ChatGPT e adolescencia: “A educación en IA debería ser obrigatoria na secundaria”

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza un informe que apunta a actitudes perigosas na mocidade, como a creación de imaxes sexuais falsas con novas plataformas tecnolóxicas

Ao igual que coa chegada dos ordenadores, da Internet e dos móbiles, os mozos tenden a ser os que máis rápido se adaptan e usan as novas tecnoloxías. No caso da intelixencia artificial (IA) é unha revolución vertixinosa e, como tal, está a provocar algúns grandes desafíos, como amosa un informe de Plan International. Segundo este, un 30% dos mozos considera aceptable que un rapaz cree unha imaxe sexual falsa dunha rapaza a través da IA. Tamén preocupa como estas ferramentas poden influír na aprendizaxe dos máis novos ou o seu uso como confidentes. Plataformas que, mal usadas, poderían ter consecuencias graves no seu desenvolvemento como persoas ou provocar danos a outras.

“Cando unha tecnoloxía coma esta chega ás rúas, a xente úsaas para cousas que non eran o obxectivo orixinal”, explica Francisco Bellas, catedrático en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña (UDC) e investigador no Centro de Investigación en TIC (CITIC) da mesma institución. Isto xera problemas e, especialmente, cando é algo tan revolucionario e que a cidadanía utiliza de forma masiva en pouco tempo. “O problema é que entrou excesivamente rápido”, destaca. Por iso, o experto di que quizais a balanza se inclina agora mesmo un pouco máis cara aos problemas que pode haber, pero non está de acordo en que teñan que perdurar no futuro.

Publicidade

O impacto en colexios e institutos

Un dos exemplos é a educación. Moitos profesores están preocupados por como pode afectar a chegada da intelixencia artificial ás aulas. Segundo Plan International, o 60% dos adolescentes utilizan plataformas como ChatGPT para resolver dúbidas. Máis de un de cada catro as aproveita para non dedicar tanto esforzo nos estudos. “Eu uso a IA para os exames e esas cousas”, asegura unha sevillana de 16 anos para o informe.

“De momento, non hai evidencias científicas con suficiente tempo como para saber o impacto que ten a IA na educación”, recorda Bellas. Por iso, cre que a sociedade debe ser cauta á hora de sacar conclusións con este tema. O experto considera que a IA pode ser moi útil se xa dominas ou tes moitos coñecementos sobre un tema. “Se engades neses casos un ChatGPT, algo baseado en IA xenerativa, iso é positivo, porque pode automatizar tarefas que só quitarían tempo”, explica.

Publicidade

É un funcionamento parecido ao dunha calculadora: todo o mundo ten que coñecer como funcionan as matemáticas pero, unha vez controlado iso, pode ser unha ferramenta útil. Pero Bellas fai un matiz importante: as plataformas de IA poden estar equivocadas, mentres que unha calculadora non. “Cando non controlas dun tema e a IA non funciona ben, ti non sabes do tema, polo que non achega nada”, defende. Isto é algo que pasa ás veces cando os rapaces fan traballos dalgunhas materias. Ademais, tamén hai consecuencias na súa capacidade para aprender. “Se utilizo a IA para que faga o traballo que eu teño que aprender a facer, non aprendo nada”, destaca. Cando se usa para resolver algunha dúbida, si é útil, segundo o experto.

“A palabra clave é educar”

Outro dos datos do informe que preocupan é que ao redor dun 15% dos rapaces utilizan a plataformas como ChatGPT ou Gemini para contar cousas persoais, como se fose un confidente. “A palabra clave é educar”, asegura Bellas. Porque, advirte, non se está falando cun ser humano ou cun ser vivo, senón cun modelo de linguaxe. A IA non ten empatía, nin ilusión, polo que darlle cualidades humanas é perigoso, destaca.

O experto recorda unha reunión da UNESCO na que pedagogos e psicólogos recordaban que a aparición dos videoxogos tamén provocou algúns efectos similares. “Había xente que se metía nestes mundos virtuais con avatares e lograban confidencias”. O problema é que a IA é avanzada e realista, algo que o potencia polo que é preciso, segundo a súa opinión, a educación dixital. “A educación en IA debería ser obrigatoria na secundaria”, conclúe.

A creación de contido sexual ilegal

Moitos outros problemas derivan de que, ao ser unha ferramenta moi poderosa, hai unha menor barreira de entrada. Especialmente para certas actividades delitivas. É o caso, por exemplo, da creación de imaxes ou vídeos sexuais a partir de fotografías persoais co uso de IA. Segundo o informe de Plan International, é unha das grandes preocupacións dos adolescentes: un 84% das rapazas e un 76% dos mozos temen que lles ocorra a eles. E os seus temores non están inxustificados: só o 70% dos rapaces consideran que é inaceptable.

“Iso xa non é un marco de regulación da IA, e que é ilegal”, destaca Bellas, que considera que as escolas son o lugar para tratar estos temas. O investigador cuestiona por que existen este tipo de condutas e destaca que a IA simplemente é unha ferramenta que fai todo máis sinxelo. “Alguén que dominaba Photoshop podía facelo, pero claro, a IA simplifica o proceso e é moi problemático”, afirma. Por iso cre que aínda que se pode limitar a IA (que xa están restrinxidas para actividades delitivas), a clave é educar no dixital, no legal, no ético e tamén lexislar. “E se alguén utiliza iso, que saiba que terá un castigo”, considera.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha conversa con Otero Pedrayo: un chatbot permite dialogar co escritor a partir da súa obra

O Consello da Cultura Galega e Galaxia presentan un modelo de intelixencia artificial para explorar o legado do autor coa garantía da fidelidade histórica

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Está empobrecendo a IA a linguaxe xornalística (e da sociedade)?

A propagación da IA e o consecuente adestramento doutros modelos con textos sintéticos contribúe a eliminar a diversidade e riqueza lingüística. Por Xosé López-García e Cristian Augusto González Arias

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias