Un estudo alerta de que o uso do preservativo nos adolescentes galegos é minoritario

O coñecemento sobre métodos anticonceptivos diminúe e a inmensa maioría dos mozos apoia a creación dunha materia de educación sexual

“É incómodo, da menor pracer”… A maioría dos adolescentes coñece o preservativo, pero tamén moitos non os usan, a pesar dos riscos que iso supón. Esa é unha das conclusións dun estudo realizado en centros educativos de Pontevedra polos investigadores Javier Paz e Manuel Varela publicado na Revista Internacional de Androloxía. Só o utilizan un 35,9% dos mozos enquisados. O uso apenas aumentou un 0,6% nos últimos 15 anos. Outros estudos, segundo se indica na propia publicación, tamén apuntan ao mesmo dato, malia que con porcentaxes de entre o 33% e o 48%: a maioría non usa métodos anticonceptivos. E é que, en pleno cuarto de século XXI, o método máis común polo que obteñen información é a través do boca a boca, das amizades.

A baixa taxa de uso de anticonceptivos segue a ser preocupante para os expertos. De feito, o coñecemento diminuíu na última década. No estudo realizado polos mesmos autores en 2010, o 87,3% coñecían o condón, mentres que na actualidade a cifra diminúe ata o 79,2%. Tamén diminuíu o coñecemento da pílula anticonceptiva, que se atopa no 58,8%. “Como pregunta complementaria, preguntamos se habían utilizado algún, e nos atopamos que o 64,1% non”, destacan os autores. É algo que contrasta con publicacións como a realizada en Portugal pola Escola Superior de Saúde de Viseu, onde apuntaban a que o 81,3% dos enquisados utilizaban algún método anticonceptivo, co preservativo como o máis frecuente.

Publicidade

O abuso sexual na adolescencia

Sobre o coñecemento de enfermidades de transmisión sexual (ETS), o único do que a maioría tiña constancia é o virus da inmunodeficiencia humana (VIH). Tamén coñecen a gonorrea o 35% e a sífilis o 25,2%. De feito, o 77,4% dos mozos apuntan a que a intención coa que se usa o preservativo é previr unha ETS. O outro principal motivo é o risco de embarazo. O 78,9% tamén sabía que hai risco de embarazo no caso de manter relacións sexuais durante a menstruación e o 65,9% xa tiñan en conta que non ter sangrado menstrual non significa que xa non poden ter un bebé. O 80,5% saben a donde acudir en caso de ter algún problema deste tipo.

O consentimento, como tamén levan indicando outras enquisas, é outro punto preocupante. Un 6,5% opinan que non é imprescindible o consentimento da parella e un 7,5% non rexeitou a violencia machista. O 13,8% das rapazas referiron ser obxecto de abuso sexual, algo que tamén sufriron o 4,2% deles. O 20,8% sinalaron que tamén o presenciaran noutras persoas. Tamén se lles preguntou polo pracer que obtiveron das relacións. Entre aqueles que tiveron sexo, o 54,9% responderon que non foron pracenteiras fronte ao 45,2% que consideran que si o foron.

Publicidade

Falta de educación sexual

A educación sexual é crucial e é algo que reclaman, a través dunha materia de Educación Sexual que estea implementada no Currículo Escolar, o 88,5% dos estudantes. Para os autores, é recomendable incrementar os coñecementos sobre enfermidades de transmisión sexual e para métodos anticonceptivos. “Tamén é importante darlles información sobre o pracer e os modelos positivos de sexualidade”, apuntan os autores.

O problema é que, en moitas ocasións, a información vén de fontes que poden ser confusas ou non fiables. Para o 55,7% dos enquisados, recorreron algunha vez á pornografía porque aseguran que proporciona máis coñecementos para ter un encontro sexual. Ademais, comezan a ver pornografía pronto, aos 13 anos, a pesar da visión prexudicial e violenta que poden deixar sobre o sexo. Malia iso, a información provén principalmente das amizades (77,6%), Internet (64,7%) e as redes sociais (55,9%). Con todo, tamén souberon máis grazas á familia (44,6%), profesores (27,3%) e a consulta de libros (22,2%).

No caso da familia, é destacable que a nai foi a preferida dos enquisados (76,1%), antes que o pai (53,2%) e cunha gran diferencia cos irmáns (19,9%). Sobre os centros escolares, a información recibida foi, segundo o 53,7%, escasa. O 23,9% asegura non ter recibido ningunha.

Mitos sexuais

A pesar da información que poidan recibir, mantéñense moitos mitos sexuais, pero especialmente neles. O 65,6% das mozas afirman que o pene grande non proporciona máis excitación, e o 72,5% asegura que ter uns pechos máis voluminosos tampouco implican maior satisfacción. Con todo, nos homes a percepción apenas cambiou na última década: no estudo publicado en 2010, o 36,1% dos varóns non pensaban que un pene grande implica máis satisfacción. Agora, é un 34,4%. Empeora máis no caso desta percepción sobre os pechos. En 2010, un 60% deles consideraba que non tiña nada que ver ter máis pechos con obter maior satisfacción. Agora, só o pensan o 27,5%.

“Temos que seguir insistindo en que procede evaluar a implantación da materia de Educación Sexual nos centros escolares”, destacan Paz e Varela, que consideran esencial tras constatar o baixo coñecemento que existe no eido da sexualidade. Segundo estes, é necesario implementar mellores programas educativos para promover un enfoque que teña en conta as desigualdades e iniquidades sociais sen olvidar o apartado científico da mesma.


Referencia: Javier Paz-Esquete, Manuel Varela-Salgado. A second study about sexual knowledge and attitudes of Galician adolescents. Revista Internacional de Androloxía. 2025; 23(1): 25-37. doi: 10.22514/j.androl.2025.002.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos