Científicos galegos achan as claves que determinan o éxito da inmunoterapia no cancro de pulmón

Un equipo do IIS Galicia Sur desenvolve un modelo preditivo que permitirá avanzar cara a unha medicina máis personalizada e tratamentos máis efectivos

Un equipo multidisciplinar liderado polo Grupo de Oncoloxía Translacional (ONCO-INVES) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur) conseguiu identificar que características específicas do tumor determinan o éxito do tratamento inmunoterapéutico no cancro de pulmón. Este tipo de tratamento axuda ás propias defensas do paciente a recoñecer e atacar o tumor. Este estudo representa un cambio significativo, dado que, actualmente, menos do 40% das persoas tratadas responden positivamente a esta terapia.

O traballo, recentemente publicado na prestixiosa revista internacional Journal for ImmunoTherapy of Cancer, conta coa investigadora posdoutoral María Gallardo Gómez como primeira autora e coa doutora Mónica Martínez Fernández, investigadora principal do grupo ONCO-INVES, como autora principal, xunto coa participación clínica do doutor Martín Lázaro Quintela, investigador principal do mesmo grupo e xefe do Servizo de Oncología do CHUVI, así como do persoal médico deste Servizo.

Publicidade

O obxectivo principal desta investigación foi encontrar ferramentas fiables que permitan anticipar que pacientes teñen máis probabilidades de beneficiarse da inmunoterapia. Para iso, as e os investigadores combinaron investigación clínica, bioloxía molecular e bioinformática, analizando en detalle mostras tumorais de 32 pacientes con cancro de pulmón avanzado non microcítico que recibiran este tipo de terapia.

O papel clave da epixenética e a “falsa alarma” viral

A conclusión principal do estudo apunta á epixenética como un factor decisivo. Ao contrario das mutacións xenéticas tradicionais, as modificacións epixenéticas son cambios que regulan a actividade dos xenes sen alterar a secuencia do ADN e non son hereditarias. O equipo do IIS Galicia Sur observou que, nos pacientes que responden ben ao tratamento, estes mecanismos epixenéticos actúan como freo, reducindo a actividade dalgunhas vías celulares que promoven o crecemento do cancro. Ao mesmo tempo, detectaron unha maior activación do sistema inmunitario. Especificamente, as células tumorais destes pacientes xeran unha resposta interna que imita a presenza dunha infección viral, que actúa como un sinal de alarma que facilita a detección e loita contra o tumor ás defensas do corpo.

Publicidade

Cara a unha medicina máis personalizada

Baseándose nestes achados, as e os autores deseñaron un modelo predictivo que combina diferentes características moleculares e epixenéticas do tumor para calcular de antemán se o tratamento funcionará.

O seguinte paso para transferir este avance á práctica médica diaria será validar o modelo en estudos máis amplos que inclúan un maior número de pacientes. A medio prazo, estes achados abren a porta a unha oncoloxía máis personalizada, facendo posible escoller a terapia máis adecuada para cada persoa e deseñar novas estratexias que aumenten a eficacia da inmunoterapia naqueles pacientes que actualmente non responden a ela.


Referencia: Epigenetic repression of oncogenic signaling defines immune-permissive tumor states associated with response to immune checkpoint inhibitors in advanced NSCLC (Publicado en Journal for ImmunoTherapy of Cancer)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vigo impulsa o uso pioneiro da realidade virtual para mellorar a recuperación tras un transplante de médula

O proxecto do IIS Galicia Sur e o Hospital Álvaro Cunqueiro combina exercicio terapéutico e tecnoloxía para combater a deterioración física e emocional

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

Unha plataforma desenvolvida en Vigo abre novas vías para a rehabilitación da cognición social con IA

O proxecto ET-Plus, impulsado polo IIS Galicia Sur, personaliza o adestramento de habilidades en persoas con patoloxías mentais graves ou adiccións

Que é e que prognóstico ten o adenocarcinoma, o tumor detectado no pulmón do Papa León XIV

Trátase dun dos cancros máis comúns, orixínase nas células glandulares e presenta unha maior supervivencia ca outras neoplasias pulmonares