Máis servizos electrónicos para administracións e cidadáns: así foi o balance dixital galego do 2025

O balance anual da Estratexia Galicia Dixital 2030, elaborado pola Amtega, recolle as medidas levadas a cabo no último ano e actualiza os obxectivos de cara ao final da década

Galicia cruza o ecuador na implementación da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), que arrancou no 2021 como unha medida de impulso da transformación dixital da administración galega. Esta iniciativa, que se basea nun modelo de gobernanza colaborativo entre institucións públicas, tecido empresarial, persoal investigador e cidadanía, conta cun balance anual elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O documento recolle os avances realizados no marco da EGD2030 durante o 2025 e actualiza as metas propostas de cara ao peche da década, e pon o foco na sostibilidade, a ciberseguridade e a intelixencia artificial, entre outras cuestións.

Entre as novidades máis salientables están a ampliación dos servizos de diferentes plataformas (como a Sede electrónica ou o Sistema de Información Tributario), o crecente uso das ferramentas dixitais da Xunta (como a aplicación XuntaEU) ou a implantación de novas medidas tecnolóxicas no sector da saúde (como a inclusión da IA). Este plan recibiu 390,3 millóns de euros, provintes de investimento público e privado, durante o exercicio de 2025.

Publicidade

A correcta avaliación dos retos cumpridos e dos obxectivos pendentes é fundamental para garantir a correcta progresión da EGC2030, pois isto establece unha relación de seguimento coherente entre a evolución das propostas e os cambios reais que experimenta a sociedade. Para medir a eficacia dos programas postos en marcha no marco da estratexia, a Xunta de Galicia apóiase nos Informes e Indicadores publicados polo INE (Instituto Nacional de Estatística), o IGE (Instituto Galego de Estatística) e o OSIMGA (Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia).

Unha década estruturada en torno a sete eixos estratéxicos

A Estratexia Galicia Dixital 2030 conta tres grandes vertentes —a social, a económica e a medioambiental— que, á súa vez, se estruturan en torno a sete eixes estratéxicos para potenciar o deseño e impulso de solucións dixitais aos retos da dixitalización rexional; un eixe transversal centrado na promoción da especialización tecnolóxica do territorio; 20 programas operativos destinados a desenvolver cada un dos eixes anteriores; e un marco de gobernanza dixital que asegura un liderado compartido entre axentes públicos e privados.

Publicidade

Os sete eixos estratéxicos consisten en promover un goberno e unha administración intelixente, unha sociedade dixital e inclusiva, un entorno dixital no que teñan cabida a saúde e o benestar social, fomentar Galicia como un espazo verde e con conectividade dixital do territorio, promover a cultura e o turismo intelixentes e impulsar unha economía dixital e sostible.

Novos servizos nas plataformas electrónicas

No primeiro eixe estratéxico —sobre goberno e administración intelixente—, destacan as propostas en torno ás diferentes plataformas ofertadas pola Xunta. Por unha banda, a aplicación XuntaEu aumenta a súa integración social ao chegar a 137.000 descargas. Este portal permite á cidadanía o acceso aos principais servizos da administración pública dende un dispositivo móbil. Esta ferramenta ampliou as súas capacidades e agora permite achegar documentación aos expedientes dispoñibles na Carpeta cidadá. Ademais, para asegurar un uso máis doado e comprensible por parte da poboación, XuntaEu conta tamén cunha canle de WhatsApp habilitada para responder dúbidas técnicas.

Tamén a Plataforma de Automatización de Procesos (RPA) consolidou o seu funcionamento. Ao remate de 2025, o sistema contaba con 29 automatizacións dispoñibles. Ademais, a Sede elecrónica experimentou unha renovación integral que permitiu incluír novos servizos e rexistrar máis de 1,6 millóns de xestións en liña. Por outra banda, as Oficinas de Atención á Cidadanía tramitaron 883.000 documentos dixitalizados.

No marco deste primeiro eixe tamén se melloraron as prestacións do Sistema de Información Tributario, que inclúe novidades como a ampliación das opcións de pagamento, novos servizos de xestión de embargos por pagadores de soldos, salarios e prestacións e unha canle de teleatención á cidadanía por videochamada. Outra novidade acadada durante o exercicio do último ano da estratexia é a de desenvolver un Mapa Industrial de Galicia, que está equipado cun visor de parques industriais.

Xustiza e sanidade no teléfono móbil

Ao poñer o foco no contexto da Administración de Xustiza, cómpre sinalar a implantación da Nova Sede Xudicial Electrónica, unha canle de comunicación dixital que conecta a cidadanía coas institucións da xustiza. Este sistema está tamén dotado dunha canle de atención directa mediante WhatsApp. Tamén se completou a integración dun novo modelo de Rexistro Civil, que xa está activo en 45 oficinas xerais e 268 entidades colaboradoras de Galicia.

O balance de 2025, elaborado pola Amtega, sinala que se incorporou un novo visor ao Expediente Xudicial Electrónico (VIAEXE, que complementa o VisorEXE) para facilitar a lectura de expedientes. O documento sinala que no ano de exercicio se asinaron de forma electrónica 5,3 millóns de documentos e enviáronse máis de 11,7 millóns de comunicacións electrónicas a través de LexNET, unha plataforma adscrita ao Servizo Público de Xustiza que realiza intercambios seguros a nivel nacional de información entre órganos xudiciais e os profesionais que se relacionan con estas institucións.

Na área sanitaria —que se encadra no terceiro eixe, relativo ao entorno dixital para a saúde e o benestar social— a Estratexia Galicia Dixital 2030 continuou o seu progreso a través de diferentes medidas. Un dato especialmente significativo é que, segundo o Balance 2025, un 65% da poboación galega descargou nalgún momento a aplicación Sergas Móbil. Tanto esta ferramenta como E-saúde e os Puntos de Información Multimedia (PIM) ampliaron a súa oferta de servizos dixitais no 2025. Destaca tamén a implantación de solucións baseadas en intelixencia artificial (como o estudo de imaxes médicas co apoio da IA) e a posta en marcha dun sistema de xestión de análise xenómica, no marco do programa Xenoma Galicia.

Dende a perspectiva máis administrativa da saúde, cómpre sinalar que continuou o proceso de implantación da nova versión do sistema de xestión da Historia Clínica Electrónica (IANUS) en centros residenciais de persoas maiores e con discapacidade.

Competencias dixitais e emprego

A Estratexia Galicia Dixital 2030 propón diversas medidas para impulsar as competencias dixitais entre a cidadanía. A Amtega declara, a través dun comunicado, que ao longo de 2025 “desenvolvéronse máis de 645.000 horas de formación, e emitíronse máis de 44.000 certificacións de competencias dixitais. No eido educativo, o Abalar Móbil rexistrou 548.855 usuarios”.

No ámbito do emprego, a aplicación MOBEM rexistrou 163.043 usuarios. Trátase dunha plataforma móbil da Xunta de Galicia destinada a persoas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. Entre as súas funcións están as de renovar a demanda de emprego (DARDE), consultar citas para cursos de formación ou revisar ofertas laborais. Pola súa parte, a Oficina Virtual do Demandante superou os 373.000 usuarios.

O balance destaca a extensión de Lonxas galegas 4.0 —unha aplicación para que os compradores profesionais poxen por pescado dende os seus móbiles— ás 53 previstas. Esta ampliación inclúe a integración de novos sistemas de comercialización e xestión, como a posibilidade de realizar en liña os trámites asociados á poxa.

Un proxecto en constante actualización

A Estratexia Galicia Dixital 2030 arrancou xa no 2021 e o pasado exercicio marca o ecuador da súa implementación. Neste punto, os informes asociados ao desenvolvemento das medidas da EGD2030 actualizaron os seus obxectivos e perspectivas para cinguirse ás esixencias da evolución tecnolóxica, en consoancia co Decenio Dixital Europeo. A Amtega declara nun comunicado que a renovación “reforza ámbitos estratéxicos como a gobernanza TIC sostible, a ciberseguridade, a gobernanza do dato, a intelixencia artificial, a conectividade e a capacitación dixital“. Esta actualización sitúa o programa como unha proposta dinámica e consciente coa realidade tecnolóxica do momento.

Algúns dos obxectivos renovados para o 2030 son: que o 100% da poboación dispoña de cobertura de máis de 100Mbps (no 2025, a cifra é do 94,1%); que o 90% das empresas realicen as súas xestións coa administración dixital; ou que o 35% das empresas tecnolóxicas conten con especialistas en ciberseguridade, intelixencia artificial ou datos. Algunhas das novidades que entran na Estratexia Galicia Dixital 2030 son: que as empresas empregan IA acaden o 45%; que a contribución do sector tecnolóxico ao PIB galego supere o 3% e que a porcentaxe de persoas que confían na rede acade o 22,4%.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta lanza unha iniciativa para modernizar a Administración con tecnoloxías disruptivas

A iniciativa solucionará as necesidades do sector público con IA, datos e 5G para mellorar os servizos e a relación coa cidadanía

Da saúde á loita contra os incendios: estas son as máis de 20 iniciativas con uso de IA da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica anuncia dez proxectos en fase de produción, e o resto en desenvolvemento, pilotaxe ou proba

Luz verde ao Pacto Dixital entre a Xunta e o sector das TIC para a modernización tecnolóxica de Galicia

A iniciativa impulsada pola Amtega busca abrir novas oportunidades de negocio, reducir a fenda dixital e promover a colaboración no ámbito da tecnoloxía

A revolución intelixente da Xustiza galega: o Plan Senda 2028 propón un sistema máis inclusivo

O Goberno galego aproba unha estratexia que introduce a intelixencia artificial no sistema xudicial, ten unha xestión bilingüe co programa Atenea e dota de ferramentas tecnolóxicas ás 268 oficinas municipais