Estes hábitos aumentan o risco de ter enfermidade de Crohn ou colite ulcerosa

*Un artigo de Logo The Conversation

David é un mozo de 19 anos que acaba de comezar os seus estudos universitarios e está moi ilusionado por cumprir as súas metas. Pero un día de maio empezou a experimentar febre, fatiga e dor abdominal. Ao principio non lle deu moita importancia; “xa se me pasará”, dicía.

Publicidade

As semanas foron pasando e os síntomas empeoraban. O feito de atopar sangue nas súas feces causoulle moito medo. Tras varias análises e unha colonoscopia, o médico diagnosticoulle a enfermidade de Crohn.

Ata ese momento, David vivira unha vida normal, pero nunca lle deu importancia a seguir unha dieta variada e equilibrada. Ademais, tempo antes de empezar cos problemas dixestivos experimentara varios cadros de ansiedade e diarrea.

Publicidade

Máis comúns en países occidentais

A enfermidade de Crohn pertence, xunto coa colite ulcerosa, a un grupo de patoloxías que se coñecen como enfermidades inflamatorias intestinais. Estas doenzas son diagnosticadas habitualmente en idades temperás e os seus síntomas inclúen febre, dor abdominal e diarrea, con ou sen presenza de sangue.

As enfermidades inflamatorias intestinais son máis comúns en países occidentais. En Europa, padécenas 725 persoas por cada 100.000 habitantes, aínda que o número de casos aumenta cada ano en todo o mundo. Ao redor de 300 individuos de cada 100.000 sofren a enfermidade de Crohn, mentres que a colite ulcerosa está diagnosticada nuns 400 por cada 100.000.

Ambas as afeccións teñen síntomas similares, pero presentan algunhas diferenzas. Por exemplo, mentres que a colite ulcerosa se localiza unicamente no intestino groso e a inflamación é homoxénea, a enfermidade de Crohn pode afectar a calquera parte do tubo dixestivo e presenta zonas sas e inflamadas de forma descontinua.

Cal é a orixe das enfermidades inflamatorias intestinais?

A causa destas patoloxías non se coñece con exactitude, aínda que se sabe que interveñen factores inmunolóxicos, xenéticos e ambientais. En canto aos primeiros, destaca a presenza de substancias inflamatorias a nivel dixestivo. Trátase dunha inflamación promovida polas células inmunes do propio paciente.

Tamén se observou que o risco aumenta cando existen defectos en certos xenes vinculados á relación entre o sistema inmune e a flora intestinal, ou coa capacidade das nosas células para desfacerse de partes que xa non necesitan (autofaxia). Con todo, estas anomalías xenéticas non son decisivas á hora de prever se alguén desenvolverá unha enfermidade inflamatoria intestinal.

Os determinantes ambientais son, pois, os únicos sobre os que podemos actuar. Un recente estudo que levamos a cabo na Universidade de Castela-A Mancha con persoas españolas detectou os seguintes factores de risco: sufrir ansiedade, vivir nunha cidade, inxerir grandes cantidades de graxas e carbohidratos e levar unha dieta baixa en fibra. Outras variables menos relevantes son a depresión e o consumo de tabaco e antibióticos.

Hábitos perigosos

Pero por que incrementan estas condutas ou circunstancias as papeletas de sufrir unha enfermidade intestinal inflamatoria? Vaiamos caso por caso.

No capítulo nutricional, o consumo elevado de carbohidratos simples, por exemplo, relacionouse coa función alterada das células de Paneth, encargadas de regular as bacterias da flora intestinal e a súa relación co sistema inmune.

Tambien sabemos que a fibra, que escasea na dieta occidental, desempeña un rol fundamental na prevención destas patoloxías. Débese a que diversas bacterias da nosa microbiota, como F. prausnitzii, poden degradar a fibra soluble e producir ácidos graxos de cadea curta, substancias que regulan o sistema inmune e teñen propiedades antiinflamatorias.

Adicionalmente, o consumo de fibra é beneficioso en pacientes afectados pola enfermidade de Crohn, xa que, en conxunción con outros tratamentos, contribúe a reducir os síntomas.

Pola súa banda, a ansiedade e a depresión non só promoven a produción de substancias inflamatorias, senón que ademais poden alterar as funcións das células inmunes. Ambos trastornos tamén se asociaron coa gravidade dos síntomas en pacientes xa diagnosticados de enfermidade de Crohn ou colite ulcerosa.

O tabaco, prexudicial en calquera caso, é un factor ambivalente: mentres que empeora os síntomas da enfermidade de Crohn, prevén recaídas nos pacientes con colite ulcerosa. Ademais, certos estudos comprobaron que fumar aumentaba o risco de sufrir a primeira, pero non a segunda. Podería deberse a que o tabaco ten a capacidade de alterar tanto o sistema inmune como a flora bacteriana.

Seguindo coa microbiota intestinal, o consumo moi alto de antibióticos pode desestabilizar o seu equilibrio. Isto coñécese como disbiose e podería estar relacionado coa aparición de novos casos das enfermidades que nos ocupan.

E, por último, as persoas que viven nas cidades consomen máis graxas saturadas e azucres, o que contribuiría a aumentar o risco.

Debido ao aumento de casos, coñecer que hábitos aumentan a probabilidade de padecer enfermidade de Crohn ou colite ulcerosa é importante para establecer políticas de prevención e promover estilos de vida saudables.


*Victor Serrano Fernández é estudante de doutoramento na Universidade de Castela-A Mancha. José Alberto Laredo Aguilera é profesor titular na facultade de Fisioterapia e Enfermería da Universidade de Castela-A Mancha. Juan Manuel Carmona Torres é profesor titular na Universidade de Castela-Mancha.

Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen acción, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado anteriormente.

The Conversation
The Conversation
https://theconversation.com/es

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sempre os mesmos: por que os Nobel continúan ocultando a tantas científicas?

Este ano, o balance de galardoados nas disciplinas de Física, Química e Fisioloxía ou Medicina é de sete homes fronte a ningunha premiada

Tiburón a vista de dron: un achado inesperado nas illas Cíes

Investigadores da Universidade de Valencia captaron en agosto as imaxes dunha quenlla que nadaba nas augas costeiras do parque nacional

O sofisticado (e sorprendente) sistema inmune do mexillón

Algúns bivalvos teñen o maior e máis diverso número de sensores para detectar patóxenos de todo o reino animal

Que é o delirio? A aterradora síndrome parecida á demencia que aparece moito máis rápido

O estado de confusión agudo pode afectar a entre o 20% e o 30% dos pacientes anciáns hospitalizados