A G-Night superará as 200 actividades na súa quinta edición

Vigo, Ourense e Pontevedra sumarán máis de 40 eventos que achegan a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade

Cando se cumpre un lustro do seu nacemento, a G-Night, Noite das Persoas Investigadoras, achegará o vindeiro 26 de setembro máis de 200 actividades de divulgación científica ás sete principais cidades de Galicia. Baixo o lema Conciencias creativas, Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo serán os escenarios de decenas de actividades que teñen o obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia

Así, miles de persoas, como as máis de 7000 que se deron cita na pasada edición, poderán achegarse de xeito lúdico ao mundo dos robots, ao cifrado matemático, ás aplicacións da IA, á seguridade viaria, ao efecto invernadoiro, microplásticos ou mesmo ás lesións muscoesqueléticas dos músicos. Charlas sobre aprendizaxe de linguas, unha camiñada para descubrir a pegada de Castelao en Pontevedra ou un obradoiro de escrita antiga, son só unha pequena mostra das actividades das que poderán gozar as persoas que participen na G-Night, tanto nos campus, como nas cidades de Vigo, Ourense Pontevedra.

Publicidade

Coordinada pola UVigo, á fronte dun consorcio no que participan as universidades de Santiago e Coruña, varios institutos do CSIC (IEGPS, IEO, MBG, IIM e Incipit), centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros centros de investigación galegos de como o INIBIC, IDIS, CITMAga e CESGA, a G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través da GAIN, Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Un exemplo de coordinación e traballo en rede

O edificio Redeiras da UVigo foi este mediodía o escenario da presentación da G-Night, na que participaron as vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio; a súa homólogas de Política Científica da USC, Pilar Bermejo e de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya; a directora da GAIN, Carmen Cotelo e a responsable da UCC do IIM, Luísa Martínez.

Publicidade

“Xuntos somos máis fortes e así o noso sistema de innovación medrará”, dixo Belén Rubio, que gabou o traballo de coordinación desenvolvido pola ducia de institucións que participan na organización da G-Night, así como dos centros de investigadores e investigadoras. “Facémolo con ilusión, porque queremos achegar o noso traballo á cidadanía”, afirmou Rubio que incidiu na interdisciplinariedade das máis de 200 actividades que se desenvolverán na Noite Galega das Persoas Investigadoras.

Pola súa banda, Cristina Naya agradeceu a coordinación da UVigo nun evento no que destacou que “é froito o traballo de moitas horas e persoas”, así como a importancia de desenvolver unha actividade en rede. Mentres, a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, puxo en valor a “transcendencia deste tipo de eventos para relacionarnos coa contorna, así como o interese das institucións participantes en desenvolver este tipo de actividades”.

Para a directora da GAIN, Carmen Cotelo, a G-Night “permite dar visibilidade social ao labor do persoal investigador galego”, ao tempo que lembrou o interese da Xunta en reter e retornar o talento investigador e “crear conciencia científica e dar visibilidade e posicionar a I+D+i galega como un referente”. Mentres, a responsable da UCC do IIM, Luísa Martínez, agradeceu a coordinación da UVigo, destacando a participación de media ducia de centros do CSIC no evento coa organización de diversas actividades nos ámbitos das ciencias sociais e experimentais.

Tres cidades e máis de corenta actividades no sur de Galicia

Vigo converterase o vindeiro 26 de setembro nun gran escenario científico coa G-Night, que terá o seu epicentro no interior e no exterior no Edificio Redeiras. O evento, que conta co apoio do Concello e co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, reunirá preto de trinta postos nos que as persoas asistentes poderán gozar en directo de experimentos e das explicacións do persoal docente e investigador da UVigo nos ámbitos científico, da enxeñaría ou das ciencias sociais. A esta iniciativa sumaranse actividades como unha nova edición de Ciencia no Bar no Café De Catro a Catro con charlas sobre a funga de Madagascar ou a realidade virtual inmersiva

A programación da UVigo na cidade olívica complétase coa segunda edición de Ciencia na Biblio, cunha charla sobre a aprendizaxe de linguas na Biblioteca Xosé Neira Vilas. Ademais, no local de EMAÚS levaranse a cabo seis obradoiros científicos organizados polo IEO-CSIC e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) celebrará unha xornada de portas abertas dirixida ao persoal dos comercios de Vigo que participaron na iniciativa Escaparates Oceánicos.

Pola súa banda, en Ourense será posible viaxar ao pasado cun obradoiro de escrita antiga na Facultade de Historia e reflexionar sobre igualdade e dereitos no Café Torgal, a través dunha proposta de Ciencia no Bar centrada na xustiza social. Mentres, Pontevedra acollerá a Camiñada Castelao, que permitirá descubrir a pegada e a obra do autor na cidade, e tamén un escape room científico organizado pola Misión Biolóxica do CSIC arredor do cambio climático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe