O caso do profesor da Universidade de Vigo sinalado por ata catro alumnas de presunto acoso sexual suma un novo testemuño. Unha antiga estudante da Facultade de Filoloxía e Tradución vén de desvelar como o citado docente —que non foi apartado das súas clases pese á existencia dunha denuncia xudicial— a acurralou e a abrazou nun dos corredores do que naquel entón, no curso 2022/2023, era o seu centro de estudos. Unha investigación interna da UVigo deu “verosimilitude” ás acusacións das mozas, pero descartou adoptar medidas cautelares á espera de que se resolvese xudicialmente a acusación por acoso sexual presentada por unha delas.
Amanda —nome ficticio— decidiu narrar a súa experiencia tras saber por GCiencia da existencia doutras alumnas que sufriron presuntamente situacións similares á súa, co obxectivo de evitar que outras compañeiras vivan transos semellantes. No seu caso, os feitos aconteceron ao final do primeiro cuadrimestre do curso 2022/2023, cando estaba a falar co profesor sinalado nunha das galerías da facultade despois dunha clase. “Acurraloume e abrazoume nun corredor”, denuncia.
“Estabamos falando de cousas da materia mentres camiñabamos polo corredor. Era a hora de comer e parecía un edificio pantasma. Chegamos a unha zona da galería, que ten formato túnel e unhas ventás moi altas dun lado e doutro”, describe, e engade: “Iámonos despedir porque me faltaba pouco para graduarme. Entón, decateime de que estaba moi pegado a min. Cada vez máis preto, achegábase paseniñamente. Cada vez máis preto. El nunca me falara así antes”.
Entón, foi cando Amanda se deu conta de que estaba cercada contra o cristal dunha das ventás. “Estaba poñéndome literalmente contra a parede. Intentei apartarme un pouco del de maneira disimulada, pero non podía. Estaba atrapada; totalmente acurralada. Os corredores estaban desertos porque era ao final dunha clase de mediodía”, continúa. De repente, alguén pasou preto deles: “Aí, el apartouse de min”. “Eu pensaba: tranquila, estás nun corredor”, describe. Pero despois de apartarse —sempre segundo o seu relato— o profesor tomou a iniciativa e abrazouna: “Quedei branca. Todo foi moi raro”.
O profesor acusado xa por cinco alumnas segue coa docencia a pesar de que o expediente da Universidade atopou indicios dun “patrón de comportamento”, polo que se fai “imprescindible” para as estudantes ata que a relación deriva en contacto físico e, incluso, proposicións de relacións sexuais. O informe, elaborado pola catedrática de Dereito María del Carmen Ruiz Hidalgo en marzo de 2025, recomendaba nas súas conclusións que se tomase declaración a alumnas do departamento ao que pertence o docente para continuar coa investigación.
No seu informe, Ruiz Hidalgo recollía o testemuño dunha primeira alumna que destapou o caso e que denunciaría con posterioridade ante a Policía Nacional o profesor por supostamente abrazala, intentar bicala e propoñerlle relacións sexuais nunha titoría. Tras este relato, a UVigo recompilou mensaxes de, polo menos, outras tres alumnas, que relataban episodios nos que el lles facía agasallos, lles tocaba a cadeira e lles ofrecía visitalas de madrugada. A xudicialización motivou a suspensión do expediente interno, que se adoptou sen medidas cautelares. Preguntada por GCiencia, a UVigo non aclara se seguirá coa investigación agora que o xuiz arquivou provisionalmente a causa impulsada por Samira —nome ficticio—.
Segundo explica Amanda, que agora narra o seu caso, semanas antes do episodio descrito houbo un precedente que suscitou nela incomodidade e nervios. A raíz de presentar un traballo académico, o profesor envioulle un correo electrónico a última hora da tarde solicitando vela nunha titoría presencial. “Lembro que dicía que era unha proposición profesional e eu pedinlle que ma explicase por correo. El insistía que tiña que ser en persoa. Pareceume estraño e pedinlle á miña parella e a un familiar que me acompañaran á facultade”, di Amanda, quen subliña a incomodidade que sentiu durante o intercambio de correos. Na titoría, el propúxolle un proxecto profesional e ela, segundo describe, quedou coa sensación de que o malestar que sentía tan só foran imaxinacións súas.
Lembra, tamén, que nalgún punto, o profesor fíxolle preguntas sobre a súa vida persoal e, entre elas, intentou averiguar se tiña parella. Este testemuño coincide co que trasladou a alumna que denunciou ante a Policía Nacional en febreiro de 2025, e cuxo caso foi sobreseído e arquivado provisionalmente por “falta de colaboración da vítima”. Segundo referiu ante a Policía a denunciante, de orixe estranxeira, o profesor tamén lle fixo preguntas persoais. Entre elas, se tiña familia, amigos ou parella en España.
Da denuncia ao informe
Os feitos denunciados por Samira aconteceron presuntamente nunha titoría presencial en xullo de 2024, mais ela relata que o profesor xa lle ofrecera “visitala na súa casa se precisaba axuda”, xa que a estudante tiña problemas de saúde. Nun primeiro momento, ela considerou que os comportamentos do docente eran “paternalistas”, sen reparar noutras posibles intencións. Na titoría do verán de 2024, a denunciante asegura que o docente a abrazou, a bicou no pescozo, despois intentouno cos beizos e fíxolle proposicións de índole sexual. A súa denuncia ante o reitorado en xaneiro de 2025 e, posteriormente, a interposta ante a Policía Nacional, impulsaron a investigación interna na Universidade, na que se detectaron, polo menos, tres casos máis.
O informe de Ruiz Hidalgo recoñeceu o seguinte: “Respecto á acusación de acoso sexual, (…) dámoslle verosimilitude aos feitos descritos (…) e cremos que existiu non só con esta alumna, senón con outras alumnas predoutorais e posdoutorais”. Nas conclusións, Ruiz Hidalgo instaba a continuar coas pesquisas “con independencia do curso da investigación policial”. Hai dúas semanas, o equipo reitoral anunciou que pediría ao Ministerio Fiscal investigar as filtracións a GCiencia, mais sen aclarar o estado do seu informe.















