Ética científica

“Temos que dalo”. A decisión foi unánime, como non podía ser doutra maneira. Todo o equipo de GCiencia estaba na redacción cando, a finais de xaneiro, se anunciou un estudo que lograba a curación do cancro de páncreas en ratos. O contexto é evidente: é un dos tumores máis agresivos porque se adoita detectar en fases moi avanzadas, e hai unha evidente fenda de tratamentos efectivos. Pero insisto: a investigación fíxose en modelos animais. Por tanto, estamos a falar, como tantas outras veces, dunha ciencia básica que funciona como motor para os avances do futuro, pero da que nunca se deben extraer afirmacións categóricas. A ciencia sempre está conxugada en condicional

O estudo estaba liderado polo prestixioso Mariano Barbacid, exdirector do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) —agora nunha situación extraordinariamente comprometida— e xefe do Grupo de Oncoloxía Experimental da mesma institución. Aválao un historial brillante, dado que en 1982 descubriu o primeiro oncoxene humano (H-Ras), un xene mutado que promove a proliferación do cancro. Este achado supuxo toda unha revolución na investigación oncolóxica das seguintes décadas. Non obstante, a longa e prolífica carreira de Barbacid non estivo exenta de polémicas. En 2011 protagonizou un soado enfrontamento co Ministerio de Ciencia, a quen acusaba de non facilitar o financiamento dun prometedor estudo sobre o cancro de pulmón (tamén en ratos, claro). O Ministerio acusouno de “xogar coa dor” dos pacientes.

Publicidade

Quince anos despois, Barbacid volve estar no centro da diana, e non por un achado revolucionario nin histórico. A Academia das Ciencias dos Estados Unidos anunciou esta semana que retiraba o artigo sobre o cancro de páncreas, publicado a comezos de decembro de 2025, por ocultar intereses empresariais. A investigación foi rexeitada inicialmente pola prestixiosa revista Nature pero Barbacid publicouna igualmente na revista PNAS, da academia norteamericana, por unha vía máis laxa, dado que é membro da institución. O motivo da retirada é que o investigador non declarou que é copropietario, xunto a dúas coautoras, da empresa Vega Oncotargets, creada precisamente para o desenvolvemento de novas terapias contra o cancro de páncreas.

Todo este contexto é imprescindible para entender unha trama tan complexa. Barbacid defendeuse (a través dunha avogada) do categórico comunicado da Asociación das Ciencias dos Estados Unidos e negou que existise mala fe. Mais potentes voces da comunidade científica levan, dende xaneiro, poñendo en corentena o estudo de Barbadid. Non tanto pola metodoloxía, nin menos aínda pola creación dunha empresa para a explotación dos resultados —algo moi habitual—, senón por unha estratexia de comunicación que o levou a peregrinar, incluso, por platós de televisión.

Publicidade

Ben coñecida é a súa entrevista en El Hormiguero, o programa de Pablo Motos no que a rigorosidade da ciencia non é o prato forte. E no que anunciaron a entrevista con Barbacid a bombo e platillo, como se estiveran a falar da verdadeira cura do cancro de páncreas. Eu, que despedín hai uns anos a un grande amigo a causa desta terrible enfermidade, teño algo que dicirlle a Pablo e a Mariano: non tendes dereito. Non, non se xoga coa dor dos pacientes que, en avalancha, preguntaron a través de redes sociais e, incluso presencialmente no CNIO, como podían acceder ao ensaio clínico. A ciencia básica é tan fundamental como prometedora, pero hai que comunicar os seus resultados con rigor, certezas e ética. Dos ratos aos humanos hai saltos que poden ser insalvables.

E non o digo eu que, dende a miña posición de xornalista, poño en dúbida unha política de comunicación a todas luces excesiva. Sen mencionar, vaia por diante, que a presentación do estudo a fixeron nunha fundación privada —cando o artigo xa levaba case dous meses publicado— e non no CNIO, o centro público ao que está adscrito Barbacid. Quen realiza unha lectura crítica da investigación é Enrique de Madaria, un dos maiores expertos mundiais en pancreatoloxía, e a quen entrevistou a miña compañeira Andrea en febreiro. “Un modelo que funciona en animais pode non funcionar en humanos. O cancro nas persoas é moi diferente, tendo en conta que os ratos de experimentación son iguais, mentres que os humanos teñen, por exemplo, idades e pesos diferentes”, di.

