Os tumores en tecidos brandos afectan dende as fibras musculares ata zonas de graxa e tendóns. Son benignos na súa maioría, aínda que entre os casos malignos, o lipoma o máis común. Con todo, o principal reto desta neoplasia é precisamente o diagnóstico. O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) é o referente en Galicia neste ámbito e é dende o equipo de Radioloxía, xunto a membros do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) dende onde levan a cabo un fito histórico: proban por primeira vez a combinación de dúas tecnoloxías de ecografía avanzada —a elastografía e a microvascularización— para lograr unha alta precisión no diagnóstico de tumores de partes brandas, a fin de evitar biopsias e quirófanos innecesarios nos pacientes galegos.
“A única proba de imaxe estándar sobre estas patoloxías é a resonancia magnética, que non se pode facer a todos os pacientes, ao igual que as biopsias”, explica David Macía Suárez, radiólogo do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e un dos autores deste artigo publicado na revista científica Radiology. Estas novas técnicas estudadas permiten coñecer a bioloxía do tumor, non só para ilustrar a súa apariencia, senón para descubrir como se comporta.
Esta investigación tivo a súa base na biopsia de 167 tumores de pacientes tomadas no CHUS. “Vemos unha porcentaxe importante de tumores malignos e analizamos os datos das ecografías, que son cuantitativos“, sinala o experto, o que aporta obxectividade aos resultados. Tamén rexistraron valores da elastrografía —permite medir a zona máis ríxida do tumor— e os de vascularización —permite localizar o tecido vivo—.
Elastografía e microvascularización
O cambio do ecógrafo na Área de Radioloxía do CHUS propiciou o inicio desta investigación. David Macía indica que “o uso das dúas novas técnicas cambia o paradigma“. Con todo, o equipo galego sitúase como pioneiro nesta liña de investigación, xa que ninguén antes probara a elastografía e a microvascularización en tumores de tecidos brandos. Pero, en que consisten?
Por unha banda, a elastografía valora a rixidez da lesión. En xeral, os tumores malignos adoitan ser duros, e os benignos, brandos. Normalmente, é unha técnica que se emprega en tecidos homoxéneos, como o fígado, onde é máis sinxela de usar; este, segundo Macía Suárez, podería ser un dos motivos polos que nunca ninguén estudara o seu funcionamento neste tipo de tumores. E, por outra banda, a microvascularización permite contemplar a circulación; é dicir, saber se a formación ten moitos ou poucos vasos sanguíneos. Así o explica o experto: “Polo xeral, o tecido que ten moitos vasos é agresivo; non por malo, senón porque bioloxicamente está funcionando a moitas revolucións”. Así, os tumores necesitan vascularización celular para poder medrar; se non, morren.
“Facer unha ecografía e engadir estas técnicas ao proceso supón tan só cinco minutos; ningunha delas ofrece un diagnóstico seguro, pero permiten coñecer a compoñente biolóxica do tumor”, apunta. Por iso, este método permite aos profesionais da saúde orientar ao paciente para coñecer cal é o seguinte paso para determinar o seu diagnóstico. “Os recursos son limitados, sabes quen ten presa e quen non”, indica David Macía.
Un mellor rendemento
Dentro da metodoloxía da investigación, os factores que se empregaron para o estudo de cada tumor foron a súa profundidade, o seu diámetro, os valores de elastografía e os de microvascularización. Ademais, eliminaron trazos subxectivos como a ecoxenicidade —a capacidade dun tecido para reflectir ondas ultrasónicas, determinando a súa apariencia nunha imaxe ecográfica—.
Tras probas as dúas novas técnicas que determinaban o obxecto de estudo, os resultados demostraron que a combinación de ambas supón a mellor opción para axudar no diagnóstico do tumor. Mentres que, se só se ten en conta un dos dous procedementos, a microvascularización é a que ofrece un maior rendemento para valorar se a lesión é maligna.
Na actualidade, o equipo de Radioloxía do CHUS xa está a aplicar esta nova estratexia: primeiro estúdase a elastografía e a microvascularización e, despois, lévase a cabo a imaxe ecográfica para pinchar o tumor e realizar a biopsia. “Realizamos diagnósticos puramente de imaxe, localización anatómica, variables epidemiolóxicas, e incluímos á lista a elastografía —a través de metros por segundo— e o ratio vascular”, explica.
A xestión dos recursos
A combinación de ambas as técnicas podería cambiar a forma na que se avalían os tumores en tecidos brandos. A publicación da investigación na revista Radiology vai acompañada dunha carta editorial realizada por expertos das universidades de Harvard e Wisconsin: “Reflicten que o noso estudo vai cambiar o manexo dos tumores“. Ademais dos recursos limitados, non todos os equipos permiten son quen de levar a cabo estes procesos, nin tampouco os pode realizar calquera profesional.
Para unificar os mecanismos de cada radiólogo sobre tumores moi diversos, fixeron unha comparación de resultados por ecografista que participou no estudo. Aínda que os dous coincidiron en que a microvascularización era a técnica máis acertada para o diagnóstico, os resultados foron mellores para o profesional con máis experiencia. “Aínda que non teñas moita práctica, son instrumentos que van axudar”, apunta o experto do CHUS.
Asegurar o método
Para poder implantar de forma xeralizada esta nova metodoloxía precísase tempo. En primeiro lugar, como subliñan os expertos que redactaron a carta editorial na investigación —unha opinión coa que concorda o propio David Macía—, débese agardar á confirmación de funcionamento do protocolo por novos profesionais: “Son probas realizadas nun único centro; pode que o noso ecógrafo acerte, pero a mesma máquina noutro lugar non funcione igual”. Así, a metodoloxía débese verificar mediante o traballo en diferentes centros sanitarios. En segundo lugar, os profesionais que levaron a cabo a investigación decidiron realizar unha guía dirixida a todos os sanitarios encargados destas tarefas: que facer con cada tumor segundo as súas características, cando optar pola resonancia, polo control de ecografía e cando non. Desta forma, o diagnóstico de tumores en tecidos brandos será máis áxil e, os resultados, cada vez máis claros.
Referencia: Shear-Wave Elastography, Superb Microvascular Imaging, and B-mode US for Diagnostic Accuracy in Soft Tissue Tumors (Publicado en Radiology)














