As cartas de Alejandra Murguía revelan novos aspectos da vida de Rosalía de Castro e Manuel Murguía

A USC publica o epistolario que a primoxénita no matrimonio mantivo con Ángela Santamarina entre 1916 e 1925

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía. O libro, editado pola profesora e investigadora Dolores Vilavedra e cun prólogo de Xesús Alonso Montero, é o primeiro título da nova Biblioteca da Cátedra Rosalía de Castro. A publicación está xa dispoñible na Libraría Dixital da USC.

A publicación presentouse este venres 16 na biblioteca do Instituto da Lingua Galega nun acto no que participaron Marcelo Maneiro Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento; Elisa Fernández Rei, directora da Instituto da Lingua Galega; María Coutinho Villanueva, subdirectora Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia; Fernando Cabo Aseguinolaza, codirector da Cátedra Rosalía de Castro; Julio García Comesaña, deputado e Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia e Dolores Vilavedra Fernández, catedrática de Filoloxía Galega da USC, presidenta do Consello da Cultura Galega e editora do volume.

Publicidade

Para Vilavedra, a edición destas cartas significa, en primeiro lugar, “dar voz a unha muller como Alejandra, que ficou completamente ensombrecida polas figuras dos seus pais, aos que se entregou cunha xenerosidade inesgotable”. A responsable da edición reivindica así o interese propio dunha creadora que, malia ter “moito que facer e que dicir”, quedou practicamente invisibilizada pola historia.

O epistolario permite tamén reconstruír a singular amizade entre Alejandra Murguía e Ángela Santamarina, dúas figuras do seu tempo vinculadas por numerosos intereses e afectos, pero separadas por unha notable distancia económica e social. As cartas amosan como ambas as mulleres foron creando as súas propias canles de comunicación e construíndo unha relación que se mantivo durante anos.

Publicidade

Unha artista cunha carreira interrompida

Alejandra Martínez-Murguía de Castro naceu en Santiago de Compostela en 1859 e foi a primoxénita de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Dende moi nova amosou aptitudes para o debuxo e a pintura e formouse na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, unha das poucas institucións galegas que daquela ofrecían ensinanzas artísticas ás mulleres, aínda que de maneira moi limitada e desigual con respecto aos homes. Debuxante, pintora e ilustradora, realizou acuarelas, retratos e gravados, foi mestra do seu irmán Ovidio Murguía e colaborou na prensa ilustrada do seu tempo. Os seus traballos apareceron en La Ilustración Gallega y Asturiana, publicación dirixida por Manuel Murguía, para a que deseñou a cabeceira empregada dende xullo de 1879. A prensa da época chegou a presentala como unha das novas promesas da arte galega.

Tamén participou na construción gráfica dos símbolos do galeguismo. Está documentado que foi a autora do deseño do estandarte encargado en 1891 polo Centro Galego da Habana, unha peza con alegorías e elementos heráldicos que incorporaba a banda azul transversal sobre fondo branco. A investigación contemporánea sitúaa así no proceso colectivo do que xurdiu a bandeira galega, aínda que non existe unha proba definitiva que permita atribuír a unha soa persoa o deseño actual.

Alejandra desenvolveu igualmente un importante labor de conservación e transmisión cultural. Recolleu versos, refráns e composicións da tradición oral, que compartiu con investigadores como Víctor Said Armesto, Casto Sampedro e Perfecto Feijoo. Foi tamén unha fonte fundamental para recuperar a melodía tradicional da Alborada de Rosalía, que cantou para que puidese ser transcrita.

A súa traxectoria, porén, estivo marcada polas renuncias. Tras a morte de Rosalía en 1885, asumiu o coidado do pai e dos seus irmáns, relegando as súas propias aspiracións profesionais. Chegou a rexeitar un posto como restauradora no Museo do Prado porque Manuel Murguía non aprobaba que marchase a Madrid, unha oportunidade que podería terlle permitido desenvolver unha carreira artística independente.

A intervención paterna afectou tamén a súa vida persoal. Nos seus anos mozos, o avogado, intelectual e filántropo Joaquín Arias Sanjurjo pretendeu a súa man. Segundo recolle Ricardo Carvalho Calero, a petición foi rexeitada por Murguía porque consideraba que Alejandra debía permanecer solteira para coidar dos seus proxenitores cando fosen maiores. Morreu na Coruña en 1937, solteira e sen descendencia.

