A UVigo mantén un profesor pese a recoñecer indicios claros de acoso sexual cara a alumnas

A Universidade suspendeu a súa investigación ao intervir a Policía nun dos casos, aínda que detectou polo menos outras tres presuntas vítimas

A Universidade de Vigo mantén nas súas funcións un profesor da facultade de Filoloxía e Tradución a pesar de admitir a existencia de claros indicios de acoso sexual contra varias das súas alumnas. Así o admite unha investigación interna aberta por mor da denuncia presentada por unha delas, que asegurou que o docente a abrazou, a bicou e realizou proposicións de tipo sexual no seu despacho. A súa denuncia provocou a apertura dun expediente no que, en marzo de 2025, a instrutora deu “verosimilitude” aos feitos descritos pola estudante e indicou que outras poderían ter sufrido situacións semellantes dende hai anos. A pesar diso, o profesor segue impartindo clases na mesma facultade un ano despois.

“Respecto á acusación de acoso sexual, (…) dámoslle verosimilitude aos feitos descritos (…) e cremos que existiu non só con esta alumna, senón con outras alumnas predoutorais e posdoutorais”, recolle o informe interno ao que tivo acceso GCiencia. A denunciante trasladou o caso de suposto acoso sexual á Policía Nacional en febreiro de 2025, pero a causa foi arquivada polo xuíz un ano despois “por falta de colaboración da vítima”. Precisamente a denuncia policial foi argumentada pola UVigo para evitar medidas disciplinarias, a pesar de que o seu propio expediente menciona a existencia de máis presuntos casos a outras alumnas da mesma facultade. A universidade non aclara se vai continuar adiante agora coa investigación.

Publicidade

O documento da instrutora, a catedrática de Dereito María del Carmen Ruiz Hidalgo, certifica que o relato da denunciante se asemella aos demais testemuños doutras estudantes da mesma facultade recollidos no transcurso da investigación: “Poderíase sospeitar que hai un patrón de comportamento por parte do profesor”. O documento manifesta que o presunto acoso sexual non semella ser algo illado, senón parte dunha conduta sistematizada. Un dos casos que aparecen no informe recolle o relato dunha antiga alumna do docente, quen “confesou ter sufrido acoso sexual durante varios anos”.

No transcurso da investigación interna, a directora do departamento ao que pertence o docente recoñeceu que “había rumores” do presunto acoso sexual a estudantes dende setembro de 2024 e que, xunto a outra profesora, trasladou tres casos máis á Unidade de Igualdade da UVigo. “Non conseguiron que algunha das alumnas denunciasen para que a Universidade tomase medidas”, indica o expediente. Tras as súas averiguacións, a conclusión de Ruiz Hidalgo é que “se deberían investigar con maior profundidade os feitos denunciados respecto do acoso sexual”, en referencia ao caso que chegou á Policía Nacional.

Publicidade

O patrón de comportamento

A UVigo recibira o 30 de xaneiro de 2025 unha queixa formal por parte da alumna dun máster da citada facultade, quen poñía en coñecemento da universidade os supostos feitos que, o 11 de febreiro, denunciou ante a Policía Nacional. Nove días máis tarde, a institución académica iniciou a investigación, cuxo informe final remitiu ao Ministerio Fiscal. A UVigo incoou un expediente disciplinario ao profesor, pero acordouse a súa suspensión sen adoptar medidas cautelares ata que non se dilucidasen as responsabilidades penais.

Ruiz Hidalgo recolleu información de varias estudantes e atopou similitudes entre os diferentes relatos como, por exemplo, que o docente “se fai imprescindible” profesional e academicamente para a persoa, que comparte detalles da súa vida persoal e, así, consegue que as alumnas “se involucren emocionalmente con el”. Pero os indicios van máis alá e descríbese o seguinte: “Contacto físico como abrazos e bicos na meixela nun primeiro momento, para posteriormente crear un ambiente no que o bico sexa na boca, poñer a man na cintura, facer comentarios sobre o físico…”. Precisamente as semellanzas entre os casos levou á UVigo a sospeitar dunha conduta sistematizada.

Os feitos denunciados

Segundo consta na denuncia presentada ante a Policía Nacional pola alumna que desencadeou a investigación, nunha titoría presencial, en abril de 2024, o profesor preguntoulle datos persoais e “ofreceu visitala na súa casa se precisaba axuda”, xa que a estudante tiña problemas de saúde. Dada a súa condición de estranxeira, nun primeiro momento ela considerou que os comportamentos do docente eran “paternalistas”, sen reparar noutras posibles intencións. Nas seguintes semanas, insistiu en tenderlle a man “para axudala tanto academicamente como a nivel persoal”. Tres meses despois, o 12 de xullo, a estudante asistiu a unha titoría presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde se produciu o suposto acoso sexual que motivou a denuncia.

