O evento reunirá un público de todas as idades na Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A noite terá por lema Conciencias creativas e ofrecerá unha ampla variedade recreativa que combinará aspectos lúdicos e formativos a través de propostas tan variadas como unha escape room inspirada polo cambio climático e a extracción de ADN a partir de amorodos.
O evento está asociado á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005, e ao que Galicia se sumou en 2021. A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, sinalou que esta é unha oportunidade de sacar a ciencia dos laboratorios e despachos na que teñen cabida todas as idades. “Durante tres horas, os investigadores e investigadoras levarán a súa investigación ao publico a través de obradoiros e actividades interactivas“, declarou Cabana no acto de presentación da programación da G-Night.
Na xornada de publicación das propostas previstas participaron tamén representantes da Universidade da Coruña (UDC), da Universidade de Vigo (UVigo), da Axencia Galega de Innovación (GAIN), do CSIC e da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Eugenio Vázquez, membro da sociedade de química, quixo resaltar que este evento é unha oportunidade única para que os máis cativos do fogar poidan aprender xogando.
A Coruña e Ferrol: as propostas navais e de enxeñaría
A Universidade da Coruña ofrecerá máis de 40 actividades en horario de mañá e de tarde, dirixidas a todo tipo de públicos. A G-Night contará nas cidades da Coruña e Ferrol coa implicación de máis de 200 persoas investigadoras repartidas a través de seis localidades nas que poderán realizarse actividades relacionadas coa saúde, IA, sustentabilidade, biodiversidade, cultura visual, enxeñaría naval, etc.
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña acollerá o obradoiro Electricidade e movemento, para maiores de 12 anos entre as 17 e as 20 horas da tarde, polo que os participantes poderán observar en tempo real a actividade eléctrica dos músculos. Tamén o Museo de Belas Artes da Coruña tomará parte do evento mediante o obradoiro Unha obra agochada, destinado a familias con crianzas de seis a dez anos, nos que se reflexionará sobre a accesibilidade e a inclusividade da cultura. Outros obradoiros da cidade herculina incluirán experimentos con intelixencia artificial, paleontoloxía, a construción dun foguete e xogos de mesa, entre outros.
En Ferrol, as actividades repartiranse entre o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o campus industrial da UDC. Entre os proxectos que se propoñen atópanse un obradoiro de robótica intelixente, un experimento para aprender sobre a mecánica de fluídos a través da cociña, un obradoiro sobre o deseño de buques e unha simulación na que poderá observarse a biodegradación dos plásticos. Moitas das actividades da capital ferrolá contarán con varias quendas para garantir a maior accesibilidade.
Santiago e Lugo: dende xogos de mesa a roteiros
Na capital galega, o Claustro de Fonseca vólvese o espazo referente da G-Night onde se concentrarán a maior parte dos obradoiros, mais iso non significa que as propostas se limiten a ese edificio. “No claustro haberá xogos de mesa. Dende o Instituto Padre Sarmiento realizarase un roteiro dende San Roque para coñecer a historia das mulleres a través da Idade Media e a época contemporánea. E dende o Incipit haberá un percorrido polo pasado dos vexetais que atopan nas súas mostras arqueolóxicas”, revelou a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC, Patricia Quintas.
Este ano, a USC inclúe as humanidades e as ciencias sociais no seu programa: “Os participantes poderán tomar parte nun experimento real que analizará como actuamos como consumidores”, sinala Ana Cabana. Engádese ao evento un obradoiro da man do ECOBAS dedicado á economía (denominado Os teus cartos, o teu benestar: xogando coa alfabetización financeira) e múltiples centros abren as súas portas nunha xornada na que o público poderá entrar aos espazos nos que nace a ciencia.
Lugo presentará 17 obradoiros que poderán desfrutarse na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, ambos de 18 a 22 horas. Os asistentes poderán informarse sobre carrachas, participar en xogos colaborativos, tomar parte nun obradoiro sobre os riscos das redes sociais, determinar o contido de proteína de diferentes bebidas e presenciar a produción de hidróxeno a partir de enerexía solar utilizando unha cela de combustible.
Vigo, Pontevedra e Ourense: a investigación levada aos bares
Nas tres cidades do sur de Galicia poderá disfrutarse do evento Ciencia no bar, dende diferentes establecementos.
O CSIC presentará tres actividades en Vigo: Do mar ao plato, Animais baixo as ondas e Descubre os segredos do mar. Ademais das propostas máis marítimas para a cidade olívica, tamén se poderá disfrutar de feiras científicas na Praza do Berbés e no edificio Redeiras. Tamén a Biblioteca Neira Vilas se converterá nun espazo de divulgación científica a través da charla Novos retos en cancro: hackeando a súa comunicación para atopar novas terapias.
En Pontevedra, o CSIC,a través da Misión Biolóxica de Galicia, presentará unha escape room ambientada nun escenario de cambio climático (lumes e perdas de colleitas) no que os participantes tratarán de salvar a humanidade. O evento celebrarase entre as 17 e as 19 horas baixo previa inscrición. A capital pontevedresa tamén ofrecerá un roteiro no que se seguirán os pasos de Lorca pola cidade.
Podes consultar neste enlace o programa completo das sete cidades.














