Rosalía de Castro é moito máis que a poetisa galega por excelencia: foi unha pensadora ilustrada do seu tempo. Ela é obxecto de estudo, pero tamén representa o saber en si mesmo. Disto trata a exposición inaugurada este mércores no Claustro Alto do Colexio de Fonseca baixo o título Rosalía en Fonseca. O xardín da revolución.
Con esta mostra, a Universidade de Santiago (USC) dá a benvida á autora a través da Cátedra Rosalía de Castro, creada en xullo de 2024. A súa directora e comisaria da exposición, María do Cebreiro Rábade Villar, explica que o obxectivo principal é “amosar a dialéctica entre a Rosalía estudosa e a Rosalía como obxecto de estudo”.
Este proxecto é posible grazas á Fundación BBVA, a través dunha Bolsa Leonardo, que busca dar visibilidade á memoria rosaliana e entender como as especies vexetais, tanto árbores como flores, poden ser testemuñas da historia humana. Así, o relato que se narra establece un vínculo co mundo da botánica, un ámbito no que Rosalía destacaba malia non contar cunha formación universitaria formal, pero si tivo unha educación ilustrada grazas ao contacto co Liceo da Xuventude.
Un diálogo co discurso científico do XIX
A figura de Rosalía de Castro insírese nun contexto histórico “interesante”, segundo María do Cebreiro, marcado pola intelectualidade da Xeración do Banquete de Conxo na cidade de Santiago. Esta perspectiva permite descubrir unha Rosalía que vai máis aló da faceta literaria, ao establecer un diálogo co pensamento científico do século XIX: “Aínda que non é o único obxectivo da mostra, si é o máis novo”, sinala a comisaria, destacando os vínculos coa botánica e a psiquiatría.
Por tanto, a exposición é resultado de 15 anos de investigación desenvolvidos na USC. A cartografía é relevante nestes proxectos a través de mapas de natureza non representacional. Este é o caso de mapas de afecto ou literarios, algúns dos que estarán presentas na mostra para explicar a síntese entre Rosalía e o coñecemento.
Mais os grupos de investigación centrados na obra de Rosalía non contan cunha formación científica en botánica e psiquiatría. Por iso, a Cátedra contou coa axuda dos especialistas Anxo Vidal e Rafael Sisto, e das facultades de Química, Física e Bioloxía da USC, cuxo apoio foi fundamental para interpretar e contextualizar os obxectos e referencias vinculados á autora galega.
A ciencia na obra de Rosalía
“A ciencia é mencionada explicitamente no seu corpus”, afirma a profesora da USC María do Cebreiro, subliñando a presenza do pensamento científico na obra rosaliana. Por exemplo, en En las orillas del Sar pode apreciarse unha preocupación cosmolóxica, mentres que a novela El primer loco reflicte a emerxente disciplina psiquiátrica. Non é casual que un dos primeiros críticos do poemario fose precisamente Barcia Caballero, director do psiquiátrico de Conxo.
Este tipo de conexións evidencian a relación de Rosalía co ámbito científico. “Hai fíos históricos e científicos que a mostra se atreve a cruzar de xeito non programático”, explica María do Cebreiro. Trátase de abrir novas lecturas e contextos que permiten repensar a figura da autora desde discursos que tradicionalmente non se sitúan ao seu carón.

A conexión de Rosalía de Castro con círculos progresistas e revolucionarios do século XIX é outra faceta pouco explorada que debería acompañar o estudo da súa obra. Tal e como apunta a comisaria da mostra, esta exposición constitúe “unha primeira oportunidade de aproximación”.
Para facilitar ao público a inmersión no mundo científico de Rosalía, inclúense pezas como un microscopio de laboratorio con enfoque de piñón e cremalleira de precisión, unha pipeta de absorción con estrutura de madeira ou unha caixa de herborización do século XIX. Algúns destes obxectos foron cedidos polo Museo de Historia Natural da USC, entidade encargada da exposición xunto á Cátedra, que ofreceu á mostra tanto materiais como asesoramento científico.
Unha mostra lonxe da hiperespecialización
A exposición ocupa catro paredes do claustro alto de Fonseca: “En canto a información e paneis, é unha exposición abundante”, sinala do Cebreiro. Estruturada en bloques temáticos, aborda diferentes dimensións da figura de Rosalía. Unha delas céntrase na Rosalía estudosa e a súa formación literaria, un aspecto que se visualiza a través de mapas baseados nas lecturas da súa mocidade.
Outro eixo da exposición e o carácter global da obra rosaliana, que incorpora referencias xeográficas de todo o mundo, como Moldavia ou África. Tamén se centra no Herbario de Rosalía, un proxecto desenvolvido por María López Sández e María Isabel Fraga, que poderá contemplarse en forma de láminas.
O percorrido remata coa dimensión pedagóxica e didáctica da obra da galega. Isto represéntase a través dun proxecto de investigación xunto ao estudantado do IES Rosalía de Castro, a fin de que tomen a Rosalía “como guía do coñecemento”. Os mapas que elaboraron forman parte da mostra, enriquecendo o diálogo arredor da aprendizaxe.
Pero, a quen va dirixida esta exposición? “A mostra é unha invitación para pensar sobre Rosalía e a ciencia”, afirma a comisaria, coa vontade de afastarse da sobreexplicación. Deste xeito, está pensada tanto para o público xeral como para especialistas en historia da ciencia ou en estudos literarios, pasando polo propio alumnado do instituto que leva o nome da autora. “O fío condutor é Rosalía e o coñecemento, e no coñecemento”, remarca, como proposta de encontro entre literatura e ciencia.
Un érbedo como símbolo da memoria
A relación de Rosalía de Castro coa botánica tamén se fará visible no antigo horto botánico da USC, dedicado á experimentación científica e hoxe coñecido como Xardín das pedras que falan. Alí, o vindeiro 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, renderáselle homenaxe á autora coa súa entrada simbólica no claustro da USC mediante a plantación dunha árbore.
Aínda que moitos poderían esperar un carballo, será un érbedo a especie escollida como árbore predilecta de Rosalía. A súa devoción naceu do exemplar que se atopaba en Lestrobe, na casa da súa familia materna. Neste lugar retirábase en primavera e verán, e foi tamén onde deu a luz aos seus xemelgos, Gala e Ovidio. A tala do érbedo orixinal a mediados do século XX motiva agora esta plantación a modo de “restitución simbólica”. Esta actividade conta coa participación do Concello de Santiago e pretende activar a memoria botánica da cidadanía.
Estas accións culminan co primeiro simposio da Cátedra Rosalía de Castro no que abordar a vida da autora cun enfoque exclusivamente académico. O encontro contará coa participación de expertos en literatura, cine e ilustración infantil, co obxectivo de coñecer o papel da obra de Rosalía na creación artística.
“A Cátedra ten unha función académica e divulgativa na memoria de Rosalía”, sinala María do Cebreiro. Con estas tres actividades, recoñécese o labor de mecenado cultural que ela e o seu equipo desenvolven, xunto á Fundación Rosalía de Castro como entidade colaboradora da USC. Trátase, en definitiva, dun xeito de pór en valor o coñecemento, a ciencia e a divulgación que rodean a figura da autora.