“Cando entra no despacho e pecha a porta, o docente achégase á denunciante, abrázaa e bícaa no pescozo, despois intenta bicala nos beizos”, recolle o documento presentado ante a Policía Nacional. Seguindo o seu relato, o profesor fala da súa vida persoal e expresa o desexo de manter relacións sexuais coa denunciante mentres a colle da man. A alumna declara que saíu do despacho “nerviosa e asustada” e que, nos días sucesivos, el ponse en contacto con ela a través de mensaxes de WhatsApp nas que solicita que se vexan fóra da facultade ou, incluso, chegou a ofrecer visitas á propia casa da estudante. Segundo recolle a denuncia, estas mensaxes continuaron de forma “insistente” ata decembro de 2024. Preguntado por GCiencia a este respecto, o docente negou os feitos e apelou á súa inocencia.

O pasado 3 de marzo o xuíz ditou un auto de sobresemento da causa, polo que a denuncia quedou arquivada por “falta de colaboración da vítima”. O documento apunta que a versión de ambas as partes é “obxectivamente coherente e verosímil”, mais non se puideron recoller probas que corroborasen o testemuño da vítima. En canto ás mensaxes achegadas pola denunciante, o xulgado considera que non se pode extraer ningunha “conclusión inculpatoria” e que o acusado explicou que todo obecedía a unha “especial preocupación pola alumna dada a súa vulnerabilidade derivada da súa condición estranxeira”. Fontes próximas á denunciante, que foi defendida por unha avogada de oficio, atribúen ao seu escaso dominio do español e aos seus problemas de saúde mental a actitude descrita polo xuíz.

Similitude entre os relatos

Os feitos relatados pola denunciante gardan similitudes con outros testemuños recollidos pola universidade no informe que remitiu á Fiscalía. Nas mensaxes que incorpora a instrutora, outras estudantes recoñecían que o profesor lles contaba a súa vida persoal, que insistía en visitalas na súa casa de madrugada e que incluso lles enviaba agasallos. A insistencia do docente a través das mensaxes directas por redes sociais tamén se reflicte non só no relato da denunciante, senón nos outros casos que recolle o expediente da UVigo. Incluso outra exalumna, agora profesora noutra universidade, relata en primeira persoa o suposto acoso sexual sufrido durante anos e asegura ser, tamén, testemuña de comportamentos inapropiados por parte do docente cara a outras compañeiras de traballo.

A universidade

Consultada por GCiencia, Ruiz Hidalgo declinou ofrecer a súa versión e non aclarou se a investigación interna da UVigo está arquivada ou continuará o seu curso. “Como a alumna denunciou os feitos ante a Policía, a universidade non podía iniciar ningún tipo de actuación ata que non finalizase a investigación policial”, argumenta. Porén, as conclusións do seu propio informe recomendaban continuar coas pesquisas “con independencia do curso da investigación policial”, dada a existencia doutras presuntas vítimas do profesor. A instrutora apela ao dereito á presunción de inocencia do docente e define como “escabroso” que esta situación se faga pública “se non hai ningún tipo de denuncia a posteriori”. “Non todo vale, hai límites ao dereito á información”, asegura.

Pola súa parte, o docente ratifícase na súa versión. En relación ao expediente da UVigo, declara o seguinte: “A instrución reservada aberta polo reitorado hai un ano non me deu a oportunidade á que tiña dereito para defenderme en segunda instancia”. Segundo explicou a GCiencia, agora agarda que tamén se declare o sobresemento da investigación interna da UVigo, que quedara suspendida á espera de que se dilucidase a responsabilidade penal das condutas denunciadas.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos avalan as terapias con realidade virtual para persoas con dano cerebral adquirido

Dous estudos pioneiros demostran a eficacia dun modelo baseado en 'exergames' que combina estimulación física e cognitiva

A UVigo únese a un proxecto europeo para mellorar o diagnóstico das infeccións crónicas de feridas

A iniciativa desenvolverá modelos bioenxeñados de pel e tecnoloxías baseadas en nanomateriais para avanzar cara a un tratamento personalizado

De Vigo a Xapón para estudar novas estratexias naturais contra as mareas vermellas

A investigadora Rocío Blanca Sújar explora o potencial das macroalgas no control tóxico das proliferacións de algas nocivas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas