Georgiana Goddard King, a peregrina erudita que difundiu o Camiño en Estados Unidos

Un libro coordinado dende a USC aborda distintos aspectos da obra da profesora norteamericana que visitou Compostela no Xacobeo de 1915

A profesora estadounidense de Historia da Arte Georgiana Goddard King visitou Compostela en 1915 coincidindo coa celebración do Ano Santo e coñeceu así sobre o terreo a meta do Camiño de Santiago, publicando cinco anos máis tarde, en 1920, un libro sobre a ruta xacobea titulado The Way of Saint James, co que a deu a coñecer no seu país e que a converteu na primeira peregrina erudita, marcando un fito nos estudos sobre esta vía de peregrinación, que agora acaba de ser posto en valor a través dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago (USC) coordinado polos profesores Miguel Taín Guzmán e Patricia Fra.

O proxecto, concedido polo Ministerio de Ciencia e Innovación, foi desenvolvido entre setembro de 2021 e agosto de 2024 e os seus resultados acaban de publicarse no libro Georgiana Goddard King y The Way of Saint James (1920). La primera peregrinación erudita por el Camino de Santiago (Akal, 2024), que a través de oito traballos analiza a figura e a obra desta profesora de Historia da arte do Bryn Mawr College e estreita colaboradora de Archer Milton Huntington na Hispanic Society.

Publicidade

Visión feminina

George Greenia abre o volume contextualizando a figura da autora dentro dos estudos hispanistas norteamericanos, valorando The Way of Saint James desde o punto de vista da perspectiva de xénero, ao ser escrito por unha muller; fai ademais unha revisión das achegas do feminismo á literatura de viaxes escrita por mulleres e da visión que unha autora norteamericana como King realizou de España e o Camiño, e contrástaa coa doutros autores contemporáneos. Mentres, Paula Pita Galán valora a figura de King como profesora de Historia da Arte, a súa formación académica e a súa visión do Camiño.

Grazas á investigación no arquivo da Hispanic Society of America e á localización de documentación inédita, Patricia Fra López examina no terceiro capítulo os preparativos das viaxes de King polo Camiño, as fontes bibliográficas que utiliza para preparalas e documentalas, o compromiso da Hispanic Society, así como a elaboración da edición do seu libro de 1920. No capítulo cuarto Francisco Javier Novo Sánchez realiza un achegamento exhaustivo ao patrimonio histórico-artístico estudado por King ao longo do Camiño desde os Pireneos ata Santiago de Compostela, prolongando o roteiro cara ao Atlántico para visitar localidades de forte identidade xacobea como Muxía, Fisterra, Noia e Padrón.

Publicidade

En Compostela

Miguel Taín Guzmán analiza a estadía da profesora norteamericana na cidade de Santiago de Compostela no Ano Santo de 1915 e os seus comentarios sobre o patrimonio da urbe, da que apenas ofrece datos. Moito máis interesante é a súa descrición das festas do Apóstolo do 25 de xullo, a cuxa misa do ofertorio asiste. King narra a experiencia reflectindo emocións propias do romanticismo do século anterior, explicando o desfile protagonizado polo arcebispo e o delegado rexio desde o Palacio Arcebispal ata o altar maior polo deambulatorio.

Finalmente examínase a súa análise da basílica catedralicia, moi exhaustiva no que se refire á fábrica medieval. King busca a pegada do edificio descrito no Códice Calixtino (s. XII), o seu libro de cabeceira, consultando para iso os traballos de padre Fidel Fita —ao que a coñece persoalmente e cita numerosas veces con aprecio— e do cóengo arquiveiro Antonio López Ferreiro, falecido en 1910 e con cuxas conclusións se mostra crítica en numerosas ocasións.

No capítulo sexto Manuel Rodríguez Fernández analiza os milagres, lendas e tradicións vinculados á peregrinación e os peregrinos recollidos en The Way of Saint James. A autora ten o mérito de ser a primeira persoa que investigou e analizou o estado das rutas xacobeas a pé de roteiro no Camiño Francés.

Descricións

María del Mar Llinares García inspecciona dous aspectos da obra de King moi relacionados coa antropoloxía do seu tempo. Por unha banda, a descrición de ‘tipos populares’ na liña dos libros de viaxes xa mencionadas da súa época e anteriores, como A Biblia en España de George Borrow (1843). Destaca a atención que lles presta ás actividades femininas e aos sacerdotes, que podemos aventurar que ten que ver coa súa curiosidade como protestante (sen pertencer a unha confesión específica), ante estas figuras católicas tan presentes en España. Curiosamente apenas hai descricións de festas ou costumes, en liña co pintoresquismo habitual.

O folclore aparece en relación cun aspecto non tratado da súa obra ata o de agora: a súa afirmación de que o seu obxectivo é a relixión comparada, a lectura do culto ao Apóstolo como herdeiro de antigos elementos relacionados coa maxia, a fecundidade ou a vexetación, na liña de J.G. Frazer (The Golden Bough: A Study in Comparative Religion).

No último capítulo, Xosé Santos Solla explora desde unha perspectiva xeográfica a obra de King e os seus vínculos co fenómeno recente do turismo e os cambios da paisaxe. O percorrido que fai a nosa autora e as súas características achégana ao concepto de viaxeira e, por tanto, únena ao fenómeno do Grand Tour. Con todo, a pesar de ter elementos en común, ela xa non é contemporánea desa práctica da alta burguesía decimonónica, senón que se sitúa nun momento no que a viaxe vai adquirindo novas formas. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Cando Anne Carson percorreu (e describiu) o Camiño de Santiago

Unha análise da viaxe da Premio Nobel de Literatura plasmada na súa obra ‘Tipos de auga’. Por Carmen García Navarro

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva