Máis dun cento de actividades espallarán a ciencia por Galicia noutra edición da G-Night

Unha gran feira en Vigo, un roteiro en Pontevedra e charlas en Ourense, principais fitos da Noite Galega das Persoas Investigadoras

Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) celebrará o vindeiro día 27 de setembro a súa cuarta edición con máis dun cento de actividades de divulgación en rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado polas universidades de Santiago e A Coruña; institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT) e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC), a G-Night volverá sacar a ciencia dos laboratorios e das aulas para achegala á cidadanía, desta volta, nunha vintena de localizacións.

Conciencias creativas é o lema baixo o que se celebrará o evento, asociado á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005. A Noite Galega das Persoas Investigadoras conta para a súa celebración con recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.

Publicidade

Gran feira científica, charla e obradoiros en Vigo

O edificio Redeiras, na praza do Berbés, será o epicentro da G-Night en Vigo, espallándose as actividades tamén á biblioteca Xosé Neira Vilas e ao Museo Marco. Entre as 17.45 e as 22.00 horas desenvolverase en Redeiras unha gran feira científica, con máis de 20 postos e que conta coa colaboración do Concello de Vigo. As persoas asistentes atoparán unha morea de actividades gratuítas que lle permitirán, da man de investigadores e investigadoras da UVigo e a través de amenos experimentos, achegarse ao universo, aos materiais, á acuicultura, á intelixencia artificial, á monitorización de aves mariñas, ao tratamento das augas, á agroecoloxía, ás comunicacións dixitais, ás nanopartículas plasmónicas e á ciencia económica. 

En paralelo á feira científica, entre as 18.00 e as 22.00 horas, desenvolverase outras actividades como un espectáculo de danzaA conectividade que nos move, no que a través do baile contemporáneo, o grupo Future Oceans Lab do CIM amosará os mecanismos que sosteñen a conectividade ecolóxica e os desafíos as que se enfronta por causa da intervención humana.

Publicidade

Por outra banda, o docente e investigador Gianluca Marino (Geoma-CIM) ofrecerá unha charla titulada Como se vía o planeta durante as idades do xeo e o docente Jorge Vila Biglieri (Departamento de Economía Financeira de Contabilidade) impartirá o obradoiro En busca da felicidade financeira e a xubilación anticipadaPoden as matemáticas predicir unha epidemia en plantas? a cargo de Carlos Meniño e Noelia Bazarra (CITMAga); Son os insectos a alimentación do futuro? por Nuno Muñoz (Grupo BiotecnIA); E ti que sabes das Illas Atlánticas? con Andreu Blanco (CIM) e Que ten que ver Darwin co cancro? a cargo de David Posada (CINBIO), son os relatorios que completan o programa de actividades que rematará cun concerto de Pärbo Duet, formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó.

Pola súa banda, a terraza da biblioteca Neira Vilas acollerá entre as 19.30 e as 21.00 horas a charla científica Na procura da potencia perdida: a España solar que non foi con Ana Larrañaga, do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e Juan Jesús Rico, do Laboratory of Transport Processes da TU Dortmund e colaborador do GTE do Cintecx, na que abordarán tanto os éxitos como os desafíos que enfrontou España neste campo. Mentres, no espazo anexo ao Marco, entre as 17 e as 21 horas, persoal investigador e técnico do Centro Oceanográfico de Vigo compartirá o seu traballo coa sociedade a través de talleres científicos, poñendo o foco no labor de asesoramento científico que realiza para diferentes administracións. 

As actividades da G-Night en Vigo complétanse cun paseo científico a bordo da embarcación Nautilius organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). O público de todas as idades, previa reserva de praza, poderá descubrir a diversidade mariña do fondo da ría grazas ao robot que leva o barco.

Así mesmo, os días previos á celebración da G-Night desenvolveranse relatorios de investigadoras e investigadores da UVigo en centros escolares e institutos da cidade, no marco da iniciativa Researchers at Schools.

Roteiro literario e xogo de escapada en Pontevedra

As actividades da G-Night en Pontevedra comezarán ás 10.00 horas na igrexa de San Francisco da capital pontevedresa, que será o escenario dun roteiro literario, coordinado pola docente do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo Ana Acuña. As e os participantes discorrerán por diferentes lugares da cidade que teñen algunha significación desde o punto de vista da literatura, ademais de poder familiarizarse con autores ou autoras de diferentes períodos. A escritora Fina Casalderrey porá o punto e final ao roteiro, salientando a relación da súa obra coa cidade. A actividade, que se desenvolverá ata as 12.00 horas, ten 25 prazas dispoñibles e cómpre inscribirse para participar.

A segunda das actividades que terá lugar en Pontevedra está organizada pola Misión Biolóxica de Galicia e o seu obxectivo é reflexionar sobre a perda de biodiversidade, o cambio global, a escaseza de auga, a saúde do solo e das sementes e da súa importancia para alimentar o mundo. Cun formato de xogo de escapada (Escape Room) a actividade desenvolverase entre as 19 e as 21.00 horas na sede da Misión Biolóxica de Galicia, onde as persoas participantes asistirán a charlas en diferentes emprazamentos, como un laboratorio, a biblioteca e o xardín. 25 persoas poderán participar nesta actividade, para a que tamén cómpre inscrición previa

Obradoiro de escritura na antigüidade e ciencia no bar en Ourense

A Facultade de Historia será o primeiro escenario da G-Night en Ourense, que comezará ás 18.00 horas con obradoiros sobre linguas da antigüidade nos que as persoas participantes poderán recrear as escritas antigas. O grupo GEAAT é o encargado da organización desta actividade, na que poderán participar 10 persoas en cada unha das dúas quendas, unha dedicada a Exipto e outra a Roma, para as que terán que inscribirse previamente.

Pola súa banda, o Café & Pop Torgal acollerá a partir das 19.00 horas dúas charlas científicasAprendizaxe baseada en xogos e o colectivo transxénero, a cargo de Paula Rodríguez, do Departarmento de Análises e Intervención Psicosociocioeducativa e A ciencia axuda a reducir a violencia de xénero, a cargo de María José Vázquez do Grupo de Psicoloxía Xurídica e da Saúde: convivencia e benestar e Jennifer Rodríguez, traballadora social. 

Un amplo programa de actividades no resto de Galicia 

En Santiago, coa coordinación da USC, a feira científica celebrarase no Claustro do Colexio Fonseca, cun completo programa de obradoiros e demostracións de 18.00 a 21.00 horas, con presenza do INCIPIT e CITMAga. Pola súa banda, o Iegps complementa a feira cun roteiro sobre a pegada das mulleres nas rúas de Compostela e un obradoiro para descifrar as escritas antigas. A programación complétase con charlas organizadas polo CITMAga no salón de graos de San Xerome; portas abertas no INCIPIT e no CESGA e un relatorio organizado pola Real Academia Galega de Ciencias. O campus de Lugo, pola súa banda, coa participación de Xuvenciencia e Agromar, ofrecerá tamén un amplo programa de actividades no mercado Municipal e na Praza de Abastos.

O paseo do Parrote de A Coruña acollerá de 18.00 a 21.00 horas obradoiros científicos para todos os públicos, coordinados pola UDC en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses e Coca Cola, onde participarán tanto persoas investigadoras da propia universidade, como do Instituto oceanográfico e a SEBBM. Tamén haberá actividades no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), DOMUS (organizadas polo INIBIC), Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas; visitas guiadas ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) e Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC); unha peza teatral na Casa Hamlet e ciencia no bar en La Olímpica e no Árnica. No campus de Ferrol, os eventos terán lugar no CITENI e na Asociación de Veciños de Canido. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia abre o ciclo de faladoiros "Os mundos científicos de Vigo"

Os relatorios darán comezo o luns no edificio Redeiras cunha charla introdutoria que leva por título 'A divulgación científica en Galicia'

Doces de proteína de insecto e outros proxectos da UVigo xunto á Universidade do Minho

Un dos traballos da colaboración propón o uso de biosurfactantes prebióticos para aplicacións dérmicas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas