Un equipo de Santiago abre novas vías para mellorar o tratamento da artrite reumatoide

Un grupo do IDIS identifica sete xenes clave para predicir, antes de iniciar a terapia, se o paciente mostrará resistencia ao fármaco

A artrite reumatoide é unha enfermidade autoinmune crónica e sistémica cunha prevalencia en España estimada no 0,5%, que afecta sobre todo a mulleres, en tres de cada catro casos. Caracterízase pola inflamación das articulacións, producindo dor e inchazón. Esta inflamación mantida pode danar progresivamente o óso, os ligamentos e os tendóns que rodean a articulación, provocando deformidade e perda de mobilidade. Unha circunstancia que pode derivar en distintos graos de discapacidade e limitar a capacidade do paciente para realizar as tarefas da vida diaria.

A pesar dos avances no tratamento, esta patoloxía segue sendo un desafío. Actualmente, a gran maioría dos pacientes con artrite reumatoide deben recibir fármacos antirreumáticos como parte do seu tratamento farmacolóxico. Os axentes anti-TNF son un dos tratamentos biolóxicos máis habituais en artrite reumatoide; non obstante, entre un 30% e un 40% dos pacientes non responden de forma axeitada.

Publicidade

Firma xenética

O estudo realizado polo grupo de Inmunoxenética do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), liderado polo investigador Roberto Díaz Peña, identificou e validou unha firma xenética. É dicir, un conxunto reducido de sete xenes medidos en sangue periférico que mostra unha boa capacidade para predicir, antes de iniciar o tratamento, se un paciente con artrite reumatoide responderá ou non a terapias con fármacos biolóxicos anti-TFN.

Trátase dun avance que xa foi protexido mediante unha solicitude de patente e que acaba de ser publicado na revista Annals of the Rheumatic Diseases. Díaz Peña asegura que esta publicación é unha “grande oportunidade para dar visibilidade á investigación” do seu equipo e declara que “supón un recoñecemento moi importante ao traballo desenvolvido e á relevancia dos resultados obtidos”.

Publicidade

Ferramentas para a medicina personalizada

A detección simultánea da expresión destes xenes podería, nun futuro, integrarse nun algoritmo de apoio á decisión clínica, contribuíndo a optimizar a selección do tratamento máis axeitado para cada paciente. “Os nosos resultados abren a porta ao desenvolvemento de ferramentas de medicina personalizada en reumatoloxía”, afirma o investigador. Esta innovación podería contribuír a mellorar as estimacións sobre que pacientes responderán adecuadamente antes de iniciar a terapia, axudando a evitar tratamentos ineficaces, efectos adversos innecesarios e custos derivados do uso non optimizado de fármacos biolóxicos, mellorando así o control da artrite reumatoide e do seu impacto socioeconómico.

O seguinte paso para os investigadores será validar esta firma xenética nun contexto clínico real, en varios centros hospitalarios, para avaliar a súa utilidade práctica en diferentes contornas asistenciais. Ademais, seguirán ampliando o seu campo de estudo a outras patoloxías. Díaz Peña avanza xa que previron “explorar aproximacións semellantes para a predición da resposta terapéutica noutras enfermidades inflamatorias inmunomediadas, con especial interese na espondiloartrite”, un tipo de artrite inflamatoria que afecta a columna vertebral.


Referencia: Identification of a novel transcriptome signature for predicting the response to anti-TNF-α treatment in patients with rheumatoid arthritis (Publicado en Annals of the Rheumatic Diseases)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo