A procura de novas solucións para descarbonizar o transporte marítimo sitúa a propulsión nuclear entre as tecnoloxías que espertan interese investigador. A súa posible aplicación a bordo, porén, require estudar polo miúdo os riscos e as condicións de seguridade. O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) ocúpase deste reto nunha investigación desenvolvida en colaboración coa Escola Superior Náutica Infante D. Henrique, de Portugal. O artigo está asinado por José Miguel Mahía, membro do Grupo de Investigación en Enxeñaría Enerxética (INGEN) da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da UDC, xunto con Diogo Faustino e Sandrina Pereira, da institución portuguesa.
O traballo analiza os perigos asociados aos reactores de sales fundidos e estuda como poderían afectar ao funcionamento do reactor e á seguridade dunha futura instalación de propulsión naval. Concretamente, analizan o potencial dos denominados Small Modular Reactors (SMR), reactores nucleares compactos como alternativa enerxética para avanzar na descarbonización do transporte marítimo. O seu menor tamaño, as melloras na xestión dos residuos xerados, a capacidade de fabricación modular e os sistemas de seguridade pasiva sitúanos con potencial para contribuír á redución das emisións no sector naval.
Para o estudo, o equipo seleccionou como caso de análise un reactor de sales fundidos (Molten Salt Reactor, MSR), unha das tecnoloxías incluídas entre os reactores de cuarta xeración (GEN-IV). Entre as súas características destacan o funcionamento a baixa presión, a elevada densidade enerxética, a mellora da eficiencia térmica e a incorporación de mecanismos de seguridade pasiva que poden permitir deter o reactor sen necesidade de intervención humana.
Dúas metodoloxías
O persoal investigador aplicou as metodoloxías internacionais HAZID (Hazard Identification) e HAZOP (Hazard and Operability Study), ferramentas amplamente utilizadas en enxeñaría para identificar perigos, analizar desviacións e avaliar as posibles consecuencias para a seguridade a bordo. Mentres que a HAZID permite obter unha visión global dos riscos máis relevantes, o HAZOP ofrece unha análise detallada das posibles desviacións operativas e das relacións entre as súas causas e consecuencias, que poderían dar lugar a situacións inseguras.
Oportunidades e desafíos
Segundo explica José Miguel Mahía, “os SMR representan unha tecnoloxía con potencial para contribuír a descarbonizar o transporte marítimo mantendo os elevados niveis de autonomía, fiabilidade e seguridade que esixe o sector”. O interese por estas tecnoloxías tamén se reflicte no ámbito institucional e industrial. A Comisión Europea impulsou a Alianza Industrial Europea para os SMR e identificou estes reactores como un elemento estratéxico. Pola súa banda, sociedades de clasificación como DNV, Lloyd’s, Bureau Veritas e ABS destacan o seu potencial para a propulsión marítima e a necesidade de desenvolver os marcos técnicos necesarios para chegar a implantalas.
Os resultados mostran que, aínda que os MSR ofrecen oportunidades para reducir as emisións asociadas ao transporte marítimo, tamén presentan retos relacionados coa circulación dos sales fundidos, a evacuación da calor residual, o control da reactividade do reactor e a corrosión dos materiais.














