A etapa universitaria está chea de cambios, estrés e tensión, circunstancias que poden favorecer o consumo de substancias como o alcol ou outras drogas. Con todo, mentres na educación secundaria son habituais as charlas de prevención sobre consumo de drogas e relacións sexuais, na universidade non se organizan. “Os universitarios son os que máis nos preocupan dende o punto de vista da saúde pública”, sinala Nuria García Couceiro, investigadora na área de Enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ela, xunto a outros seis investigadores, lidera un estudo sobre as agresións sexuais en presenza de drogas no estudantado universitario galego, presentado o xoves 26 nas Nerd Nites. Segundo o estudo, un 12,4% do estudantado declarou que se aproveitaran sexualmente deles/as cando estaban baixo os efectos do alcol ou outras drogas.
As respostas incluían dende comentarios sexuais invasivos, tocamentos e bicos, acorralamento e insistencias ata sexo oral ou penetración oral e anal. O estudo, de carácter observacional e transversal, contou coa participación de 3.512 estudantes de entre 17 e 35 anos das tres universidades galegas, pertencentes a 43 titulacións de grao diferentes.
Nas respostas observouse unha gran diferenza de xénero: o 16,5% das mulleres sufriron algunha destas situacións na súa vida, fronte ao 4,8% dos homes. “Só o 1,6% das mulleres chegou a denunciar”, engade García Couceiro. Pola súa banda, os homes realizaron máis denuncias e acudiron máis a urxencias que elas, con 3,3% e 4,9% respectivamente. “Elas son as máis afectadas, pero silencian moito”, engade a primeira autora desta investigación multidisciplinar, financiada no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero da USC.
Vulnerabilidade química vs. Sumisión química
A investigadora da USC sinala que moitas persoas adoitan confundir os conceptos vulnerabilidade e submisión química. A vulnerabilidade química, tamén chamada submisión oportunista, prodúcese cando o agresor se aproveita da vulnerabilidade da vítima, que se atopa inconsciente debido ao consumo voluntario dalgunha substancia. Por outra banda, a submisión química proactiva ocorre cando o agresor intoxica deliberadamente e de forma encuberta á vítima con substancias.
“O 79,7% dos casos asócianse á vulnerabilidade química, a maioría en contextos de ocio“, explica García Couceiro. Mentres, o 7,5% dos casos está asociado á sospeita de sumisión química e no 12,8% detectouse unha combinación de ambos os tipos.
O estudo tamén revela que o 87,3% das vítimas identificou ao seu agresor como home, o que reflicte unha “violencia estrutural”, tal e como sinala Nuria García. Ademais, case o 63% dos agresores son coñecidos das vítimas: “Pensas que estás segura nun contexto de ocio, pero estás exposta a este tipo de riscos pola persoa que tes ao lado”, engade. No caso da vulnerabilidade química, o 97,5% dos incidentes implicaba a presenza de alcol, só ou mesturado con outras substancias.
“As burundangas e escopolaminas son casos case anecdóticos; o alcol é a substancia que máis intervén nos casos de agresión sexual”, explica a investigadora. Tras o alcol, destacan as borracheiras, o binge drinking e o tabaco, así como o cánnabis, presente no 32,7% dos casos, e a cocaína, que representa o 4,1%. “Son substancias comúns que eles manexan”, engade, destacando que na universidade o seu consumo está normalizado.
Condutas de risco online
García Couceiro sinala que existe “unha tendencia a condutas de risco sexual e online“, como o sexo sen preservativo, que se dá no 60% dos casos. No ámbito dixital, as enquisas realizadas aos estudantes revelan que o 72% consome pornografía, o 48,7% recibiu mensaxes eróticas ou sexuais e un 35,2%, enviou este tipo de mensaxes. O sexting tamén aparece como práctica habitual, tanto de forma activa (27%) como pasiva (35%). Ademais, Nuria García destaca que o 22,2% das vítimas aceptou solicitudes de descoñecidos en redes sociais, aumentando así a exposición a riscos en liña.
Reincidencia e saúde mental
“O 30% das vítimas sufriron situacións de agresión sexual en máis dunha ocasión“, explica a investigadora. Sinala que estudos previos con adolescentes menores indican que, nalgúns casos, as persoas vulnerables afrontan estas situacións dunha forma que as fai máis susceptibles a novas agresións. “Unha agresión pode derivar no desenvolvemento dalgún tipo de trastorno de saúde mental ou nun consumo excesivo de substancias, que pode levar a unha nova situación”, engade.
A pesar diso, García Couceiro destaca que un dos resultados máis relevantes do estudo é que as vítimas presentan unha escala de benestar emocional e satisfacción coa vida menor que as persoas que non sufriron ningunha agresión sexual. Os parámetros relacionados con depresión severa e risco suicida tamén se elevan: 7,1% e 4,8%, respectivamente, fronte ao 2,2% e 1,2% das non vítimas. “É un problema de saúde pública, non algo banal”, subliña a investigadora.
Neste estudo, Nuria García aclara que non quere centrar a atención nas vítimas. Por iso cambiouse a terminoloxía: pasouse de agresións sexuais facilitadas por drogas a agresións sexuais en presenza de drogas. “Non se culpabiliza á vítima por consumir ou ter condutas de risco; o factor determinante dunha agresión é o agresor”, aclara a investigadora.
Un baleiro que solucionar
Ante os resultados deste estudo, o equipo investigador considera que é posible formular recomendacións concretas dirixidas aos universitarios. “Temos un baleiro no que queremos pór o foco para desenvolver políticas e campañas de prevención”, explica Nuria García Couceiro. A investigadora, que tamén traballa en prevención nos institutos, ten aínda unha dúbida científica fundamental: Por que os homes agreden moito máis que as mulleres? “Non todos agreden, pero existe unha porcentaxe maior”, aclara.
Por iso, o grupo da USC quere continuar con esta liña de investigación. Unha das vías sería realizar un estudo cualitativo para afondar nos motivos detrás destas agresións, aínda que resulta máis doado localizar vítimas que agresores. Segundo García Couceiro, isto permitiría coñecer as variables implicadas e comprender mellor as causas e consecuencias. “Hai moi poucos estudos baixo este paraugas en España”, subliña.
Entre os desafíos identificados están a necesidade de máis investigación, de enquisas de vitimización promovidas polos organismos públicos e de plans de prevención e efectivos autonómicos. Con todo, subliña que a educación é importante: tanto a prevención do consumo de substancias como a coeducación na igualdade afectivo-sexual. “Esta é unha primeira fotografía dos universitarios, pero gustaríanos saber que pasa noutros ámbitos”, conclúe Nuria García Couceiro.













