Unha nova tecnoloxía galega predí a resposta ao tratamento contra o cancro de pulmón avanzado

O proxecto do IISGS anticipa cunha análise de sangue se o paciente cun dos tumores máis frecuentes se beneficiará da inmunoterapia

Un paciente con cancro de pulmón avanzado responderá á inmunoterapia? Como descubrilo sen necesidade de probas invasivas? Este é o obxectivo do proxecto OCTOPUS, liderado pola doutora Mónica Martínez Fernández no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur). A iniciativa recibiu recentemente o Selo de Calidade ITEMAS, un recoñecemento do programa de dinamización do Instituto de Saúde Carlos III que apoia a aceleración e transferencia de innovacións ao sistema sanitario. O recoñecemento sitúa Galicia á vangarda da investigación traslacional en oncoloxía e pon en valor o traballo dun equipo multidisciplinar que combina oncólogos, patólogos, bioinformáticos e biólogos moleculares.

O reto do cancro de pulmón

O cancro de pulmón é un dos tumores máis frecuentes e mortais tanto no total do Estado español como en Galicia. Cada ano diagnostícanse na comunidade arredor de 1.000 casos candidatos a inmunoterapia, nunha enfermidade que ocupa sempre un dos primeiros postos en incidencia e que é a máis mortal tanto en homes como, cada vez máis, en mulleres. Ademais do tabaco, en Galicia existen factores ambientais que poden influír na incidencia, como a exposición ao radon en determinadas zonas. 

Publicidade

A falta de diagnóstico precoz e as limitacións das biopsias de tecido convencionais dificultan identificar correctamente aos pacientes que se beneficiarán destes tratamentos. “A inmunoterapia só é efectiva nun 20% ou 40% dos pacientes, pero se seleccionamos mellor, podemos aumentar significativamente as opcións de éxito”, apunta a doutora Martínez Fernández. Neste contexto, OCTOPUS representa unha alternativa máis segura, rápida e personalizada para orientar a elección terapéutica dende o primeiro momento.

Da colaboración multidisciplinar á innovación

OCTOPUS xurdiu da colaboración entre equipos multidisciplinares de Vigo e Santiago, cando a doutora Martínez Fernández traballaba Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC). “Comecei a interesarme pola inmunoterapia porque supoñía un cambio de paradigma: por primeira vez, o propio sistema inmune do paciente detectaba e atacaba o cancro”, explica. Ata entón, a oncoloxía centrábase en buscar dianas dentro das células tumorais ou atacar indiscriminadamente células en replicación, como ocorre coa quimioterapia. 

Publicidade

Neses inicios, Martínez Fernández e o seu equipo buscaron apoio en Vigo Contra o Cancro, unha asociación local que ofrece oportunidades a proxectos novos sen financiamento. Foi neste contexto que bautizaron o proxecto como OCTOPUS, sigla de Oncoloxía Customizada para Tratar os Pulmóns, co obxectivo de utilizar o ADN circulante no sangue para ofrecer ao paciente o tratamento máis adecuado dunha forma moito menos invasiva que as biopsias tradicionais. 

A solución pasou pola biopsia líquida, que analiza o ADN tumoral circulante no sangue e permite predicir a resposta á inmunoterapia sen someter o paciente a intervencións dolorosas ou arriscadas. Ao falar con patólogos e oncólogos, Martínez Fernández decatouse de que a selección de pacientes baseada en biopsias convencionais era limitada e insuficiente para identificar quen realmente se beneficiaría do tratamento. Tras a pandemia, conseguiu un contrato Miguel Servet e trasladouse a Vigo, incorporándose ao IIS Galicia Sur, onde hoxe lidera o proxecto e coordina un equipo multidisciplinar.

Como funciona OCTOPUS

A tecnoloxía do proxecto baséase nunha firma molecular de 10 xenes que identifica os pacientes con maior probabilidade de beneficiarse do tratamento. Martínez Fernández explica: “Nunha simple mostra de sangue podemos ver o ADN que vén do tumor e predicir cal será a resposta á inmunoterapia, sen necesidade de biopsias invasivas”. Isto permite seleccionar mellor os pacientes, aforrar tempo e minimizar riscos. 

“Estes pacientes atópanse en estadios tan avanzados que, se non se acerta á primeira co mellor tratamento dispoñible, moitos non chegan a ter unha segunda opción”, engade. Ao contrario das biopsias tradicionais, esta análise tamén permite monitorizar a evolución do tumor ao longo do tempo, ofrecendo unha visión en tempo real do estado da enfermidade. Ademais, esta aproximación podería aplicarse noutros tipos de cancro tratados con inmunoterapia, ampliando o seu impacto máis aló do cancro de pulmón.

Validación e aceleración cara á práctica clínica

Actualmente, OCTOPUS atópase en fase de validación multicéntrica en cinco hospitais galegos grazas ao financiamento do Programa de Desenvolvemento Precomercial dos Resultados de Investigación do Sistema Público de Saúde Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (PRIS-T) da Xunta de Galicia. O equipo tamén traballa no desenvolvemento dun lab-on-a-chip, un pequeno laboratorio nun chip que permitirá ler a firma xenómica de forma rápida e accesible en calquera hospital, sen necesidade de técnicas complexas de secuenciación. “Polo xeral adóitase traballar con ela e isto fai que en moitos hospitais non se poida aplicar porque non sempre está dispoñible, e ademais necesitas expertise humano, diñeiro e acceso”, explica a investigadora.

O recoñecemento do ITEMAS e o apoio de CaixaImpulse achegan visibilidade, asesoría en comercialización, e estudos de mercado e custo-efectividade, facilitando a futura implantación da ferramenta no sistema sanitario. Martínez Fernández destaca que “estes programas permiten que a ciencia se conecte realmente co paciente e que o proxecto avance máis rápido cara á práctica clínica”.

Mirando ao futuro: retos e expectativas

Liderar OCTOPUS supón non só un reto científico senón tamén unha oportunidade de transformar o tratamento do cancro de pulmón. “Traballar con mostras reais e ver como os resultados do laboratorio se traducen en decisións clínicas é emocionante e gratificante”, comenta a investigadora.

O calendario previsto apunta a que, se todo avanza segundo o plan, entre 2029 e 2030 OCTOPUS podería obter o marcado CE, o selo que certifica que un produto cumpre a normativa europea de seguridade e calidade, e chegar ao mercado, xa sexa mediante licenza directa ou a creación dunha spin-off. Entre os retos pendentes destacan a estandarización, a regulación e a consolidación do produto para o uso clínico.

A investigadora valora positivamente o apoio galego: “Adoitamos pensar que Madrid ou Barcelona son moi punteiras, pero en Galicia tamén se fai ciencia e está a traballarse moi ben”. E engade: “Galicia está a ser pioneira en conectar a investigación coa práctica clínica, abrindo camiños para que a ciencia realmente mellore a vida dos pacientes”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores galegos identifican unha proteína clave para diagnósticos de saúde mental

Unha tese do IDIS e o IISGS analiza a hormona IGF-2 como posible biomarcador da esquizofrenia, a depresión e o trastorno bipolar

Unha firma galega mobiliza 1,84 millóns para investigar doenzas inflamatorias intestinais

A Axencia Estatal de Investigación selecciona a iniciativa dunha biotecnolóxica galega para buscar novas vías contra a colite ulcerosa e a enfermidade de Crohn

Pontevedra xa rexistra máis mortes por cancro de pulmón que o de mama en mulleres

No ano 2024, a provincia galega sumou 159 falecementos por tumor pulmonar, fronte aos 146 causados por carcinoma mamario, segundo datos provisionais do INE

Unha nova vacina con potencial para prolongar a vida en cancro de páncreas e colon

Un ensaio en fase 1 indica que o tratamento experimental de inmunoterapia, administrado tras a terapia estándar, podería retrasar a recaída en pacientes con mutacións no xene KRAS