Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

A fabricación aditiva abre novas posibilidades para o desenvolvemento de ferramentas accesibles e personalizadas aplicadas ao ámbito da saúde. Un bo exemplo disto é o Traballo Fin de Máster (TFM) de Doralys Torriente Aguilar (Matanzas – Cuba, 1999), alumna egresada do máster en Fabricación Aditiva, titulación interuniversitaria que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), no que deseñou un kit de ferramentas impresas en 3D orientado á prevención e á rehabilitación de lesións muscoloesqueléticas asociadas ao uso repetitivo do teclado e do rato.

O traballo, titulado “Deseño e desenvolvemento dun kit de ferramentas impresas en 3D para a prevención e rehabilitación de lesións por uso repetitivo do teclado e do rato”, foi dirixido pola profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) Ana Ares Pernas e máis polo investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) Florian Michaud. A autora propón aproveitar as posibilidades da impresión 3D para desenvolver dispositivos ergonómicos que faciliten a realización de exercicios de mobilización, estiramento e fortalecemento das extremidades superiores.

Publicidade

O proxecto nace coa vontade de dar resposta a un problema cada vez máis habitual tanto no eido académico coma no laboral: o uso intensivo dos dispositivos informáticos e as molestias relacionadas cos movementos repetitivos, coas posturas incorrectas e coa realización de esforzos prolongados no tempo. Entre esas patoloxías máis comúns atopamos o síndrome do túnel carpiano, a tendinite, a epicondelite lateral e a tenosinovite de De Quervain, todas elas causadas pola tensión acumulada nos músculos, nos tendóns e nos nervios das extremidades superiores.

Ata seis exercicios cun único kit de ferramentas

Unha das principais características deste Traballo Fin de Máster (TFM) é o desenvolvemento dun conxunto de ferramentas que permite traballar os diferentes movementos das mans e dos antebrazos mediante seis exercicios: peche de man, flexión dun dedo, extensión dos dedos, extensión dun dedo, rolo de pulso e torsión do antebrazo.

Publicidade

Tal e como explica a propia Doralys Torriente Aguilar estes dispositivos están concibidos para facilitar os exercicios de mobilización e de fortalecemento, poñendo especial atención á ergonomía, á comodidade e á facilidade coa que poden ser usados. Nesta liña, o uso da fabricación aditiva permite explorar deseños adaptables á fisionomía da persoa, modificar as características dos dispositivos, optimizar os recursos materiais e reducir os custos de fabricación en comparación con outras solucións comerciais existentes no mercado.

Unha demostración práctica e aberta á comunidade universitaria

Este kit de ferramentas impresas en 3D desenvolvido como Traballo Fin de Máster na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) foi o protagonista, este luns 26 de outubro, dunha das actividades divulgativas realizadas marco do programa “Outubro Saudable” que promove a UDC Saudable. O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, situado no Edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol, acolleu unha sesión na que o público asistente puido coñecer de primeira man as ferramentas desenvolvidas e probar os seis exercicios propostos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares