O declive de árbores que producen froitos secos ameaza a supervivencia do oso pardo

O profesor da USC Emilio Díaz Varela asina un estudo que combina modelos de distribución de especies con proxeccións climáticas ata o ano 2100

O cambio climático alterará a composición dos bosques que abastecen de froitos secos o oso pardo cantábrico (Ursus arctos), especialmente durante a hiperfaxia, a etapa previa á hibernación na que estes animais acumulan reservas enerxéticas que resultan esenciais para a súa supervivencia e reprodución. Así o revela unha investigación publicada na revista Frontiers in Forests and Global Change, que combina modelos de distribución de especies con proxeccións climáticas ata o ano 2100 para avaliar o futuro de nove especies produtoras de froitos secos na Cordilleira Cantábrica. No estudo intervén o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC), Emilio Díaz Varela.

O traballo, realizado tamén por investigadores da Universidade de Granada, a Universidade de Oviedo e o Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade IMIB-CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas, Universidade de Oviedo e Principado de Asturias), prognostica unha redución de especies atlánticas como a faia (Fagus sylvatica), a abeleira (Corylus abelá) e os carballos atlánticos (Quercus petraea, Q. robur), acompañada dunha expansión de especies máis termófilas e mediterráneas, como o castiñeiro (Castanea sativa), a aciñeira (Quercus ilex) e a sobreira (Quercus suber).

Publicidade

Segundo os escenarios climáticos analizados, ata un 25% da área actualmente ocupada polo oso pardo podería quedar sen acceso a especies produtoras de froitos secos a finais de século, mentres que a proporción de áreas con polo menos dúas especies dispoñibles diminuirá progresivamente.

Redución drástica de faia e carballos

“Os nosos modelos mostran que especies como a faia e os carballos atlánticos verán reducida a súa presenza de forma drástica, mentres que o castiñeiro e as aciñeiras poderán expandirse, sobre todo en áreas occidentais e meridionais da Cordilleira Cantábrica”, explican dende o equipo investigador. “Aínda que o oso posúe unha gran plasticidade alimenticia e capacidade de movemento, esta simplificación do mosaico forestal podería aumentar a súa dependencia de recursos menos estables e, en anos de baixa produción, intensificar a procura de alimentos de orixe humana”, engaden. 

Publicidade

O estudo propón accións concretas de manexo forestal para mitigar estes efectos, como a plantación de castiñeiras en zonas estratéxicas afastadas de núcleos habitados, a restauración de hábitats mixtos que combinen especies atlánticas e mediterráneas, e prácticas sielvícolas que favorezan a produtividade dos rebolos (Quercus pyrenaica).

A investigación enmárcase no proxecto europeo LIFE “Osos con Futuro”, financiado pola Unión Europea e coordinado pola Fundación Oso Pardo, con apoio adicional do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España.


Referencia: Predicting climate-related compositional shifts in nut-producing species that are important for bears during hyperphagia (Publicado en Frontiers in Forests and Global Change)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS