Unha firma galega mobiliza 1,84 millóns para investigar doenzas inflamatorias intestinais

A Axencia Estatal de Investigación selecciona a iniciativa dunha biotecnolóxica galega para buscar novas vías contra a colite ulcerosa e a enfermidade de Crohn

A empresa biotecnolóxica SunRock Biopharma, con sede en Santiago, lidera un proxecto que mobiliza 1,84 millóns de euros para investigar enfermidades inflamatorias intestinais, un grupo de patoloxías no que encaixan doenzas como a colite ulcerosa e a enfermidade de Crohn. A iniciativa, denominada CATIB, foi seleccionada pola Axencia Estatal de Investigación e está financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

CATIB céntrase nun anticorpo en investigación, SRB5, dirixido a unha diana relacionada con células implicadas en procesos inflamatorios. “O proxecto busca avanzar na súa fase preclínica, o paso necesario antes de calquera formulación posterior en desenvolvemento biomédico”, salientan dende SunRock Biopharma, socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga).

Publicidade

Colaboración público-privada

De feito, o traballo vaise desenvolver nos hospitais. No consorcio participan os institutos de investigación sanitaria de Santiago (IDIS) e Galicia Sur (IISGS), ademais do CIC bioGUNE do País Vasco e da Fundación para a Investigación de Málaga en Biomedicina e Saúde (FIMABIS). Un equipo “a varias mans” para “acelerar o coñecemento útil”. A empresa galega que lidera o proxecto sinala que os hospitais de Vigo e Santiago van xogar un “papel estratéxico” na investigación.

Do orzamento total, máis dun millón de euros canalízase cara a SunRock Biopharma en forma de préstamo. Preto de 400.000 euros chegan como subvención aos equipos galegos a través do IDIS e do IISGS, o que conecta a investigación hospitalaria coa innovación empresarial.

Publicidade

“Liderar un proxecto da Axencia Estatal de Investigación desde Galicia e facelo da man dos equipos hospitalarios é unha oportunidade para sumar capacidades aquí: na empresa, nos institutos sanitarios e no ecosistema biomédico galego”, sinalan desde SunRock Biopharma. Con CATIB, a compañía reforza a súa aposta por proxectos que conectan ciencia e tecido produtivo, cun obxectivo dobre: “Xerar coñecemento e consolidar capacidades tecnolóxicas en Galicia con proxección exterior”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas

Así é o día a día nas pioneiras unidades galegas que tratan a enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa

As áreas sanitarias de Pontevedra, Santiago e Ferrol deron os primeiros pasos en Galicia no manexo especializado e multidisciplinar das doenzas inflamatorias intestinais

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

O diagnóstico temperán é clave no cancro colorrectal: a supervivencia pode acadar o 90%

O tumor sitúase entre os de maior impacto en España, pero o seu prognóstico mellora de forma drástica cando se identifica a tempo