Unha amizade entre dous mundos

A destinataria das cartas, Ángela Santamarina Alduncín, coñecida en Ourense como Angelita Varela, nacera en Tandil, na Arxentina, en 1863, no seo dunha familia de orixe galega que acumulara unha importante fortuna. Tras quedar orfa de nai, foi enviada a Ourense xunto cos seus irmáns e criada pola súa tía Dolores Santamarina. Ángela Santamarina foi marquesa da Atalaya Bermeja e condesa do Valle de Oselle, ademais de filántropa, coleccionista e protectora de iniciativas culturais. En 1925 constituíu a Fundación Santamarina de Temes, destinada inicialmente a acoller, coidar e educar gratuitamente nenas orfas sen recursos. Ao seu patrimonio pertence o conxunto de cartas agora publicado.

O epistolario permite reconstruír a relación de Alejandra e Ángela, dúas mulleres con inquedanzas comúns pero separadas por un abismo social: fronte á posición privilexiada da aristócrata e benefactora ourensá, Alejandra viviu as últimas décadas de Manuel Murguía no medio dunha notable precariedade familiar. Para a responsable da edición, Dolores Vilavedra, esta relación entre dúas mulleres do seu tempo constitúe unha das historias máis singulares que atravesan o volume.

Novas claves para achegarse a Rosalía

Aínda que a correspondencia comeza décadas despois da morte de Rosalía de Castro, as cartas proporcionan información biográfica de gran valor sobre a escritora. Entre os datos máis reveladores, Vilavedra destaca que “Alejandra fala de que a súa nai tivera cinco abortos”. Esta información convida a repensar aspectos da relación entre Rosalía e Manuel Murguía, o propio desenvolvemento da obra rosaliana e determinados silencios na súa traxectoria editorial. Tamén pode, segundo a editora, “deitar luz” sobre algúns dos seus poemas e favorecer novas lecturas e interpretacións. O volume ofrece, ademais, información sobre Rosalía como escritora profesional e sobre a xestión que a familia realizou dos seus dereitos de autora. As cartas permiten achegarse ás negociacións, dificultades e tirapuxas coas editoriais nun momento no que a conservación e administración do legado da autora pasara ás mans das súas fillas.

Unha ollada máis humana sobre Manuel Murguía

A correspondencia achega igualmente novas perspectivas sobre Manuel Murguía e contribúe, en palabras de Vilavedra, a “desmitificar” a súa figura. As cartas presentan un pai “absorbente e tiránico”, como tantos homes do seu tempo, pero tamén profundamente admirado e querido polas súas fillas. O epistolario deixa constancia da precariedade extrema na que se desenvolveron as últimas décadas da vida de Murguía, unha situación moi dura para toda a familia e contra a que loitaron con enorme dignidade. Tamén ofrece datos sobre os avatares sufridos pola súa biblioteca despois do seu falecemento, unha historia na que aínda permanecen lagoas e puntos escuros.

Neste sentido, o prólogo de Xesús Alonso Montero chama a atención sobre a necesidade de facilitar o acceso á biblioteca de Antonio Rey Soto, actualmente depositada no mosteiro de Poio, e de poñer en valor o patrimonio documental da Fundación Santamarina de Temes. As cartas enviadas por Alejandra Murguía a Ángela Santamarina conserváronse precisamente porque quedaron integradas no arquivo persoal da súa destinataria e, a través del, nos fondos de dita Fundación. O volume agora publicado recupera, edita e contextualiza este pequeno conxunto documental, revelador da riqueza dun arquivo que aínda pode proporcionar novas fontes para o estudo da historia e da cultura galegas e que é preciso abrir para consulta.

Escritas entre 1916 e 1925, nun arco histórico que vai dende os anos da Primeira Guerra Mundial e os prolegómenos da Revolución Rusa ata a ditadura de Primo de Rivera, estas cartas constitúen un testemuño persoal e histórico da pervivencia, xa entrado o século XX, do legado construído por Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Con este primeiro volume, a Biblioteca da Cátedra Rosalía de Castro inicia unha nova vía de publicación destinada a recuperar, estudar e difundir materiais que permitan ampliar o coñecemento sobre a autora, o seu contexto e a súa herdanza cultural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Onde están as mulleres? Só sete homenaxes en 62 anos de Letras Galegas

Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias, Luísa Villalta e as cantareiras son a única pegada feminina

Da botánica á psiquiatría: o saber científico de Rosalía de Castro máis alá da súa poesía

A USC inaugura no Colexio de Fonseca unha exposición sobre o vínculo da autora galega coa ciencia e co pensamento ilustrado do século XIX

O manuscrito esquecido de Dolores del Río, a premiada escritora galega de comezos do século XX

A investigadora Ana Belén Feijoó descobre unha carta da autora coruñesa dentro da primeira edición do seu libro 'Ráfagas', datado en 1908

As 10 palabras do galego que estás dicindo mal

Brote, gafas, espalda... Son palabras de uso común, pero tamén castelanismos. Cales son os termos correctos?