A Enquisa de Saúde de España 2025 (ESdE), elaborada polo Ministerio de Sanidade, informa de que a porcentaxe de galegos que fuman habitualmente caeu ao seu mínimo histórico, un 14,03%. En homes, a cifra ascende sobre a media, cun 17,5% e, no caso das mulleres, é dun 10,8%. A pesar desta tendencia na prevalencia do consumo de tabaco, aínda existe un problema: a exposición ao fume de segunda man (SHS, polas súas siglas en inglés) en interiores. Un estudo publicado recentemente polo CRETUS da Universidade de Santiago (USC) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), coa participación de Carla Guerra, Julia Rey, Mónica Pérez e Alberto Ruano, afonda nesta cuestión en cada comunidade autónoma.
Un dos principais resultados é que Galicia destaca por rexistrar a exposición en interiores máis alta de España en mulleres novas, de 15 a 34 anos, afectando a un 41,3%, segundo os datos publicados na ESdE de 2023. “Galicia é unha das comunidades máis expostas, pero das máis baixas en consumo; é unha tendencia rara“, comenta Julia Rey. Este fume de segunda man aparece por dúas vías: unha principal —o fume que se exhala— e outra secundaria —o fume que sae do cigarro e consúmese, o fume ambiental.
“Sabemos que o fume do tabaco ten máis de 7.000 substancias, 50 delas tóxicas e arredor de 70 canceríxenas“, sinala Rey. Por este motivo, trátase dun importante problema de saúde pública relacionado causalmente coa morbilidade e a mortalidade. Para analizar o impacto, a metodoloxía baséase en modelos de áreas pequenas (small-area models), deseñados para mellorar a precisión xeográfica que as enquisas tradicionais —como a ESdE, que conta cunha mostra de case 25.000 entrevistas— non permiten polo seu tamaño.
Máis novos, máis expostos
Segundo os datos da enquisa de 2023, o 20,3% da poboación española de 15 anos ou máis estivo exposta ao fume de segunda man en espazos interiores —fogar, traballo, ocio—, unha cifra “bastante elevada”, subliña Rey, tendo en conta a normativa existente en España (Ley 28/2005), que prohíbe fumar en lugares públicos pechados. Con todo, non regula a práctica no fogar. Así, Galicia segue a tendencia de todas as comunidades, xa que, como norma xeral, a exposición máis alta se concentra no grupo de idade máis novo, tanto en homes como en mulleres. Mentres o máximo en mulleres se observou en Galicia (en homes, o 31% está exposto, unha diferencia de 10 puntos porcentuais), o máximo en homes foi en Cantabria —44% no grupo de 15 a 34 anos—.
Pola contra, os valores máis baixos rexístranse en adultos maiores de 75 anos, descendendo ata o 1,1% ou 1,6% en comunidades como Extremadura, coa cifra máis baixa. No caso de Galicia, a poboación masculina de 75 anos ou máis exposta ao fume de segunda man é o 9,2% e, a feminina, 5,1%. “A medida que aumenta a idade, diminúe a exposición”; esta é unha das conclusións principais que o equipo do CRETUS puido extraer da súa investigación.
Posibles motivos
“Non sabemos cales poden ser as causas”, informa Julia Rey. Nun primeiro momento, o equipo investigador pensou que podía estar relacionado co clima: “En Galicia, pola influencia do clima, moitas veces fúmase en casa porque chove e vai frío”, sinala a investigadora. É unha tendencia que tamén se pode ligar con Cantabria, cunha meteoroloxía semellante. Con todo, foi unha explicación que perdeu forza ao observar datos como os de Andalucía, unha comunidade con bo clima que tamén conta cunha exposición elevada ao fume de segunda man. “Talvez, no caso das mulleres, a resposta sexa que moitas delas son fumadoras pasivas e conviven cun fumador”, explica, xa que depende das normas de convivencia establecidas no fogar arredor do consumo de tabaco.
As limitacións do estudo
Unha das limitacións principais do estudo é o uso da Enquisa de Saúde de España. Segundo Julia Rey, ao centrarse soamente na exposición en espazos interiores, quedan fóra das respostas todo o que ten que ver coa exposición exterior, como é o caso das terrazas: “Cando estás fóra dun bar e tes a alguén que fuma ao lado estás exposta ao fume ambiental do tabaco; esta parte non se mide”. Un estudo previo realizado polo seu equipo de investigación do CRETUS xa investigou arredor desta tendencia, e sinala que, a nivel exterior, aumenta moito a exposición. Ademais, súmase o tamaño da mostra: “Non permite coñecer con suficiente precisión a prevalencia real desglosada por sexo, idade e comunidade autónoma”.
Medidas de saúde pública
Pasaron máis de dúas décadas dende a primeira lei antitabaco en España. Agora, os datos de 2023 suxiren unha tendencia á alza na exposición en espazos interiores, moi clara en Galicia. Julia Rey comenta que “levamos tanto tempo sen lexislar que talvez se estea a producir unha relaxación das medidas“. Segunda explica, o último Eurobarómetro sinala que as persoas continúan a estar expostas no interior dos restaurantes e cafeterías, a pesar de estar prohibido o consumo de tabaco na meirande parte da Unión Europea.
“Precisamos un maior control de que as medidas se están a cumprir, melloralas e ampliar os espazos libres de fume”, sinala a investigadora. Isto último é o que se trata de pór en marcha o anteproxecto da nova lei antitabaco, indo máis aló do interior: terrazas, campus universitarios, concertos ao aire libre e paradas de autobús, entre outros, para reducir os efectos indirectos do tabaco.
Referencia: Secondhand Tobacco Smoke Exposure Across the Autonomous Communities of Spain: A Small-area Analysis of National Health Surveys (2017–2023) (Publicado en Arquivos de Bronconeumoloxía)