Máis alá de comprobar se a tripla terapia de Barbacid é efectiva en humanos, hai que ser realistas. Os tratamentos percorren un longo periplo, ás veces incluso de décadas, ata estar dispoñibles nas farmacias. Recoméndovos a lectura deste artigo de Eldiario.es, onde outras potentes voces (tamén galegas) poñen asteriscos á investigación do CNIO.

Por se todo o anterior non fose pouco, El País publicou o mércores 29 un artigo no que sinalaba a Barbacid por seguir recadando fondos de doantes para financiar a investigación do cancro de páncreas, aínda que o científico xa fora notificado da retractación do estudo. Unha retirada que, ademais dos intereses ocultos, pedía a revisión dunhas imaxes que posiblemente estivesen duplicadas. 

O caso de Barbacid é unha oportunidade para reflexionar sobre a ética científica e sobre o importante que é a comunicación rigorosa e efectiva dos achados. Os investigadores non poden estar encerrados no laboratorio como se fosen Maria Skłodowska-Curie, pero tampouco deberían acollerse á espectacularidade de platós de televisión onde non se garanta unha comunicación fiel dos resultados. É imprescindible contar os avances da ciencia básica e darlle o seu lugar na sociedade, no debate público. Pero non a toda costa. 

Cando se fala de ética, non podo obviar que hai agora tres anos —síntome francamente abafada polo paso do tempo— saíu á luz a trama saudita. En 2023, destapouse a fraude cometida por 11 científicos españois que se adscribiran en falso en universidades de Arabia Saudita. O obxectivo era, segundo varias investigacións xornalísticas, percibir beneficio económico a través dunha suposta empresa pantasma co obxectivo de que os centros sauditas escalasen nos ránkings internacionais. En resumidas contas, comerciar coa ciencia. Pero deses 11 científicos sinalados, dous deles eran galegos e adcritos ao Centro Tecnolóxico da Carne, dependente da Consellería de Medio Rural.

Falamos de dous investigadores que eran capaces de escribir ata 74 artigos nun ano. A reflexión naquel momento foi: son capaces de lelos todos? O líder do grupo, que non estaba adscrito a universidades sauditas, chegou a publicar máis de 200 artigos nun ano, o que se traduce nun cada dous días, sen ter en conta as vacacións, os festivos nin a fin de semana. Unha produción polo ben da ciencia, supoño. O certo é que este caso abriu un profundo debate social e mediático, pero non teño claro se se produciron cambios efectivos. Mentres continuemos valorando máis a cantidade que a calidade, haberá quen se venda ao mellor postor, que non sempre son a ciencia e a ética profesional de quen traballa para o avance da sociedade. Unha verdadeira mágoa.


Agora, pasemos aos temas da semana!

Novo testemuño 🗣️ O tema que máis tempo e espazo ocupou na redacción de GCiencia nas últimas semanas foi o caso de presunto acoso sexual dun profesor da UVigo cara a varias alumnas. Tras facer público o informe reservado elaborado pola Universidade, que non tomou medidas cautelares pese a recoñecer indicios claros, unha exestudante púxose en contacto connosco para contar un novo testemuño. Segundo relatou, foi acurralada nun dos corredores da facultade polo mesmo docente, quen despois a abrazou. É un novo capítulo dunha investigación tan longa como necesaria.

A mandíbula dunha nena da Idade do Bronce 🔎  Se me deixase levar só polas miñas preferencias, este sería, sen dúbida, o meu tema favorito da semana. Escribiuno a miña compañeira Andrea, quen contou o fantástico achado dunha mandíbula datada hai 3.500 anos. Grazas á paleoxenómica, un equipo da Universidade da Coruña (UDC) logrou identificar os restos, que pertenceron a unha nena da Idade do Bronce que probablemente tivo os ollos, o pelo e a pel escuros. Fascinante. 

Dopamina e lampreas 🧠 Outro dos temas máis interesantes da semana foi o traballo da nosa colaboradora Elena Martín sobre a investigación que leva a cabo o equipo do neurocientífico Juan Pérez no Centro en Nanomateriais e Biomedicina (Cinbio) da UVigo. Para entender como funciona o noso cerebro, o grupo emprega un modelo animal ben curioso: a lamprea, o vertebrado vivo máis antigo que existe. Pero de pouco serve que cho explique se o podes ver neste fantástico vídeo.


Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

A natureza que nos rodea

Un novo estudo da Universidade de Santiago detecta unha nova ameaza para a píllara das dunas en Galicia

Detrás da noticia dun (presunto) acoso sexual

Un informe interno da UVigo revela ata catro testemuños contra un profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución