O líder do grupo Inmunoxenética do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela (IDIS), Roberto Díaz Peña, forma parte do equipo internacional —Murdoch Children’s Research Institute de Melbourne, Instituto Karolinska, Universidade de Yale, Wellcome Sanger Institute e Universidade Europea de Madrid, entre outros centros— que estuda as persoas que carecen da proteína muscular α-actinina-3 por unha variante xenética común. “Neste traballo estudamos que lle ocorre a ese músculo cando se expón ao frío”, explica o investigador.
“Ao redor do 16% da poboación mundial, uns 1.500 millóns de persoas, carecen dela”, explica o investigador do IDIS. Sabíase que esta carencia penaliza o rendemento en esforzos explosivos, por iso é polo que o xenotipo responsable desta deficiencia (coñecido como ACTN3 577XX) estea fortemente infrarrepresentado na elite mundial de disciplinas de potencia e velocidade pura. En contraste, numerosos estudos describiron unha sobrerrepresentación deste mesmo perfil xenético en fondistas de alto nivel, asociando a falta da proteína a unha maior capacidade oxidativa das fibras musculares e a unha superior economía do esforzo.
Como o investigaron
Agora, empregando un modelo de rato modificado xeneticamente para que careces de α-actinina-3, comprobaron que a deficiencia protexe o músculo: “Resiste mellor a exposición aguda a baixas temperaturas, perde menos masa muscular e aguanta máis a fatiga, grazas a un metabolismo máis oxidativo e a unha resposta termoxénica máis eficiente”. Tal e como sinala o investigador do IDIS, varios destes trazos confirmáronse tamén en biopsias musculares de persoas co xenotipo 577XX.
En conxunto, o traballo ofrece unha explicación molecular sólida de por que a perda da α-actinina-3 puido supor unha vantaxe cando os nosos antepasados migraron cara a climas máis fríos e reforza o papel fundamental que xoga o músculo esquelético na regulación da temperatura e o metabolismo corporal.
Referencia: α-Actinin-3 deficiency protects skeletal muscle function from the effects of acute cold exposure (Publicado en Journal of Sport and Health Science